Unha tese prevé que as zonas altas serán as máis aptas para o cultivo do viño na Ribeira Sacra

Iria Rodríguez Veiga conclúe que o terroir provoca as diferenzas entre os viños da Denominación

Publicidade
Unha tese prevé que as zonas altas serán as máis aptas para o cultivo do viño na Ribeira Sacra

Vendima na Ribeira Sacra.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra é quizais a que presenta maior variación dos seus viños das cinco coas que conta Galicia. As diferenzas no terroir, é dicir, na interacción entre topografía (altitude e exposición), clima, microclima e chan das súas cinco subzonas de cultivo (Amandi, Chantada, Ribeiras do Miño, Quiroga-Bibei e Ribeiras do Sil) determinan distintos tipos de viños.

Medir cientificamente isto e con estes datos empezar a deseñar unha estratexia para adaptar o cultivo da vide na Ribeira Sacra á realidade cada vez máis evidente do cambio climático foi o obxectivo da tese “Composición bioquímica de la variedad Mencía (Vitis vinífera L.) en la D.O. Ribeira Sacra: influencia del terroir y adaptación al cambio climático”.

A investigación comezou no ano 2009 no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e foi realizada pola investigadora monfortina Iria Rodríguez Vega, que a defendeu recentemente na Universidade de Vigo, obtendo a cualificación de Sobresaliente Cum laude.

En total analizáronse 15 viñedos repartidos nas cinco subzonas da Denominación de Orixe. A variedade de vide que se analizou foi a Mencía, a predominante na Ribeira Sacra.

As zonas de altitude media permiten obter viños máis equilibrados

Partindo de que a Ribeira Sacra reúne unhas condicións moi favorables para o cultivo da vide -a temperatura media efectiva, a rexistrada durante o período vexetativo da vide, sitúase nos 17,1 ºC e a precipitación efectiva é de 281 mm, mentres que a probabilidade de xeadas na fase inicial do ciclo vexetativo é escasa- o que investigou Iria Rodríguez Veiga é cales son as mellores parcelas para obter os viños máis equilibrados.

Neste sentido, tendo en conta que as viñas da Ribeira Sacra van dos 200 metros na cota máis baixa aos 466 na máis alta, o que conclúe a tese é que as viñas situadas entre os 350 e os 450 metros de altitude e nas que a temperatura anual media sitúase entre os 17,5 e os 19ºC son as máis adecuadas.

Isto é así porque as uvas das viñas situadas nesas alturas permiten obter caldos con elevadas cantidades de compostos encefálicos, que aportan matices cromáticos, características organolépticas e aromáticas, posibilidades de envellecemento, e beneficios para a saúde pola súa elevada capacidade antioxidante, e de compostos aromáticos que inflúen na calidade organoléptica do viño.

“As mellores zonas para un viño máis equilibrado son as zonas medias, pero iso non quere dicir que sexan as mellores zonas de cultivo”

Na investigación estudou o efecto do terroir na composición bioquímica da variedade Mencía, en canto a polifenoles, aromas e aminoácidos e obtivéronse diferenzas significativas importantes, o que nos indica que dentro dunha mesma subzona podemos obter mostos con diferentes propiedades e características, mesmo cando proveñen da mesma variedade, neste caso a Mencía. Evidénciase así o potencial desta denominación para obter viños de calidade segundo as prioridades do viticultor cara ao tipo de viño a elaborar.

“Neste sentido, segundo o lugar de plantación obterase un maior ou menor contido en polifenoles e isto permitirá obter viños con distintos matices cromáticos, máis harmónicos e con distintas posibilidades de envellecemento en barrica, ademais de aportar efectos beneficiosos para a saúde pola súa elevada capacidade antioxidante. Doutra banda, os diferentes microclimas tamén aportarán diferentes características organolépticas e aromáticas ata dentro dunha mesma zona”, explica Iria Rodríguez Vega.

As uvas das Ribeiras do Sil teñen máis riqueza aromática e as de Amandi e Quiroga maduran antes

Outro dos aspectos analizados foi a variación da composición das uvas nas cinco subzonas da Denominación de Orixe, partindo do feito de que existen claras diferenzas tanto entre as temperaturas -as máis baixas danse en Chantada (17,1ºC de media) e as máis altas en Amandi (18,2ºC)- como entre os chans.

E os resultados conclúen que as uvas cultivadas nas Ribeiras do Sil teñen maior concentración de compostos fenólicos e aromáticos sendo as de Quiroga-Bibei máis ricas en antocianos e as de Amandi en estilbenos.

Ademais, nas parcelas estudadas nas subzonas de Ribeiras do Sil obtivéronse as maiores concentracións de compostos fenólicos, xunto coa de Amandi no caso do resveratrol, composto de elevada importancia pola súa actividade antioxidante, e a de Quiroga no caso dos antocianos, compostos que aportan, principalmente, matices cromáticos aos viños.

Ribeira_Sacra _TESE_IRIA_GRAFICO_01_standar

Fonte: Iria Rodríguez Vega

Todas estas zonas caracterízanse por unhas condicións climáticas con temperaturas altas polo día e noites frescas, o que favorece a maduración gradual da uva que chega ao seu punto óptimo antes que no resto das parcelas estudadas, características que se deben principalmente á topografía destas zonas .

Estes indicadores revelan, xa que logo, que o terroir da Ribeira Sacra, é dicir, o chan, o clima e a topografía (altitude e exposición), exerce unha notable influencia na composición bioquímica da variedade Mencía.

Co cambio climático as viñas cultivaranse a máis altitude

Como pode influír o cambio climático no cultivo da uva na Ribeira Sacra e como poder adaptarse? Esta foi outra das preguntas ás que intenta dar resposta a tese de Iria Rodríguez Vega.

E o que conclúe o estudo é que será necesario cultivar a vide a máis altitude para obter viños equilibrados. Desta forma, a investigadora recomenda aos viticultores que queiran realizar novas plantacións que o fagan nas zonas medias e altas porque nas zonas baixas, máis próximas ao río, as cepas sufrirán sobremaduración.

Neste sentido, a tese prevé que as posibilidades para adaptarse son grandes, xa que o viticultor pode xogar tanto coa altura á que cultiva a vide, como cos distintos microclimas e até coas variedades de uva.

“Temos a sorte de poder contar con esas zonas medias e altas que en moitos casos están aínda sen cultivar e poden ter gran potencial para o viñedo”, conclúe a autora da tese.

Composición bioquímica da uva nas subzonas da DO Ribeira Sacra: 

Ribeira_Sacra _TESE_IRIA_GRAFICO_03_standar

Fonte: Iria Rodríguez Vega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información