Viños escumosos galegos: un brinde de Nadal exclusivo e diferenciado

Cada vez son máis as adegas galegas que elaboran viños espumosos a partir de variedades autóctonas. Este ano están no mercado unhas 20 marcas e 150.000 botellas, case o dobre que o pasado ano. “Quen os proba repite”, aseguran os vendedores.

Publicidade
Viños escumosos galegos: un brinde de Nadal exclusivo e diferenciado

Viños escumosos galegos. Foto: Vide, Vide!

Os viños espumosos galegos, elaborados a partir de variedades autóctonas, consolídanse cada vez máis entre os consumidores como unha alternativa diferenciada e atractiva aos estandarizados cavas ou ao elitista champagne francés.

Os datos falan por si sós: este ano as adegas galegas, principalmente da Denominación de Orixe Rías Baixas, están presentes no mercado cunhas 20 marcas e unhas 150.000 botellas, case o dobre que o pasado ano.

E é que, segundo o presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia “Gallaecia”, Luís Paadín, “en Galicia temos todo o necesario para elaborar viños espumosos de gran calidade: unha materia prima, o viño, cun potencial de acidez e de frescura moi elevado; unhas variedades viníferas autóctonas moi aromáticas e temos unha climatoloxía que nos permite vendimar uva con 10 graos e con aromas, que é a base para elaborar un viño espumoso de calidade”.

A elaboración de viños espumosos de calidade está recollida nos pregos de condicións das cinco denominacións de orixe galegas, aínda que no caso da D.O. Ribeiro está pendente da súa aprobación definitiva por parte da Xunta e do Ministerio de Agricultura.

“Todas as denominacións galegas xa contemplan a elaboración de viños espumosos”

O método de elaboración utilizado é o tradicional Methode Champenoise: fermentación do viño en depósito, embotellado e segunda fermentación en botella durante un período mínimo de 9 meses -algunha adega galega xa chega aos 24 meses-, momento no que se realiza o degole da botella.

Viña Costeira, pioneira en Galicia en viños espumosos

Unha das adegas pioneiras en Galicia en elaborar viños espumosos de calidade foi Viña Costeira. A cooperativa do Ribeiro lanzou no ano 1989 o Amadeus Reserva, un escumoso elaborado a partir de uva Treixadura, que continuou nas décadas seguintes.

En 2014 lanzan Lúa Jazz Brut, un espumoso elaborado a partir de uva 100% Treixadura e con 9 meses de fermentación. E un ano antes, en 2013, Viña Costeira quitou ao mercado Lúaz Jazz Brut Nature, un espumoso exclusivo con 5 anos de envellecemento en botella e unha edición limitada e solidaria que este ano é de 250 botellas. E é que os ingresos pola súa venda dedícanse ao proxecto social “Viña Costeira Rural Alzheimer”, xestionado pola Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer (Afaor).

Mar de Frades: “A uva albariño é ideal para elaborar viños espumosos”

Unha das adegas que máis forte apostou pola elaboración de viños espumosos é Mar de Frades SL. Esta adega de Meis foi a primeira de Rías Baixas que sacou ao mercado un viño escumoso elaborado a partir de uva albariño. Foi no ano 2012, aínda que a adega xa empezou a realizar proxectos no 2009, ano en que o Consello Regulador amparou este tipo de viños no seu regulamento.

“Decidímonos porque a variedade albariño é ideal polos seus niveis de acidez para elaborar viños escumosos de calidade e tamén porque a demanda de escumantes é a que máis crece a nivel mundial”, explica Paula Fandiño, xerente de Mar de Frades.

Desta forma, e por cuarto ano consecutivo, o viño escumoso de Mar de Frades estará presente este Nadal no mercado con 20.000 botellas, elaboradas con 10 meses de fermentación en botella e mestura de 2 a 3 anadas.

Brinde: viño espumoso rosado, branco e tinto desde Valdeorras

Pero quizais a adega galega que máis apostou polos viños espumosos, tanto en cantidade, como sobre todo en variedade é Adega Roandi, de Éntoma, no Barco de Valdeorras (Ourense). Este é o cuarto ano que estarán presentes no mercado nada menos que con tres variedades: Brinde de Rosas, un espumoso rosado, elaborado coas variedades Mencía e Albarello; Brinde de Éntoma, un escumante tinto a partir de uva Mencía e de Sousón, e Brinde de Roandi, un viño espumoso branco elaborado con uva 100% Godello.

