Recomendan mellorar a aireación das vides para combater o mildeu e o oídio

Publicidade
Recomendan mellorar a aireación das vides para combater o mildeu e o oídio

Acio con mildeu larvado nos grans. Foto: Estación do Areeiro

Reproducimos a continuación o aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, para as principais enfermidades do viñedo:

Mildeu:

Nesta semana, aínda que nas horas centrais do día as temperaturas foron elevadas (sobre todo entre o fin de semana e o luns 18) e a humidade relativa baixa, durante as noites persistiron as condicións de infección secundaria, co que segue existindo risco en relación a esta enfermidade. A esta situación hai que engadir as precipitacións que se rexistraron nas comarcas de Pontevedra e O Salnés a noite do martes, ao redor de 3-6 l/m2 segundo a estación meteorolóxica, ou esta noite pasada, de menor contía.

Con todo, na revisión realizada esta semana ás nosas parcelas de seguimento e ás demais que estamos a visitar, non observamos síntomas recentes máis que en plántulas testemuña sen tratamentos, onde xa o 100% das follas e dos acios aparecen afectados practicamente na súa totalidade.

Consecuentemente a situación xeral parece estabilizarse, pero non se debe descoidar a vixilancia do viñedo, máis considerando que hai un alto nivel de inóculo acumulado nalgunhas parcelas e que as previsións meteorolóxicas continúan anunciando a permanencia de temperaturas nocturnas elevadas, ademais de posibilidade de tormentas locais a partir de metade de semana.

Lémbrase unha vez máis a importancia dos labores culturais de rozas, despuntes e esfollados, xa que, ben realizadas, son unha medida preventiva fundamental para conseguir un bo control da enfermidade (non esquezan que algunhas parcelas mostraron un grao de ataque superior ao xeneral debido a unha deficiente aireación). Estes labores son máis importantes desde que se están utilizando funxicidas penetrantes ou cobres, e de feito vimos leiras onde estes labores permitiron observar que os produtos non alcanzaran algúns órganos nas aplicacións anteriores.

Oídio

Estes días estamos a ter unha climatoloxía favorable ao fungo debido ás néboas locais ou á nebulosidade rexistrada algunhas xornadas.

Isto provocou que nas plantas testemuña aparecesen gromos e acios con presenza moderada de micelio do fungo. Das tratadas, só nunha leira do Rosal e na nosa parcela de Castrelo, extremadamente sensible ao patóxeno, vimos algúns síntomas recentes, que son intensos nalgunha planta, polo que nesta parcela vai realizar un novo tratamento.

As diferentes axencias meteorolóxicas anuncian que continuará habendo condicións favorables, similares ás destes días, polo que se recomenda unha revisión exhaustiva dos acios e tratar en caso necesario (se se observa un avance dos síntomas).

Para limitar o avance deste fungo tamén é fundamental evitar os excesos de vexetación, sendo moi importantes neste caso, tamén, os labores de desnetado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información