Xornadas de portas abertas das rutas dos viños nas 5 Denominacións de Orixe de Galicia

Estas sesións ofrecen visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes. Na fin de semana do 7 ó 9 as actividades centraranse nas Rías Baixas e no Ribeiro e na próxima, do venres 14 ó domingo 16, serán en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras

Publicidade
Xornadas de portas abertas das rutas dos viños nas 5 Denominacións de Orixe de Galicia

Visita ós viñedos dunha adega. // Arquivo.

Ó longo das dúas próximas fins de semana celebraranse as VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños nas 5 Denominacións de Orixe (DO) de Galicia. Unhas sesións nas que poderán realizarse visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes, ademais doutras actividades que as distintas DO organizan.

Esta fin de semana, do venres 7 ó domingo 9, as xornadas de portas abertas serán nas adegas das Rías Baixas e no Ribeiro. Namentres, do 14 ó 16 de xuño celebraranse en Monterrei, na Ribeira Sacra e en Valdeorras.

En cada ruta disporán dun programa especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño, catas comentadas, menús especiais, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.

Ruta do Viño Monterrei

Na Ruta do Viño Monterrei, que se celebrará do 14 ó 16 de xuño, participarán un total de 6 adegas que ofrecerán un recorrido guiado para coñecer as súas instalacións. Trátase das adegas: Fragas do Lecer, Daniel Fernández, Gargalo, Pazo de Valdeconde, Quinta Soutullo e Vinos Lara.

Ademais, súmanse a esta iniciativa os restaurantes asociados á ruta (Brasil e Parador de Verín- Monterrei), que ofrecerán un menú especial no que se poderán degustar viños da DO Monterrei cun prezo que oscila entre os 18 e os 35 euros.

Tamén os establecementos O Retiro do Conde e Parador de Verín-Monterrei ofrecerán ofertas especiais ós asistentes a esta ruta. En ambos establecementos deberán xestionarse as reservas directamente.

Xunto coas visitas guiadas e as degustacións de viño gratuítas nas adegas, nestas dúas xornadas dende a DO Monterrei tamén organizan o programa de actividades complementarias que se detalla a continuación:

Harmonía de viños de Monterrei e Queixos do Mundo. Venres 14, ás 19:30 horas no salón de actos do Colexio Mercedario. Degustación gratuíta de queixos de diferentes partes do mundo e viños da DO Monterrei.

Xincana infantil. Venres 14 ás 18:30 horas. Destinada para un público infantil que realizará probas sobre a historia e a viticultura de Monterrei.

Túnel do viño. Domingo 16 ás 12:30 horas no Museo Claustro Mercedario de Verín. Unha actividade gratuíta na que participan as adegas incluídas na Ruta do Viño.

Ruta de sendeirismo Adegas e lagares. Sábado 15 ás 16:30 horas. Ruta vinculada co enoturismo e a natureza cun recorrido de 10 quilómetros e de dificultade baixa.

Ruta de tapas a Verín con visita guiada. Venres 14 ás 19:30 horas. Ruta guiada pola vila, incluíndo tres degustacións comentadas de viños do D.O. Monterrei e tapas con produtos da zona.

Visita, cata e apadriñamento dunha cepa. Sábado 15 e domingo 16, de 12 a 14 horas. Visita e cata comentada ao viñedo onde se elabora o godello ‘Vega de Lucía’, que ofrece a posibilidade de apadriñar unha cepa.

Ruta por lagares rupestres e visita a adega -Lagar As Barrocas.

Os participantes tamén poderán achegarse á oficina de información turística para coñecer a riqueza vitivinícola e termal do territorio ou visitar a sala de exposicións de Verín ou o Museo do Viño así como o Castelo de Monterrei. Ademais, tamén organizan un concurso en Facebook para optar ó sorteo de catro billetes para o tren turístico da Ruta do Viño Monterrei.

Bus do viño

Outra das alternativas para participar nestas xornadas é o Bus do Viño, un servizo que terá un custo de 5 euros para os adultos e de 2,5 euros para nenos de 3 a 13 anos. Este servizo contará con tres rutas na xornada do sábado e outra o domingo.

A primeira delas sairá da Coruña, pasa por Santiago de Compostela, e visita as adegas da Ruta xunto cun lagar rupestre e o castelo de Monterrei. A segunda terá o seu punto de saída desde Vigo, inclúe a visita ás adegas da Ruta, o lagar rupestre e o castelo. E a terceira sairá de Ourense, con paradas en Xinzo de Limia e Verín e visita a viñedo, o lagar rupestre, castelo e adegas.

No caso do servizo do domingo, a liña será Ourense-Xinzo de Limia-Verín, e os asistentes participarán no Túnel do Viño, ademais de realizar unha visita ó castro da Cidade en Medeiros, ó castelo de Monterrei e ó lagar rupestre.

-Consulta aquí en detalle as actividades programadas na DO Monterrei.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información