Recomendan comezar a tratar contra a botrite nos viñedos antes de que pechen os acios

Publicidade
Recomendan comezar a tratar contra a botrite nos viñedos antes de que pechen os acios

Acio co mildeu larvado. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, centro dependente da Consellería de Medio Rural, ven de emitir este venres o seu boletín fitosanitario para viñedo, no que destaca a importancia de manter a vixilancia do mildeu e o oídio e comezar a aplicar un tratamento contra a botrite -cuxa afectación podería ser elevada esta campaña- antes de que pechen os acios.

En canto á meteoroloxía, para a fin de semana e días seguintes agárdase tempo estable e temperaturas en ascenso, o que debería favorecer o control do mildeu.

Velaquí a situación das principais patoloxías no viñedo:

Mildeu:

Seguen aparecendo focos de mildeu larvado en acio, cos síntomas típicos: os vagos engurran e adquiren cor entre marrón e negro. O período tormentoso dos últimos días, con forte humidade nocturna maior de 8 horas en moitas xornadas, e a saraiba do día 19, reactivarán a sintomatoloxía nos viñedos sen
protección e, sobre todo, nas follas máis novas.

Oídio:

Como se viña informando nos anteriores boletíns, coas condicións moi favorables das últimas semanas para o desenvolvemento do Oídio, estase propiciando a aparición de síntomas en moitos viñedos, tanto en folla como en acio.

En xeral, aínda que a sintomatoloxía de Oídio e Mildeu está moi distribuída nos viñedos, os danos e severidade da incidencia non é elevada, debido ó bo control fitosanitario exercido na campaña.

Botrytis (podremia):

Seguen a detectarse síntomas da enfermidade nos acios. Estes son debidos á humidade persistente en moitos períodos do ano, incluído o pasado período de floración xa que quedaron órganos florais sen desprenderse dos acios, que se converten en focos latentes da podremia e reactívanse cos posteriores períodos de humidade.

A sensibilidade dos acios aumenta considerablemente a partir do envero, polo que é moi previsible que esta campaña sexa de difícil control da enfermidade se se producen precipitacións e fortes períodos de humidade no momento da maduración.

A isto hai que engadir que nos viñedos nos que se dean síntomas de Oídio ou de picaduras de Polilla nos acios, os tecidos afectados son tamén fonte de focos da Botrytis.

Por todo isto, esta campaña recoméndase, dende este momento de peche do acio ata o envero, o control desta enfermidade. Unicamente nos viñedos menos sensibles pódese valorar a non realización do tratamento: en viñedos de vigor equilibrado, variedades menos sensibles, cunha purga “limpa”, ben ventilados, e sen síntomas das afeccións mencionadas.

Couza do acio:

Nas trampas de seguimento con feromona sexual dos voos da 2ª xeración continúan a capturarse os machos adultos da praga en niveis moderados, sen apreciarse, ata o momento, un reponte claro da segunda xeración dos voos. A situación actual é de voos que se manteñen 3 semanas con pouca intensidade e sen un pico definido. Tamén se pode ver algún dano nos vagos pertencentes a xeración dos voos das semanas anteriores, aínda que en un baixo porcentaxe.

Hai que continuar coa vixilancia da evolución das poboacións, tanto nos voos, como na ovoposición e penetración de larvas nos acios.

Recomendacións

Manter o control fitosanitario e vixilancia de Oídio e Mildeu. Os preparados para o control de Mildeu recomendados neste período son de acción penetrante ou cuticular.

Nos viñedos con sensibilidade potencial alta a Botrytis, nas condicións especificadas no apartado da enfermidade, recoméndase, nesta campaña, a aplicación dun funxicida antibotrítico no estado actual de peche do acio, xa que é un momento con especial eficacia e efecto preventivo, antes de que pechen totalmente os acios.

Fauna auxiliar:

Seguen detectándose poboacións de insectos beneficiosos no viñedo. Por exemplo: ichneumónidos, cadelas de frade, arañas e, sobre todo, fitoseidos (predadores específicos de ácaros e trips) e crisopas, observándose niveis altos de postas e larvas, que son depredadoras de trips, cochinillas e ovos de couzas.

A existencia dunha boa poboación e biodiversidade de fauna auxiliar no viñedo pode ser suficiente, en moitos casos, para o control de determinadas pragas por debaixo dos limiares económicos de dano. Para facilitar isto recórdase a importancia de manter os solos mediante cuberta vexetal, así como os lindes das parcelas verdes e o emprego racional e de bo perfil dos fitosanitarios para o fomento e conservación da fauna auxiliar nos viñedos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información