“Valdeorras ten unha oportunidade histórica para os seus viños se se aposta pola zonificación”

Entrevista a Francisco Núñez Sánchez, copropietario de Adega da Pinguela, un pequeno proxecto que soubo diferenciarse no mercado con viños únicos e singulares. “É a única forma de que as pequenas adegas podamos competir”, subliña.

Publicidade
“Valdeorras ten unha oportunidade histórica para os seus viños se se aposta pola zonificación”

Francisco Núñez Sánchez, copropietario de Adega da Pinguela

Adega da Pinguela é un dos proxectos vitivinícolas que está a revitalizar a viticultura en Valdeorras, unha das denominacións de orixe galegas que máis está a medrar, en boa medida pola entrada de grandes grupos adegueiros foráneos que ven nesta DO, e sobre todo na uva Godello, unha oportunidade de negocio.

Pero a filosofía de Adega da Pinguela, creada no ano 2008 na parroquia de Carballal, no Concello de Petín, vai por un camiño diferente pero complementario: elaborar viños singulares, con producións limitadas e moi vinculadas a parcelas e lugares concretos.

Falamos con Francisco Núñez Sánchez, copropietario desta adega e cunha fonda ligazón ao mundo vitícola de Valdeorras. “Valdeorras ten unha oportunidade histórica neste momento para os seus viños, pero para iso dende o Consello Regulador hai que apostar pola zonificación, polos viños vinculadas a unha vila ou paraxe, como fixeron no Priorat ou están a traballar no Bierzo”, subliña.

¿De onde che ven a túa vinculación ao mundo do viño?
Son da Rúa, da parroquia da Rúa Vella, onde todo o mundo tiña viñas e facía viño na casa. A partir de aí ven a miña inquedanza polo mundo da viticultura. Ao nacer rodeado de cepas chega un momemento en que che aparece o gusanillo.

No ano 1993, cunhas viñas que herdara do meu pai, que era socio da Cooperativa da Rúa, entrei a formar parte da Cooperativa Virxe das Viñas, onde estiven 15 anos de vicepresidente ata o 2008, no que inicio o meu proxecto propio, un pouco desencantado polo sector cooperativista en Valdeorras.

“Valdeorras é neste momento a Denominación de Orixe das oportunidades, pero hai que apostar pola zonificación”

A miña experiencia é que non se apostou pola profesionalización nas cooperativas e tamén estaba o hándicap da idade, pois a media de idade dos socios era superior a 60 anos, e non era un sector profesionalizado no sentido de apostar pola calidade da uva, pola reestruturación das variedades cara castes autóctonas e por superar o minifundismo. Non vin viabilidade a esa liña e decidín apartarme e iniciar un proxecto propio. Así nace Adega da Pinguela, co apoio inestimable do meu socio e primo, Gonzalo Sánchez. Trátase dunha adega pequena e singular e que cumpre agora 10 anos.

Busquei unha adega antiga, que lle dera un valor paisaxístico e arquitectónico ao proxecto, e atopeina na parroquia de Carballal, no concello de Petín.

A Denominación de Orixe Valdeorras e a variedade Godello están de moda, con grandes grupos adegueiros que están a apostar por esta comarca. ¿Supón un perigo para as adegas pequenas?
Estamos nun momento histórico para Valdeorras que debemos aproveitar. Dende hai uns anos o panorama vitícola cambiou coa chegada de grandes adegas foráneas. De entrada, a chegada destes grandes grupos adegueiros e inversores prexudicoume no sentido de que supuxo unha suba do prezo das uvas da variedade Godello. Isto provocou que as pequenas adegas de Valdeorras teñamos que competir en inferioridade de condicións.

Pero tivo un efecto positivo tamén, non só de coñecemento e de publicidade para esta DO, senón tamén que nos obrigou a mellorar ás pequenas adegas. No meu caso o que fixen foi deseñar un plan para que a miña adega sexa autosuficiente en uva, procedente dos nosos propios viñedos. Así, o ano pasado plantamos 1 hectárea de Godello e temos un plan estratéxico para que de aquí ao 2020 seguir facendo plantacións propias para autoabastecernos en uva. Por iso creo que detrás desta chegada de grupos adegueiros foráneos hai tamén unha oportunidade.

