Terra de Asorei, exemplo de colaboración entre as adegas de Rías Baixas

A conselleira Ángeles Vázquez visita as novas instalacións da adega. Anuncia que a Xunta destina para o período 2015-2018 un montante de 8 millóns de euros en axudas a investimentos para elaboración e comercialización de produtos vitícolas

Publicidade
Terra de Asorei, exemplo de colaboración entre as adegas de Rías Baixas

Ángeles Vázquez durante su visita a Adega Terra de Asorei S.L.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez visitou esta mañá as novas instalacións en Meis de Adega Terra de Asorei, onde felicitou aos socios e ao presidente da sociedade, Xosé Ramón Durán, polo investimento realizado.

A conselleira interesouse pola actividade da adega, que pasou de ser unha Agrupación de Interese Económico (AIE), que comercializaba de forma conxunta e exportaba viño albariño a novos mercados, a converterse este ano nunha Sociedade Limitada.

Un exemplo de colaboración no sector vitivinícola

Terra de Asorei naceu no ano 2007 como a primeira agrupación de interese económico da DO Rías Baixas, xuntando a seis adegas familiares da zona do Salnés para unir forzas de cara a poder comercializar os seus viños no exterior.

En concreto, Adegas Terra de Asorei agrupa a Adegas Vieites S.L., dos irmáns Carmelo e Xavier Vieites; Terra de Sisán, da familia Durán Rubí; Reixas Negras, con Tino Pintos e Elisa Rubí; Xesvitgal, con Lino Domínguez Torres, Germán Martínez Novo e José Pereira; Elisabeth Castro e Ramón Trigo Daporta,

Oito anos despois a agrupación converteuse en Adega Terra de Asorei S.L e ven de mercar, por un importe superior aos dous millóns de euros, as instalacións de Castro Baroña en Meis, onde a partir deste ano elaborarán os seus albariños. Segundo salientan dende a adega, xa contan cun compromiso de venda do 75% da produción deste ano.

 “A curto prazo a adega podería duplicar a súa capacidade de produción ata os 600.000 litros”

A compra destas modernas instalacións supón un gran salto para Adegas Terra de Asorei xa que incorporan os últimos avances tecnolóxicos e teñen capacidade para producir 300.000 litros de viño, que a curto prazo poderían ampliarse a 600.000 litros.

Ademais, grazas a un acordo de colaboración os socios de Terras de Asorei poderán utilizar as novas instalacións para elaborar os seus propios viños, pois seguen conservando as súas marcas. Non serán os únicos, xa que grazas tamén a un acordo con Castro Baroña, este albariño tamén será elaborado nas instalacións de Meis.

Na actualidade, Adega Terra de Asorei xestiona e traballa máis de 50 hectáreas de viñedo de albariño, exportando o 43% da súa produción aos Estados Unidos, o 25% ao mercado europeo, o 22% a Galicia e o resto repártese entre España e Asia.

Axudas da Xunta para o sector nos próximos anos

Por último, a conselleira Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta destina para o período 2015-2018 un montante de 8 millóns de euros en axudas a investimentos para elaboración e comercialización de produtos vitícolas. Estas achegas van dirixidas a operacións de elaboración, control de calidade e comercialización en puntos de venda directa na adega e fóra dela, así como a plataformas para o desenvolvemento de comercio electrónico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información