A trazabilidade e as normas APPCC: unha obriga ineludible para o sector do viño

Diversos expertos reunidos na xornada da Evega sobre “A rastrexabilidade do viño. Novos procesos” insisten na obriga de implantar nas adegas os principios de APPCC “como en calquera outra industria alimentaria”

Publicidade
A trazabilidade e as normas APPCC: unha obriga ineludible para o sector do viño

Interior dunha adega.

Nos próximos anos incrementaranse as esixencias de trazabilidade no sector do viño, de forma que en caso de que se detecte un incumprimento da normativa sanitaria nunha botella de viño se poda saber se no viñedo do que procede se aplicaron correctamente os tratamentos fitosanitarios.

Ademais, as adegas terán que ter implantado e cumprir un manual de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos (APPCC), como calquera outra industria alimentaria. As esixencias dos consumidores e das administracións en que se cumpra a normativa levará a que queden fóra do mercado as adegas e os viticultores que non cumpran con estas esixencias.

Estas foron as conclusións da xornada sobre “A rastrexabilidade do viño. Novos procesos”, organizada recentemente pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) en Monforte de Lemos.

“As adegas son industrias alimentarias e deberán cumprir a normativa sobre APPCC, como unha queixería”

Neste sentido, o xefe de zona de Saúde Pública da Consellería de Sanidade en Ourense, Ricardo Ignacio Vecillas Rojo, lembrou que “as adegas deben crear, aplicar e manter un procedemento de APPCC, e achegarlle á autoridade competente probas de que o cumpren”. E é que o regulamento comunitario CE 852/2004 obriga a elaborar e cumprir os puntos de control críticos, tamén dende o punto de vista sanitario, en todo o proceso de elaboración do viño na adega.

Neste sentido, o responsable da Consellería de Sanidade recoñeceu que a principal dificultade para implantar os APPCC no sector do viño “é que moitos adegueiros e viticultores non teñen coñecementos en materia de seguridade alimentaria”.

“Sen embargo -advertiu-, as adegas son industrias alimentarias e deben asumir que, por tanto, pertencen ao mesmo sector que unha empresa de conservas ou que unha fábrica de queixos”, coas obrigas a nivel de saúde pública que iso implica.

Alfonso Losada: “Terán que ser enólogos profesionais os que se encarguen de que as adegas pequenas tamén cumpran a normativa”

Alfonso Losada Quiroga, enxeñeiro técnico agrícola e moderador da mesa redonda sobre as dificultades de implantar un sistema de rastrexabilidade nas adegas galegas, recoñece que “nas adegas grandes non hai problema no control dos puntos críticos dende a viña ata o viño”. “O problema -asegura- está nas pequenas adegas, que non teñen recursos, nin técnicos para cumprir a normativa”.

Neste sentido, para as pequenas empresas vitivinícolas, Alfonso Losada pronosticou que “terán que ser os enólogos os que se encarguen de realizar este traballo”.

 “Non se poden seguir permitindo os viños a granel sen etiqueta”

“A sanidade e a saúde é fundamental. Hai unha lexislación europea que obriga a levar un control e un rexistro de todas as prácticas e tratamentos que se fan, tanto en viña como en adega, para evitar que os residuos no viño non superen os límites establecidos”, subliña. “É un tema no que a Administración debe ser esixente”, advirte.

“Non se poden seguir facendo a vista gorda ante os viños a granel sen control e sen etiqueta, nin que se incumpra a normativa sobre APPCC e trazabilidade. Estamos nun momento no que a Administración ten que obrigar ao sector a poñerse ao día”, conclúe.

Ferramentas informáticas para a trazabilidade do viño

Pola súa parte, Félix Pelayo Manteca presentou as ferramentas informáticas da empresa Isagri para o control da trazabilidade tanto en viñedo como en adega. En concreto, o programa Geocolia permite facer un seguimento de control de todas as labores agrícolas dende o viñedo (tratamentos fitosanitarios, de abonado, cadernos de campo…etc) ata a adega (rexistro de entrada de uva, con datos do SIGPAC da parcela, número de cartilla do proveedor, controis enolóxicos de cada depósito, embotellado e etiquetado..etc) e a venda.

“Desta forma, mediante esta aplicación podemos seguir unha botella de viño, a partir do seu número de lote, ata a parcela, identificando o responsable en cada fase en caso se detectase un problema”, resumo o representante de Isagri.

“A rastrexabilidade a xente veo como papeleo, pero permite que se pasa algo a miña adega teña as costas cubertas”

En canto ás razóns polas que non se cumpre a normativa de rastrexabilidade, “no caso de Galicia penso que se debe a que hai moito pequeno viticultor maior con pequenas parcelas e que non se adapta a un programa informático”. “É moi difícil implantar un programa de xestión de trazabilidade a este tipo de viticultor, non así nas adegas medianas e grandes, nas que si se están a implantar”, recoñece Félix Pelayo.

“A rastrexabilidade a xente veo como papeis que hai que encher, pero permite que se pasa algo a miña adega teña as costas cubertas e non prexudique ao resto do sector”, conclúe.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información