Situación e coidados da viña durante esta semana

Nestas datas xa se debe empezar a poñer atención aos prazos de seguridade dos produtos fitosanitarios. Información facilitada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro e pola Consellería do Medio Rural

Publicidade
Situación e coidados da viña durante esta semana

Acio con afectación de enfermidade da madeira

Reproducimos a continuación os últimos avisos fitosanitarios da Estación Fitopalóxica do Areeiro e da Conselería do Medio Rural:

Rías Baixas

Estado fenoloxía: (L) – M1

Nesta semana só notamos avance no estado fenoloxía nunha parcela do Salnés, permanecendo os demais terreos como a semana anterior (tamén algúns viticultores nos referiron a mesma situación). Non obstante, informáronnos de que nas bisbarras do sur da provincia empeza a apuntarse que a vendima pode ter lugar mesmo a finais de agosto, polo que xa se debe empezar a poñer atención aos prazos de seguridade dos produtos fitosanitarios que se utilicen.

Mildeu

Nesta semana houbo varias horas de humidade foliar (especialmente entre os días 25 e 26, e sobre todo o 29), temperaturas mínimas bastante elevadas (media en torno a 15º C) e precipitacións de diferente intensidade e contía, que suman un total na semana comprendido entre 3 e 17 l/m2.

Con esta situación, nalgunhas viñas observáronse novos síntomas de mera nos brotes novos. En acio non vimos máis que algún esporádico en grans de plantas testemuña que mantemos sen tratamentos e que aínda non iniciaron o envero. Recorden que a partir deste momento o fungo non ataca ao acio e os seus ataques se restrinxen á vexetación.

Para os próximos días as diferentes previsións meteorolóxicas anuncian en xeral tempo estable (algunhas cunha probabilidade de precipitación para o luns 3), aínda que a estas alturas da campaña xa é probable que algúns días haxa orballo nas horas nocturnas.

Consecuentemente, debe continuar a vixilancia dos viñedos, en especial naqueles máis atrasados (con menos acios en envero), e só será necesario tratar se hai danos nos grans.

Oídio

Das nosas parcelas de seguimento só vimos síntomas de oidio en acio en grans esporádicos nun terreo do Salnés onde as néboas son continuas e sobre acios dos “netos”. Tamén nas plantas máis sombreadas dun terreo observamos síntomas en folla.

Ao igual que no caso da mera recomendamos que continúe a vixilancia, sobre todo nos viñedos onde aínda non se xeneralizase oenvero, e tratar só se se detectan infeccións non controladas.

Recorden que os acios rachados a consecuencia dun mal control desta enfermidade favorecen a instalación de Botrytis cinerea, que é o patóxeno que máis pode danar a uva a partir deste momento

Botrite

Co incremento da humidade debido á climatoloxía destes días observamos os primeiros grans de Treixadura con presenza do fungo (sobre albariño ou outras variedades non vimos). Co tempo estable que en xeral prevén as diferentes axencias de meteoroloxía consultadas non se espera que avancen os síntomas, pero é moi importante a partir de agora non descoidar a vixilancia dos acios.

A atención debe ser máxima naqueles terreos en que se detecten máis penetracións de trazas, sobre todo de variedades especialmente sensibles ao fungo; nestes terreos en concreto débese valorar a conveniencia de aplicar un tratamento.

Alteracións da madeira e golpes de sol

Acio con golpe de sol. Autor: Estación do Areeiro.

Acio con golpe de sol. Autor: Estación do Areeiro.

Continúan facéndose visibles nos terreos as plantas con síntomas de alteracións de madeira, moitas delas manifestando tamén sintomatoloxía nos acios. Non esquezan que a incidencia destas enfermidades está moi relacionada coa poda, polo que insistimos na necesidade de marcar as plantas afectadas para tratalas axeitadamente nese momento.

Ademais, tamén se observan algúns danos por golpe de sol en acios expostos, en especial nas bisbarras do sur da provincia.

Ribeira Sacra

Estado fenolóxico:

L (cerramento do acio). Variedades mais representativas: Mencía L(M1-M2), Brancellao L, Garnacha L (M1) e Tempranillo L

Coidados culturais:
Seguimos cos mesmos coidados que a semana anterior. Imprescindible facer unha pequena esfolla á altura dos acios polo lado da espaldeira que dea ao nacente, sen deixalos completamente ó descuberto, pois o sol podería queimalos.

Son importantes as operacións de enrame, selección de gromos, desnetado á altura dos acios e despuntado de pámpanos. O despunte, no caso de que fose necesario, non debe ser demasiado severo, xa que reducir en exceso a superficie foliar da cepa ten un efecto depresivo. Eliminación de follas secas.

Dende o punto de vista nutricional, empézanse a detectar síntomas de carencias de magnesio e potasio, polo que poderíase aplicar un abono foliar nesta parte do ciclo vexetativo.

Incidencias fitopatolóxicas:

Mildeu
Non se detecta.

Black rot
Non se detecta.

Oídio
Encontráronse viñedos afectados por este fungo en acio nunha zona con altitude media que, co paso dos días, foi aparecendo en toda a área de seguimento ( Ribeira do Miño á altura do concello de A Peroxa).

Acariose
Temos focos afectados por esta praga en bastantes zonas, sobretodo naquelas con microclimas quentes.

Mosquito verde
A presenza deste cicadélico nos viñedos da zona xa é xeralizado, estando a ser observados os seus efectos en case todos os viñedos visitados. Os síntomas que aparecen nos bordes das follas pódense, en ocasións, confundirse con carencias de magnesio e potasio.

Recomendacións
As condicións meteorolóxicas estan a favorecer o desenvolvemento de fungos, como o Mildeu e o Oídio, polo que debe facerse un seguimento coidadoso para tomar as decisións oportunas nos tratamentos con funxicidas.

No caso do Mildeu, recoméndanse produtos que conteñan materias activas penetrantes ou de fixación ás ceras cuticulares, acompañadas con cobre. Para os tratamentos antioidio utilizar materias activas eficientes e alternando a familia química (triazoles, estrobilurinas, dinitrofenoles, anilidas)

D.O. Monterrei

Estado fenolóxico:
L (peche de acio). Na variedade mencía seguimos co inicio do envero ou M1. Mencía L – M1, Treixadura L,
Godello L.

Coidados culturais:
Seguimos cos despuntados e desfollados á altura do acio, no caso de ser necesario, sempre tendo coidado coas altas temperaturas e evitando a exposición á luz solar directa e demasiado continuada, que podería causar danos nos acios.

Incidencias fitopatolóxicas:
Sen síntomas destacables.

Recomendacións
No caso de levar mais de dúas semanas desde o último tratamento, pódese facer unha aplicación preventiva contra Mildeu con materias activas penetrantes, traslaminares ou de fixación ás ceras cuticulares autorizadas, ou tamén a base de cobres.

Nalgúns viñedos estase a facer abonados foliares estes días para corrixir as carencias de magnesio e potasio que poidan aparecer.

Polo que respecta á Botrite, aínda que non se observan indicios da enfermidade, é recomendable aplicar un tratamento preventivo nas variedades máis sensibles, pois ata a vendima é moi probable que se dean condicións óptimas para o seu desenvolvemento (precipitacións). Aplicar os fitosanitarios máis tarde non significa mellor control teórico e, ademáis, hai que ter en conta o risco da acción residual dos funxicidas sobre as levaduras na posterior transformación do zume das uvas (mosto) en viño.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información