A DO. Ribeiro premia aos programas “A Labranza” e “O Agro”

Publicidade
A DO. Ribeiro premia aos programas “A Labranza” e “O Agro”

Juan Manuel Casares (presidente do Consello Regulador), Rosa Vilas (adxunta á dirección da CRTVG) e Julio Castro (director do Hostal)

A Denominación de Orixe Ribeiro vivirá o martes 18 de xuño no Mosteiro de San Clodio (Leiro) a oitava edición dos Premios D.O. Ribeiro. Durante a gala entregarase o “Premio de Honra” da Denominación a Paradores; e o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación” aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro.

O Parador Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, acolleu este xoves a presentación dos galardóns, nun acto que contou coa presenza de Juan Manuel Casares (presidente do Consello Regulador), Julio Castro (director do Hostal) e Rosa Vilas (adxunta á dirección da CRTVG).

Juan Manuel Casares salientou de Paradores a súa profesionalidade, calidade e “as súas cartas de viños, que axudan a divulgar a riqueza vitivinícola española e nas que teñen unha presenza destacada os do Ribeiro”.

Dende a súa instauración en 2012, os Premios de Honra do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro foron: José Luis Hernáez Mañas, Paco Rego, Josep Roca, os restaurantes galegos con Estrela Michelin, Cristino Álvarez, Sarah Jane Evans e César Lumbreras, o pasado 2018.

Sobre Labranza e O Agro, o Consello Regulador quere destacar “o esforzo do equipo que dirixe Manuel Cruz por informar tanto as novidades como da situación global do mundo agro alimentario e fai extensible o premio ao conxunto da CRTVG, polo seu servizo”.

Deste xeito, Labranza e O Agro seguen ao xornalista Víctor de la Serna, premiado como Mellor Tarefa de Comunicación no 2018. Os Premios, organizados polo Consello Regulador, recoñecerán aos mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Ademais, tamén vanse entregar os galardóns “Muller e Viño” e “Vida entre Vides”.

No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas castes autóctonas, reuniranse adegas, colleiteiros, distribuidores, maioristas, medios de comunicación, divulgadores…

ABANCA colabora na organización dos Premios D.O. Ribeiro 2019.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.

Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.

A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información