Terra do Gargalo: a busca da excelencia no viño

Visitamos a adega de Roberto Verino na Denominación de Orixe Monterrei. O seu Treixadura-Albariño foi premiado como o Mellor Viño Branco de Galicia 2015

Publicidade
Terra do Gargalo: a busca da excelencia no viño

Adega Terra do Gargalo, co castelo de Monterrei ao fondo

Buscar a excelencia desde o cultivo da viña ata a elaboración do viño. Iso foi o que levou ao coñecido empresario do sector téxtil Roberto Verino a apostar polo sector do viño coa adega Terra do Gargalo, un proxecto que botou a andar no ano 1998 no concello de Monterrei.

A vinculación de Roberto Verino coa viticultura vén dos seus avós, por parte de nai, cultivadores de viñas na Ribeira Sacra, que crearon nel a curiosidade pola elaboración do viño.

E a elección da Denominación de Orixe Monterrei non foi casual. “En Monterrei estamos na mellor zona de Galicia para a viticultura, compartimos climatoloxía con denominacións como Ribera del Duero ou Cigales e iso nótase nos nosos viños”, asegura Ángel Germade, xerente da adega Terra do Gargalo.

O emprazamento da adega tamén foi nun lugar emblemático para a comarca: as ladeiras do Castelo de Monterrei. Son 7,5 hectáreas de viñedo atravesadas por un “gargalo”, o nome co que se denomina a un regato na variante do idioma galego desta comarca. Ao redor do 80% da parcela está plantada con variedades autóctonas brancas, principalmente Treixadura, Albariño e Godello, pero tamén outras minoritarias como Dona Branca ou Loureiro. En canto ás variedades tintas, ocupan ao redor do 20% dos viñedos de Terra do Gargalo, fundamentalmente Mencía e Araúxa, coñecida como Tempranillo noutras latitudes e que está perfectamente adaptada ao clima seco e continental do val de Monterrei. Compran tamén uvas a viticultores de confianza da zona, aos que supervisan e asesoran nos labores de coidado da viña ao longo do ano.

 “Preferimos seguir mellorando en calidade e en darlle máis valor ao viño”

A procura da excelencia levou a Terra do Gargalo a ser pioneiros en varios aspectos, desde a súa aposta clara por vinificar por parcelas, por anadas e por variedades ata o desenvolvemento do enoturismo. Todo co obxectivo de xeral valor engadido nos seus viños, que venden tanto en Galicia (un 65%), como no resto de España (25%) e noutros países (un 10% das vendas).

En canto á aposta por viños de terroir e de anadas, Ángel Germade destaca que “elaboramos o viño por variedades e por parcelas, e na nosa adega os viños decídense sempre despois de que están acabados, non antes”. Despois dunha vendima 2015 que cualifica como “excelente” prevén sacar ao mercado ao longo deste ano unhas 125.000 botellas. Unha parte importante venderase baixo a marca “Gargalo” e con tres categorías: Godello 100%, Treixadura-Albariño, en brancos, e Mencía en tintos.

Ademais, teñen no mercado unha liña exclusiva “Terra do Gargalo” con uvas da propia finca: o Terra do Gargalo sobre lías, un pluvivarietal de Godello e Treixadura, que conta co distintivo de Galicia Calidade, e que no 2014 foi recoñecido pola Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (Aepev), como o mellor viño branco novo de España da colleita 2012. E desta liña tamén é o Terra do Gargalo Carballo, un Mencía-Araúxa envellecido en carballo francés.

O seu Treixadura-Albariño foi premiado como o Mellor Viño Branco de Galicia 2015

O carácter pioneiro de Terra do Gargalo tamén o están levando aos seus plurivarietais. Foron uns dos pioneiros en elaborar un Treixadura-Albariño, cun 60 e un 40% de proporción, respectivamente. A acollida non puido ser mellor, recibindo o premio ao Mellor Viño Branco de Galicia 2015 na Cata Oficial dos Viños de Galicia. “Este ano creo que está mesmo mellor, xa que a colleita de 2015 foi espectacular, e esperamos sacar ao mercado unhas 13.000 botellas”, asegura Ángel Germade.

E é que segundo o xerente da adega Terra do Gargalo “a Treixadura no val de Monterrei compórtase de forma diferente e é unha variedade excelente para plurivarietais, achegando consistencia e notas de mazá verde, mentres que a Albariño proporciona a súa característica frescura e acidez, o que dá como resultado un viño amplo e moi intenso en aromas, cun gusto final longo”.

Como se ve, a aposta desta adega pola diferenciación e a calidade é clara . Neste sentido, o xerente de Terra do Gargalo subliña que “nunca tivemos grandes producións, xa que o noso rendemento máximo por hectárea está en 5.000 quilogramos, e o que buscamos son viños máis concentrados e aromáticos”.

Cultivan o 100% dos seus viñedos en biodinámico

O clima extremo do val de Monterrei, con grandes diferenzas de temperaturas entre o día e a noite, e con menos da metade de precipitacións que en Rías Baixas, non só achega unhas características especiais ás uvas, con máis retención de azucres, senón que tamén facilita en gran medida a viticultura, con menos afectación de enfermidades fúngicas (Mildeu, Oídio e Botrite).

“Xa estabamos a dar moi poucos tratamentos e finalmente optamos por practicar unha viticultura ecolóxica en biodinámico para seguir evolucionando cara á viticultura que facían os nosos antepasados”, explica Ángel Germade. Tampouco utilizan herbicidas na viña, senón que segan a herba e déixana no terreo, o que se coñece como acolchado ou múlching, o que mellora a fertilidade do solo e reduce a evaporación da humidade.

O xerente de Terra do Gargalo recoñece que “a reconversión foi lenta e visualmente as viñas non están tan bonitas, pero o noso obxectivo é mellorar os nosos viños e avanzar cara a unha viticultura sustentable medioambientalmente”.

Outro dos aspectos nos que esta adega foi pioneira é na aposta polo enoturismo. Así, Terra do Gargalo pertence á Ruta dos Viños de Monterrei, e desde o 1 de maio ao 31 de agosto abren sábados e domingos a adega aos visitantes, para que estes a coñezan e poidan comprar os seus viños.

E sobre os plans de futuro da adega?: “O que queremos é manternos, porque preferimos seguir mellorando en calidade e en darlle máis valor ao viño que medrar en cantidade”, conclúe Ángel Germade.

gargalo_monterrei_viñedo_02_standar

Nos viñedos de Terra do Gargalo non se utilizan herbicidas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información