Terra de Asorei: o albariño gourmet para todos os petos

Visitamos a adega Terra de Asorei, unha iniciativa innovadora que uniu a seis adegas tradicionais do Salnés para ser máis competitivos, elaborando un viño albariño de calidade e destinado fundamentalmente á exportación.

Terra de Asorei: o albariño gourmet para todos os petos

Xosé Ramón Durán, conselleiro delegado de Adegas Terras de Asorei SL

Unirse para elaborar un viño de calidade, auténtico, con 100% de uva albariña e con prezos axeitados. Con esta filosofía seis adegas familiares do Salnés, o berce da Denominación de Orixe Rías Baixas, uníronse en 2015 coas súas 60 hectáreas de viñedos na empresa Adegas Terra de Asorei SL co obxectivo de seren máis competitivos e vender fóra de Galicia uns albariños que presumen de galegos.

Os valores desta adega innovadora resúmense no logo do seu viño máis senlleiro, no que figura un poema simbólico de seis “A”: A de Albariño, Adegas, Asorei ,Arte ,Autenticidade e con Amor.

“Queremos que os nosos tres viños que elaboramos conxuntamente -Terra de Asorei, Nai e Señora e Pazo Torrado- sexan un produto gourmet, que
transmitan a esencia de Galicia por todo o
mundo, pero a uns prezos asequibles que
permitan que sexan disfrutados por todos os clientes”,
explica Xosé Ramón Durán, “Roque”, presidente e conselleiro delegado do Consello de Administración, unha labor que compatibiliza coa súa profesión de xornalista.

Uns obxectivos que cumpriron con creces, con arredor de 400.000 botellas que saíron en 2016 da adega, situada no concello pontevedrés de Meis, no corazón do Salnés.

Tres tipos de viño para cada momento

Os tres viños que ten Terras de Asorei no mercado son elaborados “en rede”, coas uvas procedentes dos viñedos das seis adegas. “A nosa estratexia de mercado é ofrecer uns albariños cunha clara aposta: transmitir os valores da empresa, as sensacións da nosa terra, e todo elo coa máxima calidade e a prezos axeitados”, engade Roque Durán.

Así, “Terra de Asorei” é un albariño destinado ao mercado Horeca, fermentado a 16ºC durante 21 días en tanques de aceiro inoxidable e con tres meses de crianza sobre lías. O nome deste viño e da adega é unha homenaxe a Francisco Asorei, o famoso escultor galego nado en Cambados e considerado como un dos artistas galegos máis importantes do século XX.

“O 70% dos nosos consumidores están fóra e queremos transmitirlles cos nosos viños as sensacións de Galicia”

“Pazo Torrado” está máis dirixido ás cadeas de alimentación, un viño xoven que rende tributo a un dos monumentos arquitectónicos máis emblemáticos da vila de Cambados, o Pazo do Torrado, destinado a ser un día a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

E “Nai e señora” está concibido para a busca de novos mercados para este albariño 100% que sigue os métodos tradicionais de elaboración no Val do Salnés. A través do seu nome, homenaxea ás mulleres galegas, as forxadoras da identidade do pobo galego.

A exportación xa supera o 35% do seu mercado

A día de hoxe, os albariños desta adega están presentes en once mercados internacionais que representan arredor do 35% das vendas totais, mentres que o mercado galego supón o 30% e o 35% restante comercialízase noutras partes de España.

O principal mercado exterior do albariño de Adegas Terra de Asorei é o Reino Unido, seguido de Estados Unidos, Holanda e Irlanda. Tamén están incrementando as súas vendas en Polonia, Rusia, Porto Rico ou Xapón e están en negociacións para entrar en Suecia e Noruega.

“O noso obxectivo para os próximos anos é ir medrando dunha forma sostida e sustentable, acompasando a produción dos nosos viñedos e a comercialización, ata chegar ao 50% de vendas a nivel internacional”, avanza o presidente e conselleiro delegado do Consello de Administración.

Aposta por Galicia Calidade: unha maridaxe perfecta

“Neste momento xa o 70% das nosas vendas están fóra de Galicia, e queremos que cada persoa cando abra un dos nosos viños experimente as sensacións asociadas á nosa terra e ao que queremos transmitir como empresa: calidade, natureza, autenticidade e xente de palabra”, destaca Xosé Ramón Durán.

Este desexo de que os seus viños estean no mundo como galegos levou a Adegas Terras de Asorei a incorporarse en marzo de 2016 ao selo de Galicia Calidade. “Para nós Galicia Calidade fai unha maridaxe perfecta cos nosos viños porque transmite os nosos valores como empresa de mellora constante da calidade e por amosar ao resto do mundo o que somos”, subliña.

