‘Setembro’, viños nobres orientados á calidade

Pazo de Valdeconde, adega da denominación de orixe Monterrei, é un exemplo da reestruturación de viñedos que viviu Galicia nas últimas décadas. Froito do traballo do sector, é o “maior prestixio” que están a acadar os tintos galegos no mercado

Publicidade
‘Setembro’, viños nobres orientados á calidade

Amadeo Salgado, de Pazo de Valdeconde, nos viñedos da adega. / Imaxes: Pazo de Valdeconde SL.

A adega Pazo de Valdeconde SL (Verín, Ourense) naceu no 2009 como culminación dunha tradición familiar de viticultores. Amadeo Salgado, que encabeza a terceira xeración, cambiou a orientación dos viñedos familiares cara castes autóctonas na busca de maior calidade e menores producións. Ese traballo iniciado no viñedo trasladouse polo de agora a dous viños, un mencía con arauxa (Setembro 16) que se fixo co Acio de Ouro de tintos de Monterrei nas Catas de Galicia 2017, e un branco de godello, treixadura e albariño.

“Os nosos viñedos, como era habitual na comarca, caracterizábanse pola diversidade de variedades e predominaban cepas moi produtivas en cantidade pero menores en calidade, así que cando decidimos crear a adega optamos por unha reestruturación enfocada a potenciar as castes nobres, no marco da denominación de orixe de Monterrei, que foi a última que se creou en Galicia (1996)”, explica Amadeo Salgado.

Amadeo Salgado, na adega.

Amadeo Salgado, na adega.

Os cambios centráronse en impulsar a mencía como uva tinta maioritaria e a godello e a treixadura en variedades brancas, mantendo tamén no viñedo cepas vellas de albariño, plantadas a comezos dos anos 80. “Cando se creou Monterrei, as nosas viñas de albariño serviron de base para xustificar o uso tradicional da variedade en Monterrei, de xeito que se convertiu nunha caste autorizada na denominación”, lembran.

Concentración parcelaria
A reestruturación dos viñedos de Valdeconde retrasouse uns anos a causa da concentración parcelaria que se estaba desenvolvendo na zona, pero o resultado deixou as arredor de 8 hectáreas da adega nunhas fincas máis manexables. “Pasamos de arredor de 60-70 parcelas a unhas dez”, sinala Amadeo, que destaca tamén o feito de que a maioría das parcelas estean en zonas de ladeira, en terras de arenisca e arcillosas, caracterizadas por baixas producións. “Todo o traballo, desde o emprazamento das fincas, vai enfocado á calidade e a potenciar os aromas do viño”, subliña.

“O viño elabórase no viñedo e o traballo na adega enfócase a un seguemento enolóxico para que ese viño chegue ó mercado cos máximos parámetros de calidade”, explica Amadeo Salgado. A adega, situada nun pazo do século XIX, está a elaborar polo de agora dous viños xoves, un mencía cunha pequena parte de arauxa (tempranillo), e un branco que se elabora cun coupage de godello, treixadura e albariño, tendo o godello a maior parte (arredor do 60%), seguido do treixadura e do albariño, que suma en torno a un 10%.

Mercados
De cara ó futuro, Pazo de Valdeconde prevé sacar ó mercado tamén un tinto en barrica elaborado con mencía e sousón. “Os tintos centran as dúas terceiras partes da nosa produción. O mencía é un viño que funciona ben en Galicia e co que tamén temos presenza en grandes mercados a nivel de España, como o de Barcelona, Madrid e Bilbao. Hai anos, o mercado de tintos estaba monopolizado por grandes denominacións españolas, como a de Rioja, pero nos últimos anos os tintos galegos foron gañando un prestixio no mercado”, destaca Amadeo Salgado.

Setembro 16, de Pazo de Valdeconde.

Setembro 16, de Pazo de Valdeconde.

O tinto de Pazo de Valdeconde, Setembro 16, foi Acio de ouro dos tintos de Monterrei nas Catas dos Viños de Galicia e tamén obtivo o recoñecemento de Gran Ouro na guía dos viños galegos de Luis Paadín. O bo funcionamento que estaba a ter o viño no mercado viuse así impulsado por estes últimos recoñecementos. “Quedámonos curtos na produción, tanto nos tintos como nos brancos, e por iso estamos plantando novos viñedos, na mesma liña de traballar con castes autóctonas”, explican.

Cambio climático

Este ano, igual que outros viñedos de Monterrei, a adega tivo unha merma da colleita de arredor dun 40% polas xeadas tardías de primavera, unha situación que os fai reconsiderar a planificación para próximos anos, valorando posibles medidas de prevención.

O cambio climático, que pode ter elementos positivos para os viños, ao ser os anos máis secos e con menos choivas, deixa tamén consecuencias adversas, como as xeadas tardías desta campaña e a falta de auga nos viñedos, que pode obrigar a limitar a carga máis do habitual en determinadas parcelas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información