Xornada en Vilaboa sobre os beneficios do compost na viña

A Deputación de Pontevedra programou unha charla, conxuntamente coa Asociación Galega de Viticultores, para este sábado 16

Publicidade
Publicidade
Xornada en Vilaboa sobre os beneficios do compost na viña
Data inicio: 16/03/2019
Data fin: 16/03/2019
Lugar: Casa da Cultura de Riomaior Vilaboa, Vilaboa,

O Plan Revitaliza, promovido pola Deputación de Pontevedra, programou unha xornada en Vilaboa para explicar os beneficios do compost na agricultura. Celebrarase conxuntamente coa Asociación Galega de Viticultores, ligada á Fruga, e desenvolverase este sábado 16 a partir das 17 horas na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa, Pontevedra).

Como o compost pode mellorar o rendemento da viña? Esta será unha das preguntas ás que persoal técnico do Plan Revitaliza, da Deputación, e profesionais da Asociación Galega de Viticultores respostarán este sábado nunha xornada formativa que se celebrará na Casa da Cultura de Riomaior ás cinco da tarde. A intención é trasladarlle aos produtores locais, persoas viticultoras e agricultoras en xeral, nocións básicas de fertilización orgánica e a súa influencia na mellora da calidade das colleitas e a sanidade vexetal do viñedo.

Baixo o título ‘A fertilización no viñedo e o compost’, falarase dos beneficios nos solos utilizados para a agricultura. Así, tanto o persoal do Revitaliza da Deputación de Pontevedra como da AGV explicarán que o compost mellora as características biolóxicas e físicas do chan, achegándolles gran cantidade de nutrientes; axuda a manter a humidade da terra e actúa como funxicida e bactericida; favorece o rendemento de cultivos de hortalizas e cereais sen utilizar produtos químicos, garantindo unha produción ecolóxica; e pódese producir facilmente aproveitando os residuos vexetais sobrantes da poda das viñas e dos residuos domiciliarios.

Compostaxe en Vilaboa
Con esta charla, Deputación e Concello de Vilaboa continúan o despregue do plan de compostaxe na vila, coa intención de acadar unha separación total dos biorresiduos tanto por parte da veciñanza e dos grandes produtores de lixo orgánico, tanto sexan da hostalería como doutros ámbitos, co fin de pechar o ciclo transformando os residuos en recursos.

Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa recibiu da Deputación unha subvención de 345.869,06 euros para desenvolver o Plan Revitaliza (o 88,07% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios), ademais dun investimento de 80.800 euros para o convenio coa asociación ecoloxista Adega, co fin de prestar apoio á veciñanza na compostaxe individual e facer seguimento dos composteiros para garantir a calidade do compost que se produce.

Obxectivos do Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra leva dende o inicio de mandato a traballar no Plan Revitaliza co fin de promover a compostaxe de proximidade tanto por unha cuestión ambiental como porque se trata dun sistema de xestión de residuos máis económico que o actual, xa que se aforra o custe da recollida de máis do 50% da bolsa do lixo –que é a parte orgánica- ao tratarse in situ nos composteiros. Ademais, afórrase o seu transporte ata a planta de incineración e tamén no propio tratamento.

O Concello de Vilaboa é nestes momentos un dos municipios adheridos ao Plan Revitaliza máis adiantados na implantación do modelo de xestión mediante a compostaxe, xunto cos municipios de Pontevedra, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario e O Grove.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información