Xornada en Rías Baixas sobre a mellora da xestión de efluentes vitivinícolas

O proxecto Wetwine presenta o martes 28 unha planta piloto para a depuración de augas das adegas, así como outro sistema para a xestión das augas procedentes do lavado de cubas de fitosanitarios

Publicidade
Xornada en Rías Baixas sobre a mellora da xestión de efluentes vitivinícolas

A sede do Consello Regulador Rías Baixas, en Pontevedra, acollerá o martes 28 de maio unha xornada para divulgar os resultados do proxecto Wetwine, que busca limitar os impactos ambientais dos efluentes vitivinícolas. A iniciativa promove un novo sistema para o tratamento dos efluentes das adegas, para o que se creou unha planta piloto demostrativa na adega Santiago Ruíz. O proxecto combina unha instalación anaerobia de depuración xunto coa instalación de humedais que actúan como filtro das augas.

Outra iniciativa que se presentará é o sistema Phytobac para a xestión das augas do lavado da maquinaria de aplicación de fitosanitarios. A xornada, que se desenvolverá a partir das 9 horas, incluirá tanto unha visita á adega Santiago Ruiz, na que se creou un innovador sistema de depuración, como outra a Lagar de Cervera, que está a aplicar o sistema Phytobac para a xestión das augas procedentes do lavado de cubas de fitosanitarios.

A parte de ponencias contará con catro intervencións, nas que se abordarán os seguintes temas: ‘Tecnoloxías verdes no tratamento de efluentes das adegas’, ‘Aproveitamento e valorización da biomasa de orixe vitivinícola (Proxecto Biomasa Ap)’, ‘Eliminación dos efluentes fitosanitarios de xeito seguro’ e ‘Sustitución do uso de sulfurosos por compostos fenólicos’.

O proxecto Wetwine, liderado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), está integrado por un consorcio de oito entidades de España, Francia e Portugal, no que tamén participan a Fundación Empresa – Universidade Galega (Feuga) e a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información