Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Publicidade
Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Síntomas de Mildeu. Foto: Estación do Areeiro

Reproducimos a continuación os avisos fitosanitarios para o viñedo para os próximos días, emitidos tanto pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, como da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural.

Rías Baixas:

Mildeu:
Na Denominación de Orixe Rías Baixas, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro informa de que a aparición de síntomas foi xeneralizada, pero con maior incidencia do patóxeno nas fincas do Rosal e do Condado.

En canto ás previsións, dende Areeiro lembran que “segundo as previsións meteorolóxicas, o risco de infección será elevado a curto prazo, coincidindo con condicións inestables, pero dende o luns 30 prevese tempo seco, o que reducirá o nivel de infección”.

Polo que respecta aos tratamentos, e dado que a maioría dos viñedos xa recibiron un tratamento esta semana, a recomendación de Areeiro é “comprobar a evolución dos síntomas e, se fose necesario, repetir a intervención”. En canto a síntomas do Mildeu en acio, de momento non os detectaron nas súas parcelas de seguemento, pero lembran que “a sensibilidade é elevada, polo que a atención debe ser máxima”.

Por parte da Estación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia , dependente da EVEGA, a recomendación é que nos viñedos non tratados nesta última semana o fagan en canto remitan as precipitacións previstas para o 28 de maio. As materias activas que se poden empregar son os preparados fitosanitarios de acción sistémica, penetrante ou cuticulares con acción curativa.

Oidío:
En canto a este fungo, dende a Estación do Areeiro, informan de que “vimos os primeiros síntomas de oídio que, ao igual que en campañas anteriores, apareceron únicamente en plantas dunha variedade tinta moi sensible”. Pola contra, en Albariño e outras variedades non detectaron aínda síntomas, polo que recomendan que “aínda non é necesario tratar, pero si extremar a vixilancia, dado que a viña atópase nun estado fenolóxico sensible a este fungo”.

Black Rot
As últimas choivas implican un risco de contaminación deste fungo, polo que a curto prazo parece que se vai seguir espallando. A recomendación de Areeiro é seguir vixiando a evolución das manchas.

Acariose:
Segundo a Estación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia nas parcelas afectadas por acariose, normalmente non será necesario aplicar un acaridida específico xa que, co aumento da temperatura prevista, o propio desenvolvemento da vexetación reduce os danos da praga debido ao forte potencial vexetativo do viñedo, que reduce a densidade da presenza da mesma. En todo caso, pode realizarse tamén unha aplicación de xofre para frear o desenvolvemento da praga.

Ribeiro:

En canto á Denominación de Orixe Ribeiro, a EVEGA informa de que que estes días estase xa a eliminar chupóns (brotes nos pés das cepas) e malas herbas, ambos os dous moi desenrolados nesta época da campaña. A eliminación debe ser, preferiblemente de xeito mecánico, con labras ou segado, evitando no posible o uso de herbicidas.

Tamén estase a facer o guiado dos follatos polos arames, xa que o tamaño que van adquirindo pode dar lugar a roturas e entorpecemento das labores nas rúas das viñas.

Incidencias fitopatolóxicas:
Obsérvanse na DO manchas de Black-Rot e Mildiu pero, en xeral, ben controladas debido ás aplicacións fitosanitarias efectuadas ata o de agora.

Recomendacións:
As boas condicións paras o crecemento da vexetación, pero tamén para o desenrolo óptimo de enfermidades por fungos, fan que debamos manter unha observación e control intenso nas plantacións. Así, no caso de non terse aplicado un funxicida sistémico na semana pasada, recoméndase facelo xa para manter as cepas libres de Mildeu e Black-rot, preferentemente cun fitosanitario de acción sistémica, debido a que probablemente haberá moita superficie foliar sen protección algunha. Ademais, tendo en conta que se achega o inicio da floración, é moi importante manter os viñedos protexidos nesa fase para evitar danos, que poderían ser importantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información