Como se pode diferenciar unha pequena adega como a vosa nun mercado no que competides con estes grandes grupos?
O noso obxectivo é elaborar viños singulares e de fincas. Por iso pedimos que no Consello Regulador se avance na zonificación. Noutras Denominacións de Orixe como na de Bierzo xa está traballando na identificación dos viños de finca, de paraxe ou de pobo e no Priorat xa o fixeron. En Adega da Pinguela xa elaboramos o “Ventura Garnacha”, que é un viño de “village”, como dirían os franceses.

Non todos os terruños en Valdeorras son iguais e coa zonificación imos poñer en valor a diversidade dos nosos lugares. Ademais, axudará a convivir co minifundismo, coas pequenas parcelas, algo que temos que asumir e poñer en valor.

Creo que Valdeorras agora é a Denominación de Orixe das oportunidades. E se dende o Consello Regulador se aposta pola zonificación temos moitas oportunidades.

Ventura tinto

Cal é a situación da vosa adega neste momento?
Agora mesmo temos 3 hectáreas de viñedo e o obxectivo para autoabastecernos é chegar a 5 hectáreas propias en 2020. A nosa estratexia para o futuro é seguir sendo unha adega pequena e singular que chegue a unha produción de arredor de 20.000 botellas. Pero non só de variedade Godello senón que apostamos polos tintos, dos que xa temos 0,5 hectáreas de Sousón, Brancellao e de Garnacha Tintoreira. O noso obxectivo é elaborar viños singulares e tamén de finca.

A nosa principal parcela é A Cotarona, situada nunha ladeira solleira e na que temos 0,5 hectáreas de Brancellao e 1 hectárea de Sousón. É a nosa finca emblemática, comprámola hai 8 anos e temos moi boas expectativas para crear alí un viño de finca. As parcelas pequenas que temos son de Garnacha Tintoreira, de cepas moi vellas que non paga a pena reestruturar.

Dende o ano pasado estamos traballando en novas plantacións de Godello no concello da Rúa. E as que plantemos para o ano que ven serán en terreos máis frescos, na parroquia de Carballal en Petín.

Os vosos viños son unha homenaxe á tradición familiar pero tamén á innovación. Fálanos deles…
Elaboramos un monovarietal branco, o Godello Ventura sobre Lías Finas, do que sacamos ao mercado entre 8.000 e 10.000 botellas. E logo temos un viño de vila, o Ventura Garnacha, de cepas moi vellas de pequenas parcelas do concello da Rúa, do que elaboramos entre 1.500 e 2.000 botellas ano. O nome de Ventura é unha homenaxe ao meu avó.

Este ano elaborarán un Brancellao de parcela

Por último, temos un tinto plurivarietal, o Trebón, elaborado cun coupage a partes iguais de viño procedente de uvas de Sousón, Mencía e Brancellao. Elaboramos entre 4.000 e 5.000 botellas deste viño, que como o seu nome indica, pretende ser unha ruptura, un refacho de aire novo.

En canto ás vendas, o noso mercado está básicamente en Galicia, e en menor medida en Andalucía, Barcelona e Madrid. Tamén estamos exportando algo a Xapón.

Estades a traballar tamén nalgúns proxectos de novos viños. ¿Podes avanzar algo?
Probablemente neste ano 2018 imos empezar a facer as primeiras elaboracións cun viño monovarietal de Brancellao de parcela. Se nos gustan os resultados que obteñamos a nivel de viticultura, elaboración e barrica sairemos ao mercado e senón seguiremos afondando na elaboración de viños de parcela.

Nestes dez anos a vosa galería de trofeos xa é extensa. Cal foi a clave?
Por sorte levamos moitos premios nestes 10 anos, sobre todo nos tintos, con moi boas puntuacións na Guía Peñín. Antes elaborábamos un viño, o Ventura Mencía, que se deixou de facer e que durante dous anos seguidos recibiu 94 puntos na Guía Peñín, como un dos mellores de España en relación calidade prezo. Pero deixeino de elaborar porque ademais de gustarlle aos críticos os viños teñen que gustarche a ti e foi así como o mesturei con Brancellao e Sousón.

“Hai saturación de Mencías no mercado e apostei por elaborar un tinto diferente”

Ademais, era un viño moi galardoado pero iso non se traslada nin nas vendas nin no prezo que me gustaría. Hai saturación de Mencías no mercado, do Bierzo, da Ribeira Sacra, de Valdeorras e apostei por elaborar algo diferente.

Cal é o segredo para que unha adega poida competir no mercado producindo 20.00 botellas?
As adegas pequenas temos que pensar na diferenciación, en elaborar viños diferentes para sobrevivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información