Recomendan segar a herba na viña e tratar contra a excoriose

Publicidade
Recomendan segar a herba na viña e tratar contra a excoriose

Gromos esta semana na D.O. Rías Baixas

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro Dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres un aviso fitosanitario sobre a situación do viñedo a día de hoxe.

Como era de esperar, o cambio rexistrado nas condicións climáticas favoreceu o crecemento dos gromos nos cultivos e por iso empezan a aparecer síntomas dalgunhas enfermidades ou pragas nalgúns deles.

Como recomendación xeral para o viñedo, os técnicos de Areeiro aconsellan segar a herba para previr as enfermidades fúnxicas. Asemade, informan de que detectaron os primeiros síntomas de excoriose nalgúns viñedos.

Canto á fenoloxía, dende a estación aseguran que “atopamos bastantes diferencias entre parcelas que mesmo están xuntas, pero temos que dicir que en xeral a agromada está sendo homoxénea ou uniforme dentro da mesma finca e a nivel de cada planta particular, agás excepcións”.

Mildeu: De momento sen infeccións primarias

Na xeneralidade das parcelas non hai gromos de tamaño suficiente como para ser receptivos á enfermidade. Si hai algúns sensibles en viñedos moi esporádicos, sobre todo na comarca do Rosal. “Porén, sabemos que fan falta máis condicións para que se produza a infección primaria, e de momento non se dan”, informan dende Areeiro.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden nas previsións a medio prazo, aínda que todas apuntan certa probabilidade de precipitación que en todo caso será de escasa contía. previsiblemente moi inferior a 10 l/m2. “Con esta situación, só aconsellamos vixilancia nas viñas máis adiantadas”, precisan.

Iso si, os técnicos inciden na necesidade de “controlar a vexetación herbácea en todas as fincas, e moi especialmente nas viñas conducidas en formacións baixas, posto que xa se miran inflorescencias de plantas como Avena spp. ou Rumex spp. superando o nivel dos gromos de viña”.

Excoriose: Recomendan tratar naquelas fincas que solen ter problemas

Diferentes síntomas de excoriose

Diferentes síntomas de excoriose

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro informa de que nalgunhas fincas detectaron os primeiros síntomas nas follas basais ou en fase de apertura. Naquelas parcelas onde tradicionalmente haxa problemas de excoriose, e máis neste ano en que a brotación estase a producir nun ambiente tan húmido, este é o período no que se debe facer unha aplicación fronte a esta enfermidade. As materias activas Mancoceb, Folpet, Metiram, Azoxistrobin+Folpet, Fluopicolida+propineb son as de posible emprego.

Este tratamento recoméndase realizalo con lanza manual, dirixindo a pulverización á vexetación incipiente, co obxecto de evitar a deriva do fitosanitario. Isto é especialmente importante no emparrado, xa que ten a vexetación menos localizada na liña de cultivo.

Outros:

Polo demais, os técnicos de Areeiro informan de que “nas viñas que visitamos nesta semana apenas observamos algún síntoma de erinose, e algunha folla con caracois, pero en ambos casos de xeito moi puntual”.

Non atoparon tampouco síntomas de pedroulo ou doutros gurgullos, nin tampouco de acariose. Referido a esta última praga, recomendan que “é moi importante confirmar certeiramente a súa presenza antes de aplicar un tratamento, posto que ás veces se fan aplicacións acaricidas inxustificadas que son moi prexudiciais para a os fitoseidos, controladores naturais de ácaros”. A este respecto, informan de que “neste inverno volvemos recoller mostras en diferentes viñedos ao azar e en ningún deles topamos hibernantes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información