Adega Roandi: “A aceptación no mercado é moi boa, sobre todo do Rosado”

“En total, comercializamos 10.000 botellas de branco, 5.000 de rosado e 2.000 de tinto, que supoñen ao redor do 25% da produción da adega”, explica Fátima Losada, técnica de Adega Roandi.

A fermentación neste caso é de 21 meses e aínda que a maior parte comercialízase en Galicia tamén exportan a Italia e a Suíza. “A aceptación no mercado é moi boa, sobre todo do Brinde Rosado, e vemos que o dos viños espumosos de calidade é un mercado en crecemento e xa non se limita a Nadal e a servilo coas sobremesas”, destaca Fátima Losada.

“Quen proba os viños espumosos galegos repite”

A crecente demanda de viños espumosos galegos confírmaa Martiño Santos, copropietario de Vide, Vide!, un espazo enocultural, referente en Santiago de Compostela en canto a viños galegos.

“É un produto que xa se vende todo o ano, non só en Nadal, e cunha demanda crecente, mesmo como agasallo e para acompañar tamén unha comida ou un aperitivo”, asegura.

Destaca que “son moitas as persoas que o compran para probalo por primeira vez e logo repiten”. E é que, a diferenza do cava ou da champaña, “outro aspecto positivo e diferente dos viños escumosos galegos é que podemos recoñecer neles a uva a partir da que se elaboraron: se é un godello, un albariño…”, destaca Martiño Santos.

“A diferenza do cava, nos escumosos galegos podes recoñecer o viño: se é un Albariño, un Godello ou un Treixadura”

En canto ao prezo, os espumosos galegos oscilan entre os 8,50 e os preto de 30 euros, dependendo ,sobre todo, do tempo de fermentación en botella.

Neste sentido, Luís Paadín, presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia “Gallaecia”, lembra que “un quilo de uva de Galicia de calidade custa ao redor de 1 euro, mentres que un quilo de uva de cava anda polos 0,20 euros”.

“O noso produto é diferente ao cava e ten un valor engadido: é unha parte de Galicia, unha variedade, un clima e unha forma de elaborar propias”, asegura.

O crecente interese polos viños espumosos galegos reflíctese tamén en iniciativas como “O Camiño das Burbullas”, unha campaña promocional que finaliza hoxe e na que participaron un grupo de locais de hostalería de Santiago de Compostela.

“Galicia ten unhas grandes posibilidades en viños espumosos diferenciados e de calidade e debemos aproveitala”, conclúe Luís Paadín.

Listado dalgúns dos viños escumosos galegos presentes este ano no mercado:

Viños escumosos amparados pola DO Rías Baixas 

Nome comercial:

Adega:

VALTEA VILARVIN SL
LAXAS SENSUM BODEGAS AS LAXAS, S.A
ALBA MARTIN BODEGAS MARTIN CODAX, S.A.U
MAR DE FRADES MAR DE FRADES,S .L
SEÑORIO DE RUBIOS: BRANCOS E TINTOS SEÑORIO DE RUBIÓS, S.L.
EIDOSELA BURBUJAS DEL ATLÁNTICO EXTRA BRUT  BODEGAS EIDOSELA, S.C.G
FEITIZO DA NOITE BODEGAS PABLO PADIN, S.L
ALTOS DE TOROÑA ADEGAS TOLLODOURO, S.A
NOVUM AGROVELLO PABLO LOPEZ FRANCO (AGROVELLO)
GORGOLA CABANA DAS VOLBORETAS,S .L
O DO AVÓ MARCELO HABELAS HAILAS LICORES

Viños escumosos amparados pola DO Valdeorras

Nome comercial:

Adega:

CHRIS ADEGA FRAGA MOURA
BRINDE DE ROANDI BODEGA ROANDI
BRINDE DE ROSAS BODEGA ROANDI
BRINDE DE ÉNTOMA BODEGA ROANDI

Vinos espumosos da DO Ribeiro:

Nome comercial:

Adega:

LÚA JAZZ BRUT VIÑA COSTEIRA
LÚA JAZZ BRUT NATURE VIÑA COSTEIRA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información