Dentro da aposta desta adega pola excelencia, ademais de someterse ós controis de orixe e calidade do Consello Regulador Rías Baixas, dende febreiro de 2016 acadaron tamén as certificacións ISO 9001 de Xestión da Calidade e ISO 14001 de Xestión Medio Ambiental.

Proxectos de futuro: Enoturismo, novas tecnoloxías e incrementar a produción

Os proxectos de futuro de Adegas Terras de Asorei pasan por potenciar o enoturismo dentro da Ruta do Viño das Rías Baixas, tendo previsto presentar novos produtos turísticos nos vindeiros meses. “E coidamos que a localización da adega, cunha moi boa visualización e con acceso directo dende a saída sete da autovía do Salnés, fai que teña unha situación de referencia na mesma porta do Val do Salnés”, engade Xosé Ramón Durán.

Dentro desta estratexia de potenciar o enoturismo teñen previsto redefinir este verán a fachada “ou pel” da adega cun novo deseño dos arquitectos Seso Martínez e Teresa Outeda Táboas.

 “O 50% do noso viño espumante xa o temos vendido en Xapón”

Outro piar de Terras de Asorei para afrontar os retos do futuro é converterse no que denominan unha “Adega 4.0”. Concretarase na mellora dos sistemas de produción na adega, dos medios e do software necesarios para unha mellor trazabilidade, de xeito que se poda seguir a orixe do viño dende as cepas ata a elaboración, embotellado, etiquetado e saída para a súa comercialización.

Todo elo irá acompañado cun plan para incrementar a presenza dos viños de Terras de Asorei no mercado dixital, venda on-line e redes sociais que se desenvolverá durante os anos 2018/2019.

En canto a evolución do mercado, ademais de medrar no internacional, tamén teñen previsto incrementar as súas vendas no español e no mercado interior galego, sempre con uvas de viñedos propios dos seis socios, e aproveitándose de que a súa adega ten capacidade para elaborar ata 600.000 botellas, sen necesidade de realizar obra.

“Tamén evolucionaremos cara novos produtos, e este Nadal sacaremos o noso escumoso ou Burbullas atlánticas de Terra de Asorei, do que xa temos comprometidas unhas 3.000 botellas para Xapón, e para os vindeiros anos queremos ampliar a nosa gama con licores”, explica Xosé Ramón Durán.

Os tres viños de Terra de Asorei no mercado

Terra de Asorei: un exemplo de unión das adegas para ser máis competitivos e chegar a novos mercados

Adegas Terra de Asorei SL xurdiu a través da evolución da formula A.I.E. (Agrupación de Interese Económico), “Terra de Asorei”, no ano 2008. Comezou traballando como unha “adega en rede” na que os socios se uniron para elaborar en común, e cada un nas súas propias instalacións, un viño destinado á exportación ao tempo que cada adega mantiña as súas marcas propias.

Finalmente un grupo de seis socios do Salnés de longa tradición na elaboración de albariño constituíron Adegas Terra de Asorei SL. Son Adegas Vieites SL, Reixas Negras SL, Terra de Sisán SL, Xesvitgal SL, Elisabeth Castro e Ramón Trigo Daporta.

“Demos o paso de unirnos nos peores anos da crise porque viamos que como adegas familiares era cada vez máis difícil competir nun mercado global, e a unión nunha soa adega permitiunos mellorar moito en eficiencia, en redución de custos e poder chegar a novos mercados”, recoñece o conselleiro delegado da adega.

“Coa unión nunha adega reducimos custos e podemos chegar a novos mercados”

En outubro de 2015 deron un gran paso ao mercar, sen subvencións, as modernas instalacións dunha adega xa construída e que levaba uns anos pechada, xunto a 15.000 metros de finca.

Así, a día de hoxe os catro piares de Adegas Terras de Asorei son a elaboración das marcas propias da empresa (Terra de Asorei, Pazo Torrado e Nai e Señora); a prestación de servizos e elaboración das marcas dos socios, que suman máis de 150.000 botellas no mercado; un acordo para elaborar 100.00 botellas para grupos de distribuidores galegos durante 5 anos, así como servizos a outras empresas, como embotellado, etiquetado, etc..

“A nosa é unha posta por un albariño de calidade e con capacidade empresarial para facer de Terra de Asorei unha das dez marcas de referencia das Rías Baixas e de Galicia”, conclúe Xosé Ramón Durán.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información