Vía Romana: o viño que non entende de présas

Visitamos esta adega da Ribeira Sacra, pioneira en Galicia na elaboración de viños de garda da variedade Mencía “que saen ao mercado cando o viño o dí”. A aposta polo enoturismo forma parte tamén da identidade de Vía Romana, que nos próximos anos prevé aumentar a súa produción de Godello e sacar ao mercado plurivarietais de variedades autóctonas

Publicidade
Vía Romana: o viño que non entende de présas

Balcón da adega Vía Romana con viñedos ao fondo

“Vía Romana: o viño que non entende de présas”. Con este anuncio publicitario deuse a coñecer hai un anos unha adega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que fai do paso do tempo unha virtude.

Trátase de Vía Romana, unha adega familiar ubicada en Belesar (Chantada), ao carón da calzada romana que conectaba Braga con Astorga. “Somos unha familia de Chantada dedicada ao mundo do viño dende o ano 1940 e no 1997 mercamos esta adega do século XVI que levaba anos abandonada co obxectivo de restaurala e de recuperar os viñedos da zona”. Así explica Juan Luis Méndez, xerente de Vía Romana, as orixes deste proxecto vitivinícola e de enoturismo que dende o comezo apostou polo viño, a paisaxe e a historia como sinais de identidade.

“O traballo de recuperación foi longo, tanto o de restauración da adega con pedra e madeira, como o das 5 hectáreas de viñedo que mercamos, de viñas antigas e tamén doutras que tivemos que replantar”, recoñece Juan Luis.

Vía Romana foi medrando e a día de hoxe conta con 16 hectáreas propias de viñedo, o 90% delas da variedade Mencía, a maioría situadas en Belesar, no cruce dos ríos Miño e Asma, como en San Fiz, pero tamén noutras abas da Ribeira de Chantada. Ademais da produción propia compran ata un 50% da uva a viticultores da zona, cos que manteñen contratos estables e aos que os enólogos da adega asesoran no cultivo ao longo do ano así como para determinar o momento óptimo de vendima.

A súa primeira colleita elaborárona no ano 1998 e hoxe comercializan unhas 160.000 botellas anuais, a inmensa maioría da variedade Mencía. Teñen no mercado catro variedades que, segundo subliña Juan Luis Méndez, “seguen unha mesma filosofía: elaborar viños sen présa, que saian ao mercado non cando este o demanda, senón cando o viño di que está no momento óptimo”.

Así, por unha banda comercializan o Vía Romana, o buque insignia da adega, un Mencía monovarietal que permanece 6 meses en depósito e outros 6 en botella.

En anos de colleitas especiais e extraordinarias, como o 2015, elaboran o Vía Romana Selección de Añada, que repousa entre 24 e 30 meses en depósito de aceiro inoxidable, para despois ser envasado nunha botella magnum de 1,5 litros. “É para anadas diferentes e especiais, a primeira foi no 1999 e a última a do 2015, e moita xente dinos que é un viño que pasou por barrica, porque o paso do tempo logra que sexa un viño redondo”, explica o xerente da adega.

Dende o ano 2006 Vía Romana tamén elabora o VR Barrica, un viño de crianza en barrica de carballo francés, que demostra a versatilidade da variedade Mencía na Ribeira Sacra.

“Fomos dos primeiros en Galicia en apostar polos viños de garda”

Como se ve, a aposta polos viños de garda, un tipo de elaboracións aínda minoritario en Galicia, é un dos signos de identidade de Vía Romana. “Fomos os pioneiros en Galicia en buscar este tipo de elaboracións e ao principio custounos, pero o mercado empézanos a dar a razón cunha evolución positiva das vendas dos nosos viños”, explica Juan Luis Méndez. ”Queremos que o noso viño sexa un Ribeira Sacra Mencía, pero que non sexa un viño lixeiro, senón que teña estrutura”, engade.

 “Valóranse máis os viños de Ribeira Sacra no estranxeiro que no resto de España”

En canto ao mercado, das 160.000 botellas que de media elaboran ao ano, Vía Romana vende en Galicia arredor do 70% da produción e o 30% ao resto de España e a 26 países nos que están presentes. “A exportación de momento representa un volume pequeno pero temos moi boas expectativas, pois dende hai uns tres anos cada vez hai maior interese no estranxeiro polos viños e a paisaxe da Ribeira Sacra, incluso maior que no resto de España”, asegura o xerente da adega.

Proxectos de futuro: Potenciar a variedade Godello e viños plurivarietais

¿E cales son os proxectos de futuro de Vía Romana? Un dos eixos é a aposta polo Godello, unha variedade presente xa nos seus viños e da que dende hai tres anos sacan ao mercado unhas 8.000 botellas. As razóns explícaas Juan Luis Méndez: “Mercamos dúas hectáreas para facer unha nova plantación de Godello porque queremos complementar os nosos Mencías cun branco desta zona e pensamos que a Ribeira Sacra de Chantada é unha das mellores zonas de Galicia para elaborar viños brancos de calidade como son os da variedade Godello”. O seu obxectivo é que a medio prazo chegue a representar entre o 10 e o 15% da súa produción.

A outra aposta de futuro de Vía Romana pasa tamén por diversificar a súa oferta con viños plurivarietais de variedades autóctonas. “Levamos varios anos facendo ensaios con pequenas vinificacións para nun anos sacar ao mercado uns viños plurivarietais que expresen tamén todo o potencial da Ribeira Sacra. Estamos falando de pequenas elaboracións de 5.000 ou 10.000 botellas que complementen á nosa variedade raíña e diferenciadora, que é a Mencía”, avanza Juan Luis.

“O enoturismo é a mellor publicidade para a Ribeira Sacra”

O enoturismo é a outra pata do proxecto de Vía Romana. A adega abre as súas portas de luns a sábado, así como os días festivos, e inclúe visita aos viñedos e á adega e catas, así como alugueiro dos salóns da adega para eventos de grupos. “Nestes últimos dous anos multiplicamos as visitas á adega, sobre todo os sábados, algo ao que nos axuda o feito de estar ao lado do Camiño de Inverno a Santiago”, asegura Juan Luis Méndez.

E é que segundo salienta o xerente de Vía Romana “a mellor campaña publicitaria que podemos facer en Ribeira Sacra é investir para que a xente nos visite e nos coñeza, porque a partir de entón convértese na mellor embaixadora dos nosos viños”. A este respecto, Juan Luis conta a anécdota “dunha persoa que nunha feira do viño fóra de Galicia achegouse ao noso stand e pareceulle caro que o prezo do noso viño estivese á altura dun crianza da Rioxa. Pero cando veu coñecer a Ribeira Sacra díxonos que o noso viño era barato”.

Viños de Vía Romana

Viños de Vía Romana

En detalle:

O nome de Vía Romana
“Púxollo a miña nai polo nome da calzada romana que pasa xunto á adega e que conectaba Astorga con Braga. Pasaba por aquí para enviar os viños da Ribeira Sacra para a Meseta ou ben para os portos. O deseño da nosa botella baseouse nun miliario romano e o deseño do noso logo é a transformación dunha calzada romana nun acio de uvas”.

2015: a última gran colleita
O viño de Vía Romana da anada 2015 agárdase que saia ao mercado entre finais deste ano e comezos de 2017.

Galicia Calidade:
Formamos parte de Galicia Calidade dende o mes de febreiro. Apórtanos moito comercialmente a nivel galego, pero sobre todo a nivel de España, onde é unha marca moi valorada e coñecida como referencia da calidade dos produtos galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información