“Sousón e Mencía dan bos resultados para viños de garda”

Entrevista a Emilia Díaz, investigadora da EVEGA. Salienta os bos resultados do Sousón e do Mencía na elaboración de viños de garda, pero recomenda a combinación de diferentes variedades para obter un viño axeitado para garda.

Publicidade
“Sousón e Mencía dan bos resultados para viños de garda”

Emilia Díaz

Entrevista a Emilia Díaz, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Participou recentemente na xornada “Os viños de garda. A utilización de diferentes madeiras para a súa crianza”, cun relatorio sobre a potencialidade das castes galegas para a elaboración deste tipo de viños.

Ves de presentar unha relatorio sobre “As castes galegas: a súa potencialidade para a elaboración de viños de garda” ¿Cales serían as máis interesantes?
No relatorio falei das castes galegas para a elaboración de tintos. Polo de agora non se fixeron estudos de viños de garda nada máis que coa variedade Sousón e coa Mencía, e con ambas se obtiveron bos resultados.

Eu mostrei algúns datos en relación ás características dalgunhas máis como é o Brancellao, Ferrón, Merenzao, e os Caíños. A elaboración dun monovarietal pode ser complicado pero a utilización de variedades que se complementen en relación ao seu contido en azucres e a súa acidez, pode permitir a obtención dun viño estruturado e equilibrado, adecuado para a garda.

Neste sentido, ¿Estades a notar un interese crecente na plantación da variedade Sousón?
Cando a maduración é boa, o Sousón produce uns viños axeitados para a súa garda. Pero hai que ter en conta que é una variedade de maduración tardía, polo que pode ser arriscado centrar a plantación nesta única variedade. Debe de estar no terruño axeitado, en producións baixas e realizar técnicas de cultivo que favorezan a súa maduración.

O interese determínao as expectativas do viticultor ou do adegueiro, pero este debe coñecer moi ben as cualidades da variedades á hora de facer as plantacións.

¿Como influíron os distintos sistemas de condución nas variedades?
Os estudos que se fixeron están desenvoltos na finca experimental da EVEGA. Comparamos un sistema menos produtivo, porque conta cun menor número de xemas deixadas na poda, como é a formación en cordón dobre, con outros máis produtivos como o Cazenave e o Sylvoz. Polo que os resultados son moi parciais.

“O sistema de cordón dobre produce mostos máis equilibrados e favorece a cor”

O que podemos dicir é que existe unha tendencia a que sistemas conducentes a un maior equilibrio entre produción e vigor son os que producen mostos máis equilibrados e tamén se ven favorecidas as compoñentes da cor, un dos parámetros a ter en conta na elaboración de viños tintos.

vide_souson_standar

Variedade Sousón.

¿Que sistema de condución recomendarías para elaborar un viño de garda?
Non se pode responder esta pregunta dunha forma sinxela, posto que hai que valorar moitos máis factores que o sistema de condución, a localización da parcela, a variedade a utilizar, o tipo de solo….. O que hai que perseguir sempre é buscar un bo equilibrio entre o vigor e a produción, e se isto se consigue será o sistema máis axeitado.

¿Houbo diferencias entre as distintas parcelas de Galicia nas que realizastes os ensaios?
Os ensaios coas diferentes variedades centráronse nunha campaña para dúas zonas moi diferentes como é Rías Baixas e Ribeiro. Partindo de condicións climáticas moi diferentes, as diferencias foron lóxicas, obtendo, aínda que con particularidades, viños de maior gradación e menor acidez no Ribeiro.

¿Que características debería reunir un viño para envellecelo en barrica?
As características dependerán do tempo de crianza, o tipo de barrica a utilizar, as condicións da sala de crianza etc. Por norma xeral, en barrica no caso de viños tintos non deben poñerse viños con poucos IPT e taninos así como viños con pouca estrutura e acidez.

 “Non deben poñerse en barricas viños con pouca acidez, taninos, estrutura e ITP”

¿Que potencialidade lle ves a Galicia para a elaboración de viños de garda?
Galicia ten variedades interesantes para facer viños de garda, eso non quere dicir que nos esquezamos da potencialidade das castes galegas para facer viños do ano, que son moi apreciados xa que cumpren as expectativas do mercado: fáciles de beber , agradables e cun potencial aromático que non se encontran noutras denominacións de orixe tanto a nivel nacional como internacional.

¿Non corremos o risco de perder os recendos afrutados e herbáceos, que é co que identifica o consumidor aos viños galegos?
Non, os viños xóvenes galegos sempre van estar aí. Iso non quere dicir que algunhas adegas aposten por facer viños de garda. Galicia non debe perder a potencialidade que ten para viños do ano moi interesantes.
Somos case a única comunidade que produce este tipo de viño de altísima calidade e aceptado polo consumidor. E iso non choca con que algunhas adegas fagan viños de garda de diferentes elaboracións, castes…etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información