Sorpresa na vendima en Galicia, cunha colleita de uva superior á prevista

Publicidade
Sorpresa na vendima en Galicia, cunha colleita de uva superior á prevista

A vendima está a ser superior en Galicia en cantidade, grazas á gran colleita da DO Rías Baixas

Malia as graves inclemencias climáticas deste ano, especialmente as xeadas e a saraiba, a colleita de uva en Galicia está sendo superior á do ano pasado.

Así o adiantou este mércores no Parlamento de Galicia a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen subliñou que “o resultado provisional nada ten que ver coas previsións catastróficas das que falaban algunhas voces e así o incremento da colleita no conxunto das denominacións de orixe galegas rolda o 2,7%, sen que aínda remataran os traballos”.

Este incremento foi posible grazas á gran colleita da Denominación de Orixe Rías Baixas, que no que vai de vendima xa colleitou 39,3 millóns de quilos de uva, fronte aos 33,4 do ano pasado; é dicir, case un 20% máis.

Pola contra, nas outras catro DO´s galegas a colleita de uva descendeu, pero moito menos que o agardado, en parte grazas á boa climatoloxía de setembro, con tempo fresco e algunha choiva puntual. Así, segundo os datos avanzados pola conselleira, e a piques de pechar a campaña, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra lévanse colleitados 5,3 millóns de quilos de uva, un 5% menos que en 2016; no Ribeiro o descenso é maior, un 18% menos, con 9,4 millóns de quilos de uva fronte aos 11,6 do pasado ano.

En Monterrei é onde máis caeu a colleita de uva: un 31% menos

E nas dúas denominacións de orixe máis afectadas polas xeadas de abril, Valdeorras e Monterrei, os datos de colleita provisionais avanzados onte pola conselleira, tamén son mellores dos agardados.

Así, en Valdeorras lévanse vendimados 4,2 millóns de quilos de uva, un 6% menos que en 2016, se ben hai que precisar que a colleita do pasado ano nesta DO xa foi inferior á media. E en Monterrei, onde a xeada afectou a case o 90% dos viñedos, foi tamén onde máis caeu de momento a colleita: un 31% menos. En concreto, vendimáronse ata o de agora 3 millóns de quilos de uva, fronte aos 4,4 do pasado ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información