Á vespa velutina tamén lle gusta as uvas galegas

Publicidade
Á vespa velutina tamén lle gusta as uvas galegas

Vespa Velutina comendo uvas. Foto: Arnaud Dautricourt

A vespa velutina tamén se está preparando para a vendima e mostra especial predilección polas castes galegas. Así o están a comprobar diversos viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas que estes días están a ver como esta especie invasora comezan a comer nos acios, a medida que as uvas acadan o punto óptimo de maduración.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, facíase eco no seu aviso fitosanitario deste venres deste problema, que de momento non provoca grandes estragos pero que pode ir a máis.

“Xa estamos a ter chamadas e a recibir mostras de viticultores que teñen acios , sobre todo de Treixadura, con danos da avespa asiática. Son danos cos que hai que contar á vista do estendida que está, e só hai que tomar precaucións para evitar sufrir picaduras na medida do posible no momento da vendima, ou para limitar os seus efectos en caso de non poder evitala”, recoñecen os técnicos de Areeiro. A avespa séntese atraída polos azucres de froitas como a uva, o figo ou as mazás, que nesta tempada acadan a súa maduración.

Santiago Roma: “Cada vez hai máis e preocúpanme os danos no futuro”

Santiago Roma é un recoñecido viticultor e adegueiro de Ribadumia, na Denominación de Orixe Rías Baixas, e advirte de que cada vez é maior a presenza da velutina. “Este ano hai moitisima máis nesta zona, e só co cheiro do viño xa aparecen unha chea delas, aínda que é certo que non son agresivas, e de feito apártoas coa man e non me pican”, afirma.

De momento recoñece que os danos nas uvas son escasos, “máis ben nas zonas elevadas e máis soleadas, onde a uva está máis madura”. Pero teme que no futuro vaian a máis: “Se se segue expandindo podería provocar danos importantes, polo que a administración debería tomar medidas”.

Bo estado sanitario da uva

Polo demais, e a poucos días de que comece a vendima, o estado sanitario da uva en Galicia é bo. “O aspecto fitosanitario xeral dos viñedos é bo e, neste intre, os focos de Botrytis nos acios son de carácter puntual. As condicións dominantes dende agosto ó período actual -no que dominaron a influencia de Norte e Nordés- están sendo moi favorables para frear a incidencia das podremias”, destacan os técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

Ademais, as choivas que se rexistraron polas tormentas que houbo estes pasados días, aínda que en xeral escasas, resultaron favorables desde o punto de vista da calidade da uva, e tamén axudaron a lavar os depósitos dos fitosanitarios aplicados recentemente.

As labores que se deben realizar nestas xornadas previas ao inicio da vendima son a eliminación de gomariza nos viñedos con excesivo desenvolvemento vexetativo e a roza das calles do viñedo. Iso si, as esfollas non deben ser demasiado intensas, para evitar acios con uvas queimadas polo sol. Estas labores favorecen ademais a aireación dos acios, reducíndose as condicións para a produción de podremias.

¿Como evoluciona a maduración das distintas castes?

O sol durante o día e as temperaturas frescas das noites están a favorecer a boa maduración da uva, aumentando o grao alcohólico e os compostos aromáticos.

Neste sentido, a EVEGA publica a táboa de control de maduración actual realizado nas distintas variedades brancas e tintas acollidas á DO Rías Baixas.

areeiro_maduracion

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información