Un congreso reunirá en Ourense aos grupos ibéricos de referencia en compostos fenólicos

Publicidade
Un congreso reunirá en Ourense aos grupos ibéricos de referencia en compostos fenólicos

As uvas é un dos alimentos con maior cantidade de compostos fenólicos

Data inicio: 02/10/2019
Data fin: 02/10/2019
Lugar: Facultade de Ciencias de Ourense, Rúa Doutor Temes Fernández, Ourense, España

Os grupos de referencia na investigación sobre compostos fenólicos de España e Portugal daranse cita na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o día 2 de outubro. Será no I Congreso Ibérico de Compostos Fenólicos,  organizado polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo.

A actividade realízase no marco do proxecto Iberphenol, unha iniciativa que, explican desde a organización do congreso, naceu ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 co obxectivo de pór en marcha unha rede ibérica de investigación en polifenois con aplicación na industria.

“O obxectivo desta iniciativa é afianzar a rede existente entre os grupos de investigación participantes en Iberphenol e presentar os resultados obtidos coa participación neste proxecto desde a súa posta en marcha”, comentan Patricia Reboredo e María Figueiredo, investigadoras da Universidade de Vigo coordinadoras do congreso.

Sobre a relevancia da abordaxe da temática que centra esta actividade, desde a súa organización apuntan como “os compostos fenólicos son compostos naturais presentes nos alimentos con actividade biolóxica, que teñen propiedades saudables e que poden interferir no proceso de determinadas enfermidades, como poden ser a diabetes ou o cancro”. O interese neles, detallan, radica por exemplo no seu potencial na busca de substancias alternativas que poden “ou axudar ou realizar a mesma función” que medicamentos que se usan na actualidade no tratamento de enfermidades.

Da agroindustria á saúde

O congreso, detallan os seus responsables, será un punto de encontro entre os investigadores de Iberphenol pero estará aberto a todas as persoas interesadas na temática. As conferencias correrán a cargo de investigadores e investigadoras dos grupos que participan en Iberphenol, que son, ademais do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, o Grupo de Investigación en Polifenois da Universidad de Salamanca; o grupo Uvamox da Universidad de Valladolid; o Food Polyphenol Lab da Facultade de Ciencias da Universidade de Porto; o grupo BioChemCore do Instituto Politécnico de Bragança; o Laboratório de Farmacognosia da Faculdade de Farmácia da Universidade de Porto; a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; a Universidade de Coimbra e a Bodega Matarromera.

Nas súas intervencións, as e os relatores abordarán os últimos avances en temáticas como as agroindustrias fenólicas e a relación entre compostos fenólicos e economía circular; sabor; propiedades bioactivas e saúde.

Así, o programa de conferencias arrancará cunha sobre perfís fenólicos e sensoriais de framboesas producidas baixo prácticas agrícolas convencionais fronte ás orgánicas e rematará con outra sobre os polifenois de amorodo como posibles ferramentas para controlar a aparición e progresión da obesidade.

Descarga aquí o programa completo do congreso

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información