“Temos todo por facer en Galicia na selección das variedades autóctonas de viñedo”

Entrevista a Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax, un referente no sector do viño en Galicia. Lamenta que “é máis fácil conseguir planta certificada de albariño de clons portugueses que de galegos”

Publicidade
“Temos todo por facer en Galicia na selección das variedades autóctonas de viñedo”

Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax

Falar de Adegas Martín Códax é falar de éxito do cooperativismo e de posta en valor dos produtos galegos. Esta cooperativa de Cambados, que naceu no 1985 polo impulso de 50 viticultores, exporta hoxe a máis de 40 países, cunhas vendas superiores aos 20 millóns de euros.

E detrás deste “ouro líquido”, como se chega a definir ao viño albariño, está Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización, que vela porque os milleiros de cepas dos socios da cooperativa estean en óptimas condicións para producir a mellor uva.

¿Como iniciaches a túa relación co mundo da viticultura?
Son dunha casa onde o viño era tan necesario como a auga. Tíñamos unha taberna típica de aldea e viñas. Facíamos viño para autoconsumo para a taberna e case sempre se vendía a outros bares.

A min gustábame o traballo da viña e da bodega. Fixen un FP de Viticultura e Enoloxía na Granxa Escola de Ponteareas e despois Enxeñería Agrícola en Lugo. Rematados os estudios, empecei a traballar neste sector, primeiro como adegueiro e despois como técnico de viticultura.

No 2002 Martín Códax planta o viñedo de investigación “Pé Redondo” e contrátame como técnico de viticultura. Actualmente sigo traballando en Martín Códax como responsable técnico da súa empresa de Servizos Agrarios. O meu traballo está relacionado coa xestión técnica da viticultura, tanto nos viñedos propios coma os dos viticultores aos que se presta servizos

¿Que che gusta máis do teu traballo?
A parte do traballo na viña durante todo o ciclo nas súas distintas fases do cultivo, o que máis me gusta é a posibilidade de innovaciÓn en viticultura que estamos a desenrolar en Martin Codax a través dos distintos proxectos de I+D que nos que traballamos.

 “As parcelas con maior vigor e peor ventiladas son as máis problemáticas”

Pola túa experiencia, ¿En que tipo de parcelas se solen concentrar máis os problemas fitosanitarios no viñedo?
En Rias Baixas os problemas fitosanitarios do viñedo céntranse fundamentalmente na protección contra as enfermidades fúnxicas e especialmente o mildiu, xa que estamos nunha rexión onde a precipitación media esta en torno aos 1.500 mm e durante todo o ano o nivel de humidade relativa é elevado. Dentro deste clima as parcelas con maior vigor e peor ventiladas son as que adoitan ter maior risco de enfermidade e hai que estar máis pendente delas.

¿A  ubicación da parcela e o tipo de condución determinan as enfermidades da vide e a calidade que van ter as uvas?
Por suposto, xa falamos de que a incidencia de enfermidades do viñedo esta condicionada por factores medioambientais, fundamentalmente humidade e temperatura. A ubicación do viñedo provoca valores diferentes de estes factores. Por exemplo, non é o mesmo unha zona de fondo de val onde haberá máis humidade e menos circulación de vento que unha zona elevada con boa ventilación. Do mesmo xeito, o sistema de condución tamén pode modificar os valores microclimáticos da uva e do viñedo; sistemas de condución que favorezan o amontoamento de brotes e a falta de ventilación tamén terán maior problemática a nivel de enfermidades.

Pero estes factores meso e microclimáticos ademais de ter un efecto sobre a sanidade do viñedo, tamén afectan moito sobre a calidade final das uvas dende o punto de vista aromático e de composición da acidez e do contido en azucres.

¿Resúltavos difícil atopar planta certificada e con todas as garantías sanitarias en Galicia?
A planta dispoñible das nosas variedades autóctonas en moitos casos non conta con seleccións clonais que permitan a obtención de planta certificada. Iso é un problema porque neses casos só temos acceso á planta estándar, onde o patrón si que é certificado e a variedade provén de vides recollidas en determinados viñedos en lugar de campos de produción certificados e controlados.

“É máis fácil conseguir planta certificada de albariño de clons portugueses que de galegos”

O atraso na posta a disposición de material certificado das nosas variedades dos distintos traballos de selección feitos pola administración, está provocando que por exemplo sexa máis fácil de conseguir unha planta certificada de albariño de clons portugueses que de clons obtidos en Galicia.

¿Cres que hai marxe de mellora nos patróns e nos clons que se utilizan en Galicia? ¿Pode supor un risco a medio prazo a homoxeneidade de clons?
Nos patróns por suposto, xa que os que se están empregando seguen a ser os mesmos que tras a aparición da filoxera a finais do século XIX. Na actualidade xa esta habendo liñas de traballo neste sentido e xa se empeza a falar de patróns da serie M, buscando adaptación á nova realidade da viticultura como mellor adaptación á seca, precocidade ou atraso de maduración, produtividade, etc… En calquera caso, son traballos que xorden fóra de Galicia porque necesitan moitos medios para o seu desenrolo.

No que respecta a variedades, temos todo por facer en canto a selección da gran variabilidade da que dispoñemos antes de plantexar traballos de mellora das variedades. Aquí, pola ausencia de selección clonal, non hai risco de perder a variabilidade das variedades, o que si esta pasando é que hai unha desaparición de castes minoritarias fronte ás máis coñecidas: 5 variedades representan mais do 60% do potencial vitícola de Galicia

 “Só 5 variedades representan mais do 60% do potencial vitícola de Galicia”

¿Notades diferenzas de lonxevidade e saúde das vides segundo o tipo de condución?
Non temos histórico dabondo como para observar diferenzas, pero coido que máis que o sistema de condución o que máis inflúe son as practicas de cultivo que se desenrolen, especialmente a poda e a fertilización. En xeral podas agresivas con moitos cortes en madeira de máis de dous anos favorece a entrada de enfermidades da madeira e as plantas entran en decadencia con maior facilidade que podas menos agresivas que só fan cortes en madeira dun ano. Tamén a fertilización nitroxenada e o exceso de vigor que se deriva pode inducir problemas de lonxevidade.

Está rematada a época de poda ¿Cales son as regras básicas que seguides neste proceso: tipo de cortes, desinfeccións…etc?
As regras principais que se adoitan facer son as que teñen que ver coa execución dos cortes en madeira vella e na xestión das plantas con sintomatoloxía das enfermidades da madeira.

As recomendacións serían ter marcadas as plantas que manifestaron síntomas de enfermidade durante o verán; non empregar a mesma ferramenta de poda e, de facelo, desinfectar estas ferramentas antes de empregalas nas plantas sans; retirar da viña os restos de poda, principalmente os das plantas que manifestaron síntomas; evitar os cortes de poda en madeira de máis de 2 anos e, de ter que facelos, protexelos dalgún xeito como, por exemplo, cun “mastic de poda.

Se é posible, tamén é recomendable non podar os días de choiva. Nestes días é máis probable que os cortes de poda sexan afectados por algún inóculo de enfermidade de madeira.

Dise que as enfermidades da madeira son un dos principais problemas sanitarios no viñedo do século XXI ¿Tamén o estades a notar nos vosos viñedos?
Estamos a ver un incremento da presencia deste tipo de enfermidades, sobre todo nos viñedos máis antigos e cunha viticultura pouco respectuosa coa planta.

Pero ao igual que noutras zonas vitícolas, tamén estamos a detectar incidencia destas enfermidades en plantacións novas. De feito Bodegas Martin Codax participa en 2 proxectos de investigación sobre esta temática, Retmavid e Globalviti.

 “O máis importante para previr as enfermidades da madeira é evitar cortes en madeira vella”

¿Que estratexias estades a seguir para minimizar a Esca ou outras enfermidades da madeira?
Na actualidade a única estratexia valida é a prevención. Conseguir planta nas mellores garantías sanitarias posibles, evitar as situacións de estrés no momento da plantación, tanto estrés hídrico como encharcamentos, manter viñedos equilibrados e sen excesos de produción que debiliten as plantas e, sobre todo, unha poda respectuosa coa planta sen cortes en madeira vella.

¿Como vos están axudando as novas tecnoloxías -drons, aplicacións…etc, – no voso traballo como viticultores en Martin Códax?
Nós empezamos coa teledeteccion no ano 2012, unha vez máis da man de proxectos de investigación. Para nós xa é unha realidade e unha ferramenta de traballo habitual que estamos empregando na xestión diferencial nos viñedos que xestionamos directamente e na clasificación da vendima da uva dos nosos socios e provedores.

“Imos asistir a unha recuperación ds variedades minoritarias”

¿Que cambios prevés no xeito de traballar no viñedo en Galicia nos próximos anos?
Agora mesmo xa estamos en tempos de cambio. Nos últimos 5 anos xa houbo un cambio na viticultura pasando de ser unha actividade complementaria a aparecer novos viticultores que amplían a súa superficie para adicarse a tempo completo a esta actividade. Isto esta permitindo unha profesionalización do sector e cambios na forma de traballar para facelo máis sustentable economicamente.

Isto vai seguir acontecendo e a viticultura camiñará cara a unha sustentabilidade integral, tamén dende o punto de vista medioambiental como social, que é o que esta demandando o mercado. Tamén asistiremos a unha maior diversificación coa recuperación de variedades minoritarias xa que tamén é outra tendencia do mercado que se está a impoñer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información