San Petroni: o albariño galego feito vermut

A firma Vermuterías de Galicia logra un éxito comercial co seu vermut St Petroni, elaborado cun 75% de viño albariño da subzona do Ulla. O pasado ano, o segundo no mercado, venderon unhas 200.000 botellas e nos primeiros meses deste ano xa triplicaron as vendas.

Publicidade
San Petroni: o albariño galego feito vermut

Elaborar un vermut de alta calidade en Galicia con viño albariño e con vocación exportadora. O que podería parecer unha quimera, dada a forte tradición italiana, ou un sacrilexio para os máis puristas, está a converterse nun éxito comercial, sobre todo entre as novas xeracións.

Así se podería resumir brevemente a historia de San Petroni, un vermut galego elaborado por Vermuterías de Galicia que, un ano e medio despois de saír ao mercado, xa está presente en todo o territorio español e chegou a doce países.

Cristina Codesido, a xerente desta bebida en Vermuterías de Galicia, explicou recentemente en Sober a orixe e o proceso de elaboración de St Petroni dentro da xornada “Alternativas ao viño tradicional: novos produtos”, organizadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) no municipio lucense de Sober, en plena Ribeira Sacra.

Un vermut no que reina o viño albariño

O punto de partida foi a realización dunha análise do mercado, no que se detectou a ausencia de vermuts de calidade, máxime cando se dispuña dunha base, o viño albariño, con recoñecemento a nivel español e internacional. A partir de aí e para desenvolver o produto constituíuse Vermuterías de Galicia, unha empresa integrada por tres socios con experiencia no sector: Adegas Pazo de Arretén, unha adega con tradición na elaboración de viño albariño na subzona de Ulla; Destilerías Compostela e un socio de Vigo vinculado ao mundo da distribución.

Segundo explica Cristina Codesido “a base do noso vermut Petroni é o viño albariño, que constitúe o 75% do vermut, e que ao ser producido en Padrón, na subzona do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, ten uns niveis de acidez que o fan idóneo para este tipo de elaborados”.

Precisamente, para que o concentrado teña carácter e lembre ao viño albariño en St Petroni vinifican a uva albariña de Pazo Arretén sobre lías, “para que a base vínica teña estrutura e corpo”.

“Unha vez lograda unha boa materia prima o proceso é sinxelo”, afirma Cristina Codesido. Así, en Vermuterías de Galicia maceran en alcol, procedente tamén de bagazo de albariño, un total de 29 plantas aromáticas ancoradas na tradición galega, que van desde o loureiro, o romeu, á herba luisa, así como peles de laranxa doce e amarga ou polpa de limón. A flor de hibisco dálle os matices avermellados ao resultado final, e como non, o imprescindible “ajenjo”, ou asente en galego, que lle deu o nome ao vermut (en alemán, wermuth é asente). Este macerado mestúrase co viño albariño, déixase repousar, fíltrase e envásase. Cada vendima en Pazo Arretén é diferente e iso fai tamén única cada anada deste vermut.

“O resultado é San Petroni, un vermut de 15 graos de gradación alcohólica no que destaca a frescura, o equilibrio e que lembra ao viño albariño”, destaca Cristina Codesido.

Unha homenaxe a Galicia e ao Camiño de Santiago

Outro aspecto que chama a atención de St Petroni é a súa coidada presentación, cunha botella de 1 litro que é un atractivo en se mesma. “Petroni é o nome en latín de Padrón, co que queremos facer unha homenaxe á nosa terra, e tamén ao Pazo de Arretén, onde viviu Rosalía de Castro durante a súa infancia”, explica Cristina Codesido.

Ademais, destaca que a oca que identifica a St Petroni “fai referencia á tradición pagá previa ao Camiño de Santiago, que era o Camiño das Ocas, mentres que o cartabón simboliza a tentación”.

“Sentimos o produto como moi da terra, con alma histórica e carácter galego”, asegura a xerente de Vermutería de Galicia.

PETRONI_03_APAISADA

No que vai de 2016 xa triplicaron as vendas

E o éxito comercial está a acompañar a esta aposta por un vermut local pero con vocación global como é St Petroni. Así, despois de estrearse no mercado en maio de 2014, no pasado ano 2015 Vermutería de Galicia vendeu unhas 200.000 botellas de litro de St Petroni, tanto nos mercados galego e español, como vendas puntuais en 12 países. “E nos tres primeiros meses de 2016 triplicamos as vendas do mesmo período do ano pasado, polo que tivemos que poñer freo pois nos poderiamos quedar sen produto ao longo do ano e é algo que non queremos”, afirma Cristina Codesido.

Neste sentido, e recoñecendo que “a nosa produción vai ser sempre limitada, pola dispoñibilidade de uva albariña na comarca de Padrón”, Cristina Codesido avanza que están a traballar na ampliación dos viñedos de albariño acollidos á Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona do Ulla.

 “Imos lanzar novos produtos ao mercado”

“Levamos máis dun ano ampliando os viñedos de albariño cos que queremos traballar para poder aumentar a produción, pero sempre controlando nós os viñedos e vinificando nós a uva”, asegura.

Con todo, Cristina Codesido subliña que “aínda que é certo que queremos medrar, ante todo queremos manter a calidade, e sabendo que a nosa produción sempre vai ser limitada”.

Ademais, adianta que en Vermuterías de Galicia tamén están a traballar en sacar ao mercado novos produtos. “Imos lanzar outros produtos intermedios, pero iremos con calma e de forma pausada, porque ante todo queremos consolidar no mercado St Petroni”, matiza.

Necesidade dunha normativa que vele máis pola calidade do viño que se emprega no vermut

En España a elaboración de produtos aromatizados a base de viño (vermut, sangría…etc) regúlase pola Lei de Produtos Intermedios, unha norma que para Cristina Codesido é demasiado permisiva e non protexe suficientemente aos vermuts de calidade.

En concreto, a normativa actual define ao vermut como viño aromatizado con asente e con outras herbas -nalgúns casos chéganse a utilizar ata 100 plantas diferentes-, cunha base vínica (tinta ou branca) dun mínimo do 75%, e unha gradación alcohólica de entre 14,5 e 22 graos.

Neste sentido, a xerente de Vermuterías de Galicia considera que “ao regulamento actual fáltalle moito percorrido, pois debería ser máis rigorosa e con máis matices no relativo á calidade do viño empregado, así como regular tamén a gradación alcohólica”.

“A lei debería recoller máis matices para poder trasladar calidade e diferenciación ao mercado de produtos como St Petroni”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información