Tres mil sinaturas apoian unha iniciativa popular polos danos das xeadas

Unións Agrarias entrega no Parlamento unha proposta non de lei de axudas para os viticultores e produtores de castaña afectados polas xeadas tardías da primavera. Este sábado 18 mobilizarase en Santiago en demanda de maiores apoios ó rural

Publicidade
Tres mil sinaturas apoian unha iniciativa popular polos danos das xeadas

Entrega no Parlamento da proposición non de lei de iniciativa popular polos danos das xeadas.

As perdas que está a sufrir o agro este ano tanto pola seca como polas xeadas primaverais centran as demandas das organizacións agrarias nos últimos meses. Unións Agrarias considera “case inexistentes” os apoios ós produtores afectados, polo que segue coa campaña de presión ante a Xunta, iniciada meses atrás con mobilizacións na provincia de Ourense, a máis afectada. Esta mañá, Unións presentou unha proposición non de lei de iniciativa popular ante o Parlamento de Galicia, avalada por 3.000 sinaturas, en demanda de axudas para os viticultores e produtores de castaña afectados polas xeadas.

Fixo entrega das sinaturas o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que estivo acompañado por Xaquín Fernández Leiceaga, do grupo socialista, a través do que se tramitará a solicitude da proposición non de lei de iniciativa popular.

García incidiu en que “a estas alturas, non cabe seguir discutindo se houbo danos ou non. A Consellería entrou nunha dinámica de retorcer os números para dicir que en Galicia se produciu este ano máis viño que o ano pasado, cando en todas as denominacións de Ourense houbo hectáreas e hectáreas arrasadas polas xeadas e viticultores que quedaron sen ingresos”, criticou.

O secretario xeral de Unións Agrarias cuestiona tamén os apoios da Xunta ós viticultores, para o que se destinou medio millón de euros en créditos a interese cero: “A mecánica da Xunta foi a seguinte. Primeiro negou a existencia do problema, logo dixo que non é legal dar axudas e por último anunciou que habería dez millóns de euros de apoios. O que non esperabamos é que ese anuncio non fose máis que unha operación de marketing, pois ao final só se destinou medio millón de euros e ademais para viticultores a título principal, co cal máis do 90% dos viticultores de Galicia quedaron fóra da convocatoria”, cuestiona Roberto García.

Mobilización o 18 de novembro
Unións continuará coas accións reivindicativas o próximo sábado cunha “gran mobilización” convocada para Santiago en demada de maiores apoios ó rural, afectado este ano tanto polas xeadas como pola seca e os lumes.

Por parte do grupo socialista, Xaquín Fernández Leiceaga abundou nos argumentos de Unións Agrarias e destacou que era importante volver a abordar o problema dos viticultores e dos produtores de castaña na Cámara galega, “ademais a través dunha iniciativa participativa suscrita polos propios afectados”, subliñou.

Leiceaga considera que a proclamada “lexislatura do rural” convertiuse na “lexislatura de ataque ó rural” e cuestionou o propagandismo da Xunta en torno ó medio rural, “cando a realidade, como estamos vendo, é moi diferente”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información