Ribeira Sacra abre o regulamento a máis variedades tintas autóctonas

O Consello Regulador tamén aproba amparar a elaboración de viños de garda e rosados. O presidente confía en obter a acreditación ENAC “en dous ou tres meses”

Publicidade
Ribeira Sacra abre o regulamento a máis variedades tintas autóctonas

Paisaxe da Ribeira Sacra

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ven de aprobar cambios no seu regulamento que abren a posibilidade de citar na etiqueta dos seus viños, en pé de igualdade que a variedade raíña, a Mencía, a outras variedades tintas autóctonas, tal e como demandaban un grupo de adegas.

Foi un dos acordos da xuntanza que mantiveron os membros do pleno do Consello Regulador este fin de semana no Hotel Balneario Oca Augas Santas de Pantón (Lugo).

Modificación de variedades:

Os principais cambios son que as variedades Brancellao, Merenzao e Sousón, pasan a considerarse xunto coa Mencía -que supón máis do 90% da produción de uva da D.O.- como variedades tintas preferentes. «Antes xa se podían citar estas variedades -explica o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez-, pero era unha fórmula experimental e con limitación de litros».

“Vimos que xa teñen unha produción por riba dos 40.000 quilos e que teñen un camiño comercial aberto e, como o seu cultivo histórico na Ribeira Sacra está acreditado, aprobamos incluílas nas variedades preferentes”, engade José Manuel Rodríguez.

Para as brancas, mantéñense como preferentes a Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca, Albariño e Torrontés

O Tempranillo e os caíños baixan de preferentes a variedades autorizadas

En canto ás variedades autorizadas, é dicir aquelas consideradas non propias da Ribeira Sacra, e polo tanto, cun inferior amparo para os seus viños por parte do Consello Regulador, baixan a esta lista o Tempranillo, o Caiño Tinto, Caiño Bravo e Caiño Longo. Súmanse ás que xa había: Garnacha Tintureira, Mouratón e Grao Negro.

E nas variedades brancas tamén baixan de preferentes a autorizadas o Branco Lexítimo e o Caiño Branco.

Permítese a elaboración de viños de garda, experimentais e rosados

Outro acordo da reunión deste fin de semana foi que o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra pasa a amparar a elaboración de viños de garda coas seguintes características:

En vasillas de madeira de capacidade a partir de 500 l para viños tintos e 600 l para viños brancos
e ata un máximo de 8.000 litros.

A maior parte dos cambios non entrarán en vigor ata a vendima de 2016

En depósitos de formigón de máximo de 2.000 litros e cunha estancia mínima nas vasillas de madeira e nos depósitos de formigón: 9 meses para o viño tinto e 6 meses para o viño branco.

Por último, aprobouse unha modificación do regulamento da D.O. para amparar tamén a elaboración de viños rosados e de viños experimentais. Non saíu adiante a proposta dunha parte das adegas de acoller tamén a elaboración de viño doce e de viños espumosos “xa que ata o de agora non houbo adegas que os elaboraran e os puxeran no mercado, o que sería unha experiencia previa necesaria para a partir de aí poder regulalos”, segundo explica José Manuel Rodríguez.

A acreditación ENAC para dentro de 2 ou 3 meses

A maior parte destes cambios no regulamento da D.O. Ribeira Sacra, segundo explica o presidente do Consello Regulador, terán que ser aprobados pola Xunta de Galicia, polo que non entrarán en vigor ata a vendima deste ano.

Por último, o pleno do Consello Regulador tamén aprobou o Manual de Calidade do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, un paso previo para obter a certificación ENAC. Segundo José Manuel Rodríguez “esperamos ter esta acreditación en dous ou tres meses”. Sería así o terceiro consello regulador vitívinícola de Galicia en obtela despois dos de Rías Baixas e de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información