Recomendan tratar o viñedo contra o oídio e seguir vixiantes co mildeu

Publicidade
Recomendan tratar o viñedo contra o oídio e seguir vixiantes co mildeu

Oidio no acio. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres un novo aviso fitosanitarios no que insiste na necesidade de realizar despuntes e esfollados das viñas, así como rozas da vexetación herbácea na Denominación de Orixe Rías Baixas. Recomendan tratar o viñedo contra o oídio e seguir vixiantes co mildiu. Na mesma liña coincide a Consellería do Medio Rural no seu aviso para a Denominación de Orixe Ribeiro.

D.O Rías Baixas

Mildeu:
En concreto, a Estación do Areeiro sinala que “na revisión desta semana ás nosas parcelas de seguimento e a outras leiras, non vimos unha incidencia tan elevada, e de feito a maioría das leiras ou non presentaba síntomas, ou apenas alcanzaban o 3% dos acios, cunha superficie afectada ao redor de 1/5 do total”.

“Si comprobamos -engaden- que, como vimos comentando en avisos anteriores, as parcelas do Condado presentan maior afectación, e é que nas estacións meteorolóxicas próximas ás fincas visitadas, seguiu habendo condicións moi favorables ás infeccións secundarias practicamente todos os días, mentres as temperaturas por encima de 30ºC durante horas non foron capaces de contrarrestalas, posiblemente debido á rapidez con que se desenvolve o ciclo da enfermidade con temperaturas nocturnas tan altas como as rexistradas”.

Por outra banda, desde a Estación do Areeiro indican que “a situación máis desfavorable observouse en parcelas que presentaron ata fai moi pouco ou presentan aínda un exceso de vexetación, tanto a nivel da propia planta como da vexetación adventicia”.

 “As condicións nocturnas son favorables ao mildeu”

As diferentes previsións meteorolóxicas anuncian unha situación climática similar á desta semana para os próximos días, aínda que con temperaturas algo máis baixas. Aínda que as condicións diúrnas non favorecen a infección, as nocturnas están a resultar continuamente favorables (temperaturas anormalmente elevadas e humidade relativa alta ou humidade foliar), de maneira que se aconsella renovar os tratamentos (se non se fixo xa) confirmando sempre a eficacia das aplicacións por se fose necesario repetir a intervención.

A vixilancia periódica das parcelas é fundamental neste momento para frear posibles focos non controlados de enfermidade.

Viña coa vexetación ben contralada

Viña coa vexetación ben contralada

Por último, desde Areeiro insisten en que “non hai que esquecer realizar as labores culturais que faciliten a aireación dos acios (despuntes, esfollados, rozas), que son medidas preventivas imprescindibles, máis se cabe considerando a recorrencia de condicións de infección secundaria desde hai semanas”.

Oídio:
Os acios atópanse nun estado de desenvolvemento moi sensible ás infeccións, e as condicións ambientais que se rexistran tamén son favorables, máis naquelas localizacións onde se están producindo néboas que manteñen unha humidade elevada e unha menor luminosidade.

Así, desde Areeiro observaron un incremento significativo na sintomatoloxía en plantas testemuña sen tratamentos e nas parcelas historicamente sensibles, como a de Castrelo. Nas demais, ou non hai síntomas ou estes aparecen limitados a algúns grans.

Por este motivo, recoméndase renovar o tratamento se non se realizou recentemente, nese caso é fundamental confirmar que freou a infección.

Couzas de acio:
Na maioría das parcelas de seguimento da Estación do Areeiro incrementáronse as capturas de machos de couzas nas trampas. En canto a outros indicios de praga, viron os primeiros dous ovos en senllos acios.

Permanecer atentos á aparición de máis síntomas, pois o número de adultos capturados nas trampas non garda relación directa cos danos que se poidan producir no futuro, polo que non se debe intervir unicamente en base a ese dato.

D.O. Ribeiro:

Coidados culturais:
É necesario seguir coa eliminación de follas xunto aos acios para facilitar a entrada dos produtos fitosanitarios e a aireación adecuada da cepa.

Xa se poden iniciar os traballos de despuntado, xa que as ramas chegaron ao último arame, o que favorece o callado. Ademais, freando o crecemento vexetativo das puntas do pámpano, os produtos da fotosíntese van cara aos acios no canto de ir ás puntas en crecemento.

Débese seguir coa eliminación da vexetación adventicia na contorna das cepas co obxecto de evitar a acumulación de humidade e facilitar a súa aireación.

Débese evitar sobrexpoñer demasiado os acios ao sol.

Débese evitar sobrexpoñer demasiado os acios ao sol.

Incidencias fitopatolóxicas:
Seguen aparecendo manchas novas de Mildeu, en partes de novo crecemento. As tormentas e a humidade nocturna, o que en definitiva mantén o grao de humidade relativa alto, en xeral, aínda que con altas temperaturas, non facilita a desaparición dos focos da enfermidade.

Hai que resaltar esta semana a aparición de manchas de Oídio. Por outra banda, non se observan de momento viñedos con síntomas de Black-Rot ou Botrite.

Recomendacións:
Con esta situación, a recomendación da ADF Terra de Vides, de Ribadavia, é tratar fronte a Oídio con algunhas das seguintes materias activas: triazoles, estrobilurinas, dimitrofenoles e anilidas, ou con xofre. Ter en conta non tratar con temperaturas moi elevadas (superiores a 30ºC), xa que se poden provocar queimaduras nas vides.

É importante manter a vixilancia dos viñedos, en xeral, observando especialmente a evolución do Mildeu, e tratar se fose necesario.

*É unha información ofrecida por ADF Terra de Vides. Ribadavia (Ourense)

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información