Rías Baixas mantense como a segunda DO que máis viño branco vende en España

Rías Baixas aumenta a súa cota de mercado na canle de alimentación ata o 1,8%, un novo máximo histórico. O Consello Regulador lanza unha nova campaña promocional en EEUU terá como obxectivo converter os viños Rías Baixas nun viño branco imprescindible

Publicidade
Rías Baixas mantense como a segunda DO que máis viño branco vende en España

Presentación do informe

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou hoxe os resultados do estudo “Posicionamento dos viños de Rías Baixas no mercado nacional”, un informe elaborado por Nielsen que recolle datos sobre o mercado do viño en España actualizados a setembro de 2015. Unhas cifras que confirman que a D.O. Rías Baixas segue consolidando a súa cota de mercado, o que lle permite participar da boa evolución do volume de vendas do viño nos dous últimos anos.

Pola súa banda, a axencia estadounidense Gregory White presentou as súas propostas para a nova campaña promocional dos viños de Rías Baixas en Estados Unidos, cuxo obxectivo é consolidar o recoñecemento da marca e incrementar as vendas a través dunha programación estratéxica.

No acto de presentación participaron 35 adegas da denominación e que foi presidido por Juan Gil de Araujo, presidente do CRDO Rías Baixas, quen estivo acompañado por Ramón Huidobro e Eva Mínguez, secretario xeral e directora de Márketing do Consello Regulador; así como polo analista de Nielsen, Ángel García Fernández, e a directora de contas de Gregory White, Natasja Mallory.

Informe Nielsen

Os datos de Nielsen mostran que o mercado de viño con denominación de orixe continúa o seu ascenso en España, onde crece un 2,5% nas canles de alimentación e hostalería ata concentrar xa o 55,5% do volume das vendas. Esta recuperación está ligada á evolución positiva das vendas de viño na canle de hostalería que, desde o mínimo de vendas de 2013, vén crecendo tanto en 2014 como en 2015. Ademais, o viño branco confirmouse como o motor de incremento dentro do viño con D.O.

 “Os viños de Rías Baixas manteñen a súa cota de vendas en hostalería e soben na canle de alimentación”

O analista de Nielsen, Ángel García Fernández, explicou que os viños con Denominación de Orixe Rías Baixas manteñen estable a súa cota de mercado no 2,5%, mantendo a súa oitava posición no ránking de Denominacións de Orixe no mercado español por volume de vendas. Na canle de alimentación, os viños de Rias Baixas aumentan a súa cota de mercado ata o 1,8% do volume de vendas de viños con D.O., alcanzando así un novo máximo dentro das súas tendencias históricas. Na canle de hostalería, Rias Baixas ocupa o quinto lugar dentro das Denominacións de Orixe nacionais, cunha cota de mercado do 3,3%

Ao crecemento destes viños contribúe o seu maior presencia nas canles de venda, tanto en alimentación como hostalería, especialmente nas áreas xeográficas A1 Nordés (Cataluña, fóra de zona metropolitana de Barcelona, e as provincias de Huesca, e Zaragoza, así como as Illas Baleares), A3 Sur (Andalucía e a provincia de Badaxoz) e AMM Madrid (Madrid).

Os viños de Rías Baixas son os segundos brancos máis vendidos en Madrid

Como exemplo, as vendas de viños Rías Baixas na alimentación e hostalería madrileñas creceron un 1,8%, o que os converte na segunda marca de viño branco máis vendida na capital. Os viños de Rías Baixas recuperan participación nas dúas zonas metropolitanas, Madrid e Barcelona. “Madrid é o mercado onde maior desenvolvemento tivemos no último ano cun alto nivel de participación” explica o asesor de Nielsen.

Dentro do mercado dos viños brancos con denominación, Rías Baixas mantén a súa segunda posición cun 9,6% de cota de mercado en volume. Ademais, os viños de Rías Baixas manteñen o seu alto grao de presenza nos mercados do noroeste, onde se concentra o 56% das vendas, o que se traduce nunha cota superior ao 31%.

 Dentro das viños brancos de España, Rías Baixas é o segundo máis vendido cunha cota de mercado do 9,6%

Entre as súas conclusións, Nielsen sinala que esta denominación debe coidar a imaxe e o recoñecemento da marca Rías Baixas, así como apoiar o seu coñecemento e notoriedade como base para asegurar o seu desenvolvemento futuro, buscando optimizar tanto as vendas como a súa rendibilidade. Como reflexión ao sector de Rías Baixas, Ángel García advertiu de que “é fácil gañar volume pero volver á posición de orixe é moi difícil, supoñería unha perda de participación maior, ás veces ata o dobre”.

Nova axencia e campaña en USA

Doutra banda, esta mañá tamén se presentou ás adegas a nova axencia contratada por Rías Baixas para o mercado norteamericano: Gregory White. Estados Unidos é o principal mercado dos viños de Rías Baixas, onde en 2014 vendeu 2.189.258 litros por un importe de 11,44 millóns de euros. De feito foi o primeiro país onde estes viños puxeron en marcha un Plan Promocional.

Campaña de promoción en Estados Unidos co slogan “O viño branco por esencia”

O público obxectivo ao que se dirixirá a campaña será a xeración Millenial e a GenX (entre 25 e 44 anos). O obxectivo é pasar de ser unha rexión española vitivinícola emerxente a ser un viño branco imprescindible. Trátase dunha campaña moi visual e creativa que reflicte a esencia moderna de Galicia, como orixe única dos viños de Rías Baixas. O slogan será: “O viño branco por esencia”. Para alcanzar estes obxectivos, a axencia americana partirá do resultado dunha sondaxe que realizarán en decembro entre mozos amantes do viño.

Entre as actividades que presentaron atópanse o patrocinio do festival “Aspen Food & Wine Magazine”, a mediados de agosto. Tamén organizarán catas de prensa e de profesionais, que se centrarán en dous mercados craves: New York e Chicago. Os talleres para responsables de vendas desenvolveranse en Washington DC e Texas. Fomentarán o consumo do viño Rías Baixas por copa, desenvolverán contidos dinámicos e xerarán a participación activa, grazas ao apoio de chefs e catadores recoñecidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información