Un viño galego entre os 100 mellores do mundo para a revista americana Wine Spectator

Publicidade
Un viño galego entre os 100 mellores do mundo para a revista americana Wine Spectator

Godeval Cepas Vellas

Viña Godeval Cepas Vellas 2014, un viño da variedade Godello da adega SAT Godeval, na Denominación de Orixe Valdeorras, logrou situarse na lista dos 100 mellores do mundo do ano 2016 para a prestixiosa revista estadounidense Wine Spectator.

En concreto, segundo indica a adega, o Godeval Cepas Vellas 2014 logrou 91 puntos, situándose no posto 75 da lista dos mellores viños do mundo, na que este ano hai 11 viños españois con predominio dos caldos de Rioxa e Ribeira do Douro. Convértese así, no único viño galego que figura nesta lista, e o segundo ano no que é incluído na mesma.

O ano pasado, a anada 2013 desta mesma marca figurou no posto 36 e tamén foi o único viño branco galego, segundo destaca a adega galega.

Na descrición do viño na revista destacan que “aromas de pera, pexego e marmelo mestúranse neste viño expresivo, mentres notas minerais, mandarina e xenxibre engádenlle complexidade”.

“Este viño alcanza a súa máxima expresión ao cabo de 4 ou 5 anos en botella”

A xerente de SAT Godeval, Araceli Fernández, destaca que “o que define a Godeval Cepas Vellas é que é elaborado a partir de uvas seleccionadas das cepas de Godello máis antigas, as que foron plantadas por Horario Fernández Presa co plan Revival fai uns 35 anos”. “Pero o que marca a diferenza deste viño -subliña- é que despois da fermentación recibe tratamento sobre lías durante 4 ou 5 meses”.

Ademais, destaca que “segundo os expertos, trátase dun viño que alcanza o seu máximo de expresión despois de 4 ou 5 anos en botella”. Da anada 2014 do Godeval Cepas Vellas, o distinguido por Wine Spectator, quedan aínda unhas 6.000 botellas á venda. Para a anada 2016 Sat Godeval ten previsto sacar ao mercado unhas 19.000 botellas. “Estamos sorprendidos porque nos gusta este recoñecemento para os nosos viños”, asegura Araceli Fernández.

Wine Spectator publícase desde 1988 e ano tras ano foi crecendo en popularidade, ata converterse nunha referencia no mundo o viño en Estados Unidos. Na primeira edición catáronse 3.000 viños e a maioría procedían de Italia, Francia e Estados Unidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información