A DO Valdeorras presenta a súa anada 2016 en Santiago

No marco do acto, que contou coa participación da directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias da Xunta, o presidente do Consello Regulador destacou que os viños de Valdeorras “son os terceiros mellor valorados de España na prestixiosa Guía Peñín”

Publicidade
A DO Valdeorras presenta a súa anada 2016 en Santiago

Algúns dos viños máis relevantes pertencentes á ultima colleita de Valdeorras foron presentados este luns pola tarde en Santiago no marco dun acto conducido polo actor Javier Veiga, que contou coa participación de diferentes autoridades, entre as que salientou a directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo.

Ao inicio da presentación, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez, referiuse aos viños da zona como “os terceiros mellor valorados de España na prestixiosa Guía Peñín”.

Un total de 23 bodegas de Valdeorras -máis da metade das que conforman a D.O.- participaron no túnel do viño que se celebrou no marco do evento, no que puideron degustarse 49 referencias distintas: 26 de brancos, 22 de tintos e 1 escumoso. Na súa intervención, o presidente do Consello Regulador puxo de manifesto o enorme salto cualitativo experimentado polos viños da comarca nos últimos anos. “O sector vitivinícola de Valdeorras foi quen de mellorar a calidade de todos os procesos necesarios para a elaboración dun bo viño: poda, coidados das viñas, vendima, fermentación ou conservación en bodega, entre outros”, manifestou.

Precisamente, “todas estas melloras” permitiron á D.O de Valdeorras “incrementar notablemente” a súas exportacións, tal e como abondou García Álvarez. Neste entido, os Estados Unidos, o Reino Unido, Holanda, Bélxica e Xapón eríxense á cabeza dos mercados aos que máis viño venden as bodegas desta denominación.

Cata comentada

Pola súa banda, o director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, puxo en valor a enorme da calidade da colleita 2016 de Valdeorras. Unha colleita que “non foi doada” debido, principalmente, “ás inclemencias meteorolóxicas”. Porén, segundo salientou Cannas, o bo facer dos membros do sector vitivinícola da comarca ten permitido “que nos atopemos cunha añada moi boa, que non ten nada que envexar á de anualidades anteriores”. Xoán Cannas manifestou que Valdeorras ten por diante un “sinfín de posibilidades” debido a varios factores. Entre eles, referiuse ao traballo de viticultores novos que están apostando por este territorio amparado e, tamén, á diversidade dos chans da comarca.

A directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, afirmou que na D.O. Valdeorras prodúcese, en termos porcentuais, un 10% de todo o viño que se fai en Galicia. Para a directora xeral, é imprescindible que os membros do sector vitivinícola fagan fronte, canto antes, aos retos actuais do mercado de viño. Entre eles, destacou a mellora da comercialización do produto e a conquista e exploración de novos mercados.

Os diferentes intervintes no acto tiveron palabras de agradecemento para os membros do sector vitivinícola da comarca participantes no acto desta tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información