Vía Romana presenta o primeiro viño galego con certificado de vegano

Publicidade
Vía Romana presenta o primeiro viño galego con certificado de vegano

De esquerda a dereita Javier Olleros; Juan Luís Méndez, director-xerente da adega; Andrea Ripoll, directora de proxectos da Unión Vegetariana Española; e Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade.

A adega Vïa Romana presentou este xoves en Santiago o primeiro viño con certificado vegano de Galicia, un mencía da D.O. Ribeira Sacra. Na presentación, ademais do director xeral da adega, Juan Luís Méndez Rojo, interviñeron Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade; Andrea Ripoll, responsable de proxectos da Unión Vegetariana Española, así como o chef con estrela Michelín, Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau no Grove, que realizou ao final do evento unha maridaxe das súas receitas gastronómicas co novo viño vegano.

Á presentación deste novo produto, que levou a cabo na Fundación Granell, de Santiago de Compostela, acudiron un centenar de invitados. Juan Luís Méndez Rojo, director xeral de Vía Romana, abriu o acto e falou da tradición da súa familia, que abarca xa a tres xeracións, o desenvolvemento da empresa ata formar o actual grupo Vinigalicia.

Substitúen o clarificante proteico animal polo emprego do chícharo

Esta innovación e apertura de novos mercados “levaron a Vía Romana, co máximo respecto ao medio ambiente e á sustentabilidade, a elaborar un mencía vegano; é dicir a empregar un clarificante proteico vexetal, pero respectando todas as características do noso mencía”. Neste sentido, Méndez Rojo mostrouse “satisfeito polo traballo realizado por todo o equipo de persoas que forman parte da empresa, que se suman á filosofía do slow life como hábito de vida e goce”.

Nesta ocasión na nova anada do mencía vegano emprégase como clarificante vexetal o chícharo, cumprindo o estrito proceso que marca a Unión Vegetariana Española, para que o produto final non perda as súas propiedades organolécticas. Ademais en Vía Romana este viño permanece un mínimo de oito meses en depósito e outros seis meses en botella antes de saír ao mercado, e cumprir así una das máximas da adega: “o viño que non entende de présas”.

Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, sinalou que é unha honra contar “con empresas que apostan pola calidade tan decididamente como Vía Romana. Na actualidade temos baixo o selo de Galicia Calidade a máis de 300 produtos de 85 empresas galegas, entre elas das cinco denominacións de orixe, pero este é o primeiro viño vegano certificado”.

Andrea Ripoll: “É unha gran noticia para as persoas veganas”

Igualmente mostrou a súa felicitación, tanto a “Juan Luís Méndez como a todo o seu equipo de Vía Romana, que traballan por lograr produtos máis sustentables e responsables co medio ambiente, como é o caso do mencia vegano”.

Andrea Ripoll, pola súa banda, directora de proxectos da Unión Vegetariana Española, sinalou que “é fantástico que unha adega teña a sensibilidade como para facer un viño vegano; é dicir, sen produtos animais. Indica tamén un amor pola natureza e un servizo non só para os vexetarianos senón para todas as persoas que padecen alerxias e ata agora non podían gozar do viño. É unha gran noticia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información