Recomendacións para mellorar a competitividade dos viños galegos

Resumo do relatorio de Sarah Jane Evans no Atlante Wine Forum celebrado este luns en Vigo. A presidenta o Instituto Masters of Wine de Londres recomenda que se apropien de marca Viños Atlánticos e ampliar a diversidade dos albariños

Publicidade
Recomendacións para mellorar a competitividade dos viños galegos

Sarah Janes durante a súa conferencia

A presidenta o Instituto Masters of Wine de Londres, Sarah Jane Evans, pronunciou este luns a conferencia de peche do Atlante Wine Forum, organizado en Vigo polo Instituto Galego do Viño. Baixo o título de “Como os viños galegos poden loitar no mercado global”, Sarah Jane analizou as fortalezas e as debilidades dos viños de Galicia, especialmente os de Rías Baixas, así como a situación do mercado do viño no Reino Unido, un dos principais destinos das exportacións galegas.

Debilidades dos viños galