Recomendan o control das herbas para previr o mildeu na viña

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro informa de que "non" se espera unha infección inmediata" por parte do fungo pero insiste na necesidade de prevención mantendo controlada a vexetación adventicia nas viñas. Aviso por bacteriose en kiwi.

Publicidade
Recomendan o control das herbas para previr o mildeu na viña

Vide afectada por mildeu.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro emitiu recentemente un aviso fitosanitario sobre mildeu en viña.

A continuación reproducimos o seu contido:

“Na maioría das nosas parcelas de seguimento o desenvolvemento da vexetación non é compatible aínda coa instalación do mildiu. Tamén as chuvias nalgunhas bisbarras non foron, ata o momento, suficientes para que se inicie o desenvolvemento da enfermidade. Non obstante, as especiais condicións climáticas dos primeiros días da pasada semana (temperaturas excepcionalmente elevadas e, non obstante, humidade relativa alta) aceleraron a porcentaxe de desenvolvemento diario do fungo onde si houbo precipitación abondo.

Neste caso están as estacións meteorolóxicas de Areeiro(desenvolvemento teórico acumulado a día 17 de abril de 64,5%), Soutomaior (56,14%), e Cequeliños e Meder (6,4% en ambos os dous casos). Con estas situacións volve ser complicado achegar outra recomendación de actuación máis que vixiar o viñedo.

As diferentes previsións meteorolóxicas anuncian certa inestabilidade atmosférica para os próximos días e temperaturas nocturnas bastante baixas, co que tampouco se espera, a priori, unha infección inmediata (tampouco os técnicos cos que falamos prevén un risco importante).

Non obstante, dende a Estación do Areeiro recomendan “o fundamentais que son os labores culturais de mantemento da vexetación adventicia”.

“Neste sentido, non esquezan que non é suficiente rozar nas calles dos viñedos senón que é máis importante facelo nas liñas de plantas, pois esta semana vimos algúns terreos no noso percorrido polas bisbarras vitivinícolas en que as plantas adventicias superaban mesmo a altura das de vide,” engade o aviso fitosanitario.

Como combater a bacteriose en kiwi?

A brotación das plantas de kiwi é un dos momentos clave en que se debe intervir fronte á bacteriose para reducir as posibilidades de infección e limitar o inóculo do patóxeno nas plantacións onde xa está presente.

En España o Rexistro do Ministerio recolle os seguintes cobres para este uso: oxicloruro de cobre 38%, 52%, 70%; óxido cuproso 80% e sulfato tribásico de cobre 19%.

Dende a Estación do Areeiro recordan que “ademais, é necesario previr a través doutro tipo de medidas como a hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios necesarios nas plantacións (evita a dispersión da bacteria), o adubo equilibrado (especialmente de nitróxeno en forma amoniacal), evitar os regos por aspersión, etc “.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información