Valoración “moi positiva” dos resultados da Feira do Viño do Ribeiro 2018

Publicidade
Valoración “moi positiva” dos resultados da Feira do Viño do Ribeiro 2018

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanzou a súa 55ª edición, tivo lugar os pasados días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio de 2018, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), presenta as valoracións da presente edición.

Despois de recoller e analizar os datos e opinións dos axentes implicados no evento (en especial a das adegas e colleiteiros), o balance que se fai dende a organización do evento (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) é “positivo, xa que se estiman que durante os catro días de duración pasaron polo recinto unhas 25.000 persoas”.

“Os resultados son para estar contentos e avaliar positivamente a organización da feira. A pesar de que as condicións climatolóxicas non foron as desexadas, sobre todo o a noite do sábado 28 e o domingo día 29 de abril, a cantidade de visitantes que se achegaron ata Ribadavia para gozar da Feira do Viño do Ribeiro foi semellante á do ano anterior”, destacan. Os datos recollidos pola organización revelan que este ano vendéronse o mesmo número de copas e un 10% máis de tickets ca na edición anterior.

As vendas foron un 10% superiores á do ano anterior 

Tras intercambiar unha primeira impresión coas adegas e colleiteiros participantes, dende a organización aseguran que estes expresaron a súa satisfacción co desenvolvemento do evento e a súa valoración foi “excelente”, dende o punto de vista tanto dos servizos, funcionamento da feira e de actividades ofertadas, así como pola cantidade de público que visitou o recinto.

A organización considera que o alto número de adegas e colleiteiros participantes (36 en total, nesta edición), así como as actividades paralelas (catas, showcookings, zona Food Trucks e de gastronomía, actuacións musicais, visitas guiadas e teatralizadas, zona infantil con monitores, etc.) e a botella xigante, principal novidade deste ano e que actuou como reclamo a través da campaña viral nas redes, “fixeron que numerosos visitantes se sentiran atraídos polo acontecemento vitivinícola que ten lugar en Ribadavia e que complementa dun xeito atractivo a oferta vitivinícola, turística, cultural e gastronómica do Ribeiro”.

A organización xa está a planificar as diferentes melloras e novas actividades para poder superarse na seguinte edición da Feira do Viño do Ribeiro e que acade atraer a numeroso público para gozar do Ribeiro e da cultura do viño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información