Unións pide que as adegas cumpran os prazos de pago aos viticultores

A organización agraria denuncia que “na pasada campaña as adegas non cumpriron os prazos de pago a viticultores que establece a Lei da Cadea Alimentaria”. UUAA pide á Xunta que convoque as mesas do viño do Ribeiro e de Rías Baixas

Publicidade
Unións pide que as adegas cumpran os prazos de pago aos viticultores

Vendimia en Rías Baixas

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, demandou este mércores en Pontevedra que as adegas cumpran este ano os contratos cos viticultores, especialmente no relativo aos prazos de pago.

A Lei da Cadea Alimentaria obriga a que as compra-vendas de uva no sector vitivinícola superiores a 2.500 euros teñan un contrato por escrito, asinado antes da entrega, cun prezo determinado e que a adega pague ao viticultor, como norma xeral, nun prazo máximo de 30 días, contados a partir da última entrega de uva á adega. Establécese unha excepción para as adegas cooperativas en relación cos seus socios. Soamente poderase pagar a 60 días nas Denominacións de Orixe nas que os Consellos Reguladores teñan validación de colleita.

Sen embargo, Roberto García denunciou que “o grao de cumprimento por parte das adegas en Galicia é moi deficiente, con prazos de pago que na pasada vendima chegaron aos 90 e ata os 120 días”. “É certo que é un avance con respecto ao ano que tardaban en pagar antes as adegas aos viticultores, pero séguese incumprindo a lei”, subliñou.

UUAA esixe que se convoquen as mesas do viño do Ribeiro e de Rías Baixas

Ante esta situación, o secretario xeral de UUAA anunciou que enviaron unha carta á conselleira de Medio Rural para que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convoque nos próximos días as mesas do viño das denominacións de orixe Ribeiro e Rías Baixas.

Roberto García: “En Rías Baixas demandamos un prezo da uva de 1,20 euros o quilo”

Neste sentido, Roberto García anunciou que “tendo en conta que as previsións de colleita de uva son dunha baixada media do 20%, que as adegas apenas teñen stock e que os gastos dos viticultores disparáronse esta campaña pola necesidade de realidade máis tratamentos antifúnxicos”, demandarán unha suba de prezos, que sitúa no caso de Rías Baixas, en 1,30 euros por quilo como prezo mínimo. “Convocaremos asembleas de viticultores para que ninguén venda por baixo dese prezo”, avanzou García.

Por último, o secretario xeral de Unións Agrarias anunciou que “seremos especialmente belixerantes coas adegas que incumpren os contratos, sobre todo no relativo aos prazos de pago”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información