Recomendan comezar a tratar o viñedo contra a excoriose

Recomendan comezar a tratar o viñedo contra a excoriose

Síntomas de excoriose en viñedo. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) acaba de publicar o primeiro aviso fitosanitario da tempada para advertir de que a calor e a falta de chuvias que se están a rexistrar nas últimas semanas están a adiantar a fenoloxía das plantas ao propiciar o inicio de actividade biolóxica dalgunhas pragas en viñas e froiteiras.

Ante esta situación, o persoal técnico aconsella iniciar tratamentos para algunhas das enfermidades, sempre tendo en conta que é preciso elixir produtos que non teñan riscos para as abellas no caso en que as aplicacións se produzan sobre plantas en flor ou se hai flores nos arredores.

Segundo explica a técnica da EFA Rosa Pérez, “a climatoloxía tan cálida que se dá nas horas centrais do día nestas últimas xornadas está a favorecer o adianto na fenoloxía das plantas, se ben as horas de frío rexistradas na provincia durante os últimos meses non foron suficientes para algunhas especies froiteiras, o que pode levar a que os gromos non estean ben repartidos ou sexan irregulares”.

Recomendacións para o viñedo

En canto ás recomendacións fitosanitarias, a EFA xa verificou a maduración das primeiras oosporas de mildio nas viñas, pero aínda non é preciso comezar os tratamentos fronte á esta enfermidade en concreto. Si é preciso, pola contra, aplicar produtos fronte á excoriose, en especial naquelas fincas onde se teña confirmada a presenza da enfermidade e haxa xa follas incipientes e estendidas.

No caso das froiteiras, tamén se verificaron as primeiras ascosporas que producen os moteados das maceiras, polo que no caso de producirse un aumento da humidade, será necesario aplicar un tratamento, sobre todo nas variedades especialmente sensibles e nas que tiveran tido danos o ano anterior.

Hai que tratar as maceiras contra o moteado

Pola súa banda, as froiteiras de óso están agromando ou xa en flor e a escaseza actual de choivas fai que o risco de aparición da lepra sexa menor, pero aínda así é preciso estar pendentes da climatoloxía para aplicar un tratamento tan pronto se produzan choivas.

As plantas de kiwi están agora tamén agromando e, dado que os últimos meses de 2018 foron chuviosos e é posible que non se puideran aplicar os tratamentos invernais, sería axeitado aplicar un tratamento cun funxicida cúprico polo menos nas plantacións nas que xa se teña detectada algunha bacteriose.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información