Remata unha vendima “excelente” en Monterrei con 4,7 millóns de quilos de uva

Desde o Consello Regulador destacan “os resultados excelentes e tremendamente satisfactorios desta vendima, tanto en termos cualitativos como cuantitativos”.

Publicidade
Remata unha vendima “excelente” en Monterrei con 4,7 millóns de quilos de uva

Vendima en Monterrei. Foto: Pedro Senén Araujo

A tempada de vendima 2015 finaliza na Denominación de Orixe Monterrei cuns “resultados excelentes e tremendamente satisfactorios, tanto en termos cualitativos como cuantitavos”. Así o valora a presidenta desta denominación de orixe, Asunción Rodríguez Zarraquiños, quen salienta o feito de que a D.O “incrementou dun modo moi relevante a súa produción” e, o que é máis importante, “cunha uva dunha calidade maior, en relación á recollida en anos anteriores”.

No incremento da produción en Monterrei, que este ano superou finalmente os 4,7 millóns de quilogramos, fronte aos 2,8 millóns da vendima de 2014, influíron diferentes factores. Por unha banda, aumentou en 61 o número de viticultores que decidiron amparar a súa produción na D.O (ata situarse nos 445 actuais).

Máis viticultores e hectáreas amparadas explican o importante incremento da colleita

Doutra banda, moitos dos viticultores que tradicionalmente xa integraban a súa produción na D.O, incrementaron notablemente o número de hectáreas amparadas. Así, a produción amparada en Monterrei pasou de 467 hectáreas a 531.

Xunto a isto, ao comezo da vendima non había practicamente stock nas adegas da denominación de orixe, o que lles permitiu contar co 100% da súa capacidade.

Finalmente, tal e como valoran os técnicos da D.O, a excelente calidade da uva de Monterrei é consecuencia das óptimas condicións meteorolóxicas rexistradas este ano e de ausencia de enfermidades fitosanitarias nas cepas.

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información