Valdeorras finaliza a vendima con 6.554.798 quilos

Publicidade
Valdeorras finaliza a vendima con 6.554.798 quilos

A campaña de recollida de uva na comarca de Valdeorras pechouse este mes despois de 38 días de vendima. Os datos finais indican que se recolleron 6.554.798 quilos de uva, o que supón 164.746 quilos máis que na campaña do 2014 na que a cantidade foi de 6.390.052 quilos. As variedades preferentes, Godello e Mencía, incrementaron a súa produción supoñendo case o 75% do total da vendima con 4.891.263 quilos.

O pasado 27 de agosto iniciábase unha campaña de vendima que comezaba con máis dunha semana de adianto con respecto ao 2014 e 38 días despois pechábase o día 4 de outubro. Durante ese tempo 43 adegas desta denominación realizaron a súa vendima co control de 12 veedores. Nesta campaña a variedade preferente Godello incrementou a súa produción en 198.416 quilos con respecto ao ano anterior. Así se recolleron 2.767.025 quilos de Godello. Tamén no apartado de preferentes de Doa Branca colleitáronse 168 quilos cando no 2014 non houbo colleita desta variedade.

Baixan as variedades Palomino e Alicante

Nas tintas a variedade preferente Mencía tamén aumentou os seus datos con 233.272 quilos máis nesta campaña, quedando en 2.124.238 quilos. Ademais incrementaron as súas cantidades as variedades preferentes Sousón con 37.048 quilos (32.961 quilos no ano 2014), Merenzao con 6.277 quilos (5.797 quilos non 2014) e Tempranillo con 12.617 quilos (12.032 quilos non 2014). Analizando os datos do Consello Regulador de Valdeorras tamén pode verse que a tinta de Albarello baixou as súas cantidades este ano quedando con 10.452 quilos fronte aos 13.115 quilos do ano pasado.

Nas variedades autorizadas, a Palomino (Xerez) e Alicante reduciron a súa produción, pasando no caso da branca Palomino de 782.634 quilos do 2014 a 611.157 quilos nesta campaña e no Alicante o ano pasado foron 1.083.938 quilos e agora quedaron en 985.816 quilos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información