Valtea, a paixón polo albariño ó estilo borgoñón

A adega distínguese por vendimar por parcelas, nun proceso laborioso e meticuloso, na procura de viños máis diferenciados. Conta con tres monovarietais de albariño e dende hai cinco anos elabora tres gamas dun recoñecido espumoso

Publicidade
Valtea, a paixón polo albariño ó estilo borgoñón

Viñedos da adega.

Valtea mira e mima a terra e a cepa como sinal de identidade dos seus viños. Esta adega familiar, situada en Crecente, nos vales do Miño e baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas, decidiu apostar por un albariño diferenciado pola calidade e opta por esmerarse no coidado das cepas e das uvas en todo o proceso. É por iso que, fronte a outros procedementos máis industrias e ‘cómodos’, levan anos apostando pola vendima por parcelas, para obter as uvas no momento óptimo e non condicionar os caldos polas peculiaridades que cada unha poida presentar na tempada.

“Nós traballamos ó estilo borgoñón, vendimamos por parcela, aínda que é un traballo máis laborioso”

“Nós traballamos ó estilo borgoñón, vendimamos por parcela aínda que é un traballo máis laborioso, pero iso permítenos logo na adega facer a selección pertinente que estimen os nosos técnicos”, explica Lázaro Moreno, xerente da adega. No canto de empregar unha prensa de maior tamaño que axilizaría a vendima, optaron por un conxunto de catro prensas de menor tamaño que lles permiten tratar de xeito diferente cada parcela, vendimando de forma independente. Antes de entrar na prensa, as uvas xa pasaron unha selección manual e meticulosa previa, tanto na recolleita como na adega, que segundo comenta Moreno é clave tamén na identidade dos seus caldos.

vendima Adega Valtea

 

Viños apegados á terra

‘O viño faise na terra, o viño faise na cepa’. Estas metáforas resumen a identidade da adega, como eles mesmos reivindican. “A calidade dos nosos viños non é produto do azar nin da maxia, depende das uvas, e as uvas da cepa e a cepa da terra. Con uvas malas pódense facer viños correctos pero non viños que digan algo, que respondan ás características da terra”, puntualiza Moreno, que recoñece que ese coidado pola terra débese á cultura vinícola dos devanceiros e a unha débeda moi grande con Francia.

“A selección da terra onde estea o viñedo é fundamental para elaborar viños de calidade”

“A selección da terra onde estea o viñedo é fundamental para elaborar viños de calidade”, conclúe o xerente da adega. Por iso, os esforzos dende o comezo, no 1996, focalizáronse en atopar un viñedo axeitado. Unha finca na zona do Condado cun terreo irregular de lixeira pendente formado por auténticos balcóns nas marxes do río Miño, con orientación norte-sur e con cepas moi vellas e unha baixa produción, foi a súa aposta. “Era unha finca con terras pobres orgánicamente pero ricas mineralmente, debido en gran parte ós arrastres”, recorda Moreno. Durante os catro primeiros anos centráronse en acondicionar a finca e eliminar o manto vexetal co que lograron unha gran calidade sanitaria. No 2000 comezaron a traballar os viñedos e no 2001 lograron a primeira colleita.

Viñedo Adega Valtea

Viños con permanencia na adega e espumosos

O primeiro caldo que elaboran é o Valtea, un monovarietal de albariño froito dunha vendima con uvas en perfecto estado de maduración. “Hai que traballar o campo durante o ano cepa a cepa, coidando a evolución de cada unha e facer unha recollida manual e selectiva”, concreta Moreno. É un viño que conta cun amplo abano de recoñecementos nacionais ou internacionais como as medallas de ouro logradas no Concurso mundial de Bruxelas no 2008 ou as de prata no International Wine Competition Bacchus no 2008, 2009 e 2010.

Xa no 2008 comezaron a diferenciar as cepas mais vellas para elaborar o viño Finca Garabato, onde todas as labores de cultivo e recollida se realizan a man, incluso o aclareo. Este caldo permanece un ano en depósito e seis meses en botella antes de saír ó mercado. É un viño de terceiro ano que goza tamén dun amplo recoñecemento.

Cinco anos máis tarde, no 2013, dous novos proxectos diferenciadores botan a andar na adega. Por unha banda, realizan un caldo elaborado coas uvas da parcela máis diferenciada desa colleita. Así, este viño non se corresponde sempre coas mesmas cepas e cada ano amosa resultados diferentes.

_interior-adega valtea

Xunto con esta variedade, comezan a elaborar un espumoso (do que contan na actualidade con tres variedades), así coma un viño envellecido nas súas propias lías, de entre 12 e 13 grados.

Na adega, elaboran tamén un viño de colleita limitada a partir dun coupage de albariño, treixadura e Loureira, que tamén procede de cepas seleccionadas e vendimadas manualmente.

A oferta complétase con destilados procedentes de prensadas que “nunca se apuran ata o final do ciclo”, continuando así na aposta pola calidade.

Mercados

Valtea conta cunha produción anual de 300.000 litros, unhas 400.000 botellas, das que o 30% procede de viñedo propio e o resto de viticultores ós que asesoran e cos que levan moitos anos traballando.

A adega ten o seu mercado diferenciado en catro grandes áreas. Por unha banda concéntrase na restauración de Galicia, occidente asturiano e de Castela e León, que abastecen dende a propia adega. A restauración a nivel nacional é o seu segundo mercado, que realizan xa mediante distribuidores e o terceiro mercado está na alimentación.

“No mercado de exportación creo que estamos recuperando e incluso situándonos por encima dos mellores momentos logo da crise que se sufrira”, reflexiona o xerente. Os seus mercados internacionais son Europa Occidental, ademais de América, onde xa están implantados en boa parte da Costa Este e algúns estados da Costa Oeste, así como en México en Australia ou Xapón. Na actualidade, as exportacións supoñen o 18% da súa produción aínda que aspiran a destinar o 25%.

Proxectos de futuro

Neste momento traballan en produtos derivados do viño, do espumoso ou da uva, como producións menores que sirvan de apoio á comercialización, como son as marmeladas e xelatinas de uvas. “Pero o obxectivo principal que temos é seguir traballando e investigando nos nosos viños, e sobre todo nos espumosos”.

Galicia Calidade, un selo que transmite dentro e fóra da adega

No 2008 Valtea recibiu o distintivo Galicia Calidade, converténdose na segunda bodega de Rías Baixas que se adhire a este distintivo. “Que un organismo oficial que ten o amparo da administración recoñeza o proceso produtivo e a calidade dos produtos é un elemento motivador interno e axuda a que se recoñeza a calidade dos viños que estamos facendo”, reflexiona Moreno. Porén, o xerente da adega recoñece que máis aló dos beneficios de cara ó mercado que este distintivo lle trouxo á adega, “seguir os procesos rigorosos que marca o selo Galicia Calidade provoca que te acostumes internamente a traballar baixo uns criterios que non tendo ese selo é máis difícil manter no tempo”.

Ademais, o responsable da adega, apunta que estes preceptos foron interiorizados tamén polos viticultores cos que levan anos traballando. “Mantemos un concepto aberto da adega, onde cada un pode vir e resolver as dúbidas que lle xurdan. Hai unha permanente liña de comunicación e unha vixilancia constante do traballo de campo que realizan e ó final, eles traballan tamén nesa calidade, superior á media”, conclúe Lázaro Moreno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información