Unións pide que se poda comercializar o exceso de uva previsto para esta vendima

Publicidade
Unións pide que se poda comercializar o exceso de uva previsto para esta vendima

Vendima na DO Rías Baixas

O sindicato Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar de inmediato para garantir a comercialización de toda a uva dispoñible para esta colleita dentro das súas respectivas denominacións de orixe.

A organización alerta da “alarmante situación” na que se atopan numerosos viticultores, e reclama a implicación da Consellería do Medio Rural para conseguir que os produtores poidan dar saída a toda a produción dispoñible nesta campaña.

En cada denominación existe un rendemento máximo autorizado por hectárea, para garantir tanto a calidade do produto como para regular a oferta e desta forma axudar a manter os prezos. Neste sentido, o exceso de produción regúlase normalmente mediante as vendimas en verde, pois do contrario corre o risco de comercializarse por vías ilegais ou alegais, baixando os prezos de mercado.

Sen embargo, para Unións Agrarias avoga por saltarse para esta campaña as limitacións de produción e que se permita ao viticultor comercializar toda a produción baixo a DO. “Se ninguén fai nada por evitalo, -explican dende o sindicato- moitos dos produtores de uva das distintas denominacións de orixe de Galicia veranse nunha difícil tesitura en cuestión de semanas. E é que, tal e como xa alertamos, a cantidade de uva dispoñible en moitas das parcelas excede os cupos fixos aprobados polos Consellos Reguladores, polo que, se non se habilitan medidas excepcionais que o eviten, numerosos viticultores veranse na obriga de deixar parte da súa uva sen recoller por non poder vendela”.

Unións pide que se permita dar saída á totalidade da colleita

Unións Agrarias insta ao goberno galego a tomar parte e a actuar, da man dos distintos Consellos, para habilitar coa máxima urxencia un mecanismo que permita aos produtores de uva que se atopen nesa situación comunicala e beneficiarse dunha inspección das parcelas que corrobore os datos reais de produción e que lles permita dar saída á totalidade da colleita.

A organización insiste na “necesidade de mudar o actual modelo de rendementos fixos por un sistema variable, que adapte os cupos de cada campaña á realidade das distintas subzonas e variedades produtivas”. E á espera de que esa modificación se produza, apela á “responsabilidade” e insta á Xunta de Galicia a actuar para solventar unha situación que consideran “inxusta” e garantir que toda a uva dispoñible nesta campaña poida ser empregada dentro das súas respectivas DOs.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información