Ribeira Sacra prevé este ano un importante descenso da colleita

A complicada climatoloxía deste ano, con elevada humidade e temperaturas nocturnas, está a provocar unha maior incidencia do mildiu e oídio, o que fai prever unha importante diminución da colleita en Ribeira Sacra e nas demais denominacións de orixe galegas

Publicidade
Ribeira Sacra prevé este ano un importante descenso da colleita

Viñedos de Adega Cachín, na Ribeira Sacra

A atípica climatoloxía deste ano, sen xeadas no inverno, cunha primavera moi chuviosa e unhas noites de verán con elevada humidade, complicaron de forma notable a viticultura en Galicia nesta campaña, cunha importante afectación das enfermidades fúnxicas (principalmente mildiu e agora oídio).

Desta forma, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, prognostica unha importante redución da colleita de uva este ano. Unha situación que podería facerse extensible ás outras denominacións de orixe de Galicia.

“O ano está a ser moi complicado e xa se pode dicir que se vai a reducir a colleita por baixo da media dos últimos anos debido a unha climatoloxía atípica que fai que os fungos do mildiu e oídio campen ás súas anchas”, asegura José Manuel Rodríguez. A finais deste mes o Consello Regulador prevé realizar unha estimación máis axustada das previsións de vendima, aínda que todo apunta a unha significativa redución da colleita, despois dunha excepcional vendima en 2015.

 “A climatoloxía deste ano é totalmente atípica”

“As condicións climáticas son moi raras: fai sol, pero con moita humidade ambiente, moito orballo pola noite e non está o tempo seco propio desta época, o tempo firme como falaban os vellos viticultores”, asegura.

Como recomendación, José Manuel Rodríguez aconsella seguir tratando contra o mildiu e tamén contra o oídio e seguir coidando as viñas, leven ou non acios, para telas nas mellores condicións posibles para as próximas campañas. “Hai que seguir coidando as viñas porque sabemos que a viticultura é un traballo que hai que plantealo a dez anos para valoralo: sempre veñen anos malos e se o valoramos a curto prazo estariámonos equivocando”, subliña o presidente do Consello Regulador.

As treboadas causaron importantes danos en Chantada e Portomarín

A pasada semana rexistráronse treboadas con saraiba que afectaron a viñedos de Portomarín e da ribeira de Chantada, na zona do alto Miño.

Como recomendación a curto prazo, José Manuel Rodríguez aconsella aplicar ao viñedo un tratamento cicatrizante con base de cobre para curar as feridas nas vides. “Isto permitirá manter a viña no mellor estado posible de cara ao próximo ano”, asegura.

E a máis longo prazo insiste na necesidade de contratar seguros agrarios para o viñedo, unhas pólizas que en caso da D.O. Ribeira Sacra non chega nin o 10% de viñas aseguradas. “Actualmente hai uns seguros agrarios subvencionados que cobren estas incidencias como son as saraibadas e sería moi recomendable que os viticultores os contratasen”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información