Xestión integrada de pragas en viñedo

A maioría dos viticultores, os que teñan menos de 5 hectáreas, están exentos de contratar a un asesor fitosanitario, pero deben seguir as recomendacións sobre a materia da guía de cultivo do Ministerio de Agricultura

Publicidade
Xestión integrada de pragas en viñedo

O mildeu é un dos principais problemas a ter en conta nos viñedos galegos.

Priorizar o uso de alternativas físicas e culturais ó control químico de pragas, enfermidades e malas herbas é o obxectivo da chamada xestión integrada de pragas. En España, un real decreto, o 1311/2012, obriga a todos os agricultores a seguir esta liña de traballo, coa que se quere reducir o risco do uso dos produtos fitosanitarios para agricultores, consumidores e para o medioambiente.

A normativa establece que os produtores con maiores superficies están obrigados a contratar a un asesor fitosanitario; no caso do viñedo, os que teñan máis de 5 hectáreas. O resto debe alomenos seguir as guías de recomendacións que para cada cultivo comezou a publicar o Ministerio de Agricultura. Unha das primeiras guías en publicarse foi a de xestión integrada de pragas en uva para transformación. Coñecemos o que lle ofrece esta guía ó viticultor.

O documento, que se pode consultar en pdf, conta cuns primeiros capítulos de introdución ós principios xerais da xestión integrada de pragas e adica a maior parte do seu contido a fichas sobre as estratexias para combatir as principais pragas, enfermidades e malas herbas que se rexistran nos viñedos de toda España.

Principios xerais
En canto ós principios xerais, incídese en aspectos como a necesidade de seleccionar aquelas materias activas que sexan máis compatibles con organismos non obxecto de control, como as abellas, e que non estean clasificados como perigosos para o medio acuático. En relación ós cursos fluviais, haberase de deixar ademais unha banda de 5 metros sen aplicacións.

Prohíbese tamén, con carácter xeral, aplicar calendarios de tratamento á marxe das aplicacións que sexan debidamente xustificadas, ben con fins preventivos, ben cando a praga ou enfermidade presente un umbral que aconselle o seu tratamento. Todos os tratamentos deben figurar anotados no chamado caderno de explotación, que en teoría todos os agricultores deben levar actualizado desde o 1 de xaneiro do 2013.

Naquelas áreas catalogadas por Agricultura como zonas de protección, aconséllase extremar as precaucións con medidas coma o uso de boquillas anti deriva ou deixando maiores marxes sen tratar en relación ós cursos de auga. Pódense consultar as zonas catalogadas como de protección a través do Sigpac.

Medidas complementarias e alternativas
A guía aborda de xeito detallado cada unha das enfermidades, pragas e malas herbas máis frecuentes no viñedo. En todos os casos, preséntanse métodos alternativos ou complementarios ós químicos para o seu control. Estes son, por exemplo, as recomendacións que se ofrecen para mellorar o control do mildeu:

– Evitar o exceso de abono nitroxenado.
– Facer un desfollado e poda en verde tras a floración e o cuaxado da uva, xa que contribúe a unha maior aireación dos acios e facilita a penetración dos tratamentos.
– De forma xeral, débense facer tratamentos preventivos, cunha aplicación ó inicio da floración e o resto en función das estacións de avisos de sanidade vexetal, que determinarán se se produciron as condicións para a infección.
– Nas aplicacións químicas, débense alternar produtos de familias distintas para evitar resistencias. Os fitosanitarios de contacto son preventivos e lávanse tras choivas de 15-20 litros por metro cadrado. Os sistémicos e penetrantes son preventivos, pero na primeira fase do ciclo do mildeu deteñen tamén o avance da enfermidade.

Pódense consultar na guía as recomendacións para todas as pragas e enfermidades do viñedo. O documento incorpora tamén fotos ilustrativas dos principais problemas ós que se enfrontan ás vides, co fin de facilitar a súa identificación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información