Ribeira Sacra márcase como obxectivo inmediato lograr a acreditación ENAC

O presidente do Consello Regulador ve posibilidades de que se poda citar na etiqueta as variedades Merenzao e Brancellao, pero lembra que “o 92% do viño da Ribeira Sacra é Mencía, que é o que nos caracteriza”

Publicidade
Ribeira Sacra márcase como obxectivo inmediato lograr a acreditación ENAC

Paisaxe da Ribeira Sacra

Os vogais do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra manterán o último fin de semana de xaneiro unha reunión en Augasantas (Pantón) para consensuar cambios no regulamento e adaptalos ás últimas modificacións da lexislación vitivinícola española e europea.

Segundo declaracións a Campo Galego do presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, “o obxectivo máis inmediato é adaptar o regulamento para poder acollernos á certificación ENAC”, un requisito imprescindible fixado Comisión Europea, que implicará unha maior trazabilidade do viño e máis garantías para o consumidor. Até o de agora só as denominacións de orixe Monterrei e Rías Baixas dispoñen desta acreditación.

Posibilidade de que as variedades Merenzao e Brancellao tamén se podan citar nas etiquetas

Sen embargo, o debate a nivel mediático nas últimas semanas estivo centrado na maior liberdade en canto a variedades de uva. En concreto, unhas cantas adegas piden ao Consello Regulador modifique o seu regulamento na reunión prevista para finais de este mes para abrir a posibilidade a que outras variedades preferentes, como o Albariño, Caíño, Sousón, Merenzao ou Brancellao tamén se podan indicar nas etiquetas das botellas en igualdade de condicións que a variedade Mencía.

“Non podemos converter a Ribeira Sacra nun campo de experimentación”

A este respecto, o presidente do Consello Regulador recoñece que “habería base para facelo no caso do Merenzao ou o Brancellao, porque son castes que históricamente se cultivaron na Ribeira Sacra, pero non así no caso do Albariño, o Sousón ou o Lado”.

En todo caso lembra que “o 93% do viño da D.O. Ribeira Sacra é tinto, e dentro del o 94% é Mencía, polo que estamos a falar de singularidades, de cantidades moi pequenas”.

Neste sentido, José Manuel Rodríguez subliña que “a variedade Mencía é a que identifica a Ribeira Sacra e así o valora o mercado, e non coñezo ningunha gran denominación do mundo que teña máis de dúas ou tres variedades”. “A denominación de orixe Ribeira Sacra non pode converterse nunha finca experimental”, conclúe.

Por outra parte, o Consello Regulador encargoulle a unha empresa a realización dunha planimetría das arredor de 30.000 parcelas de viñedo inscritas dentro da D.O. O obxectivo, segundo José Manuel Rodríguez, “é que nos sirva para traballar de xeito máis eficaz dentro da DO, especialmente á hora de realizar xestións administrativas no Rexistro Vitícola da Xunta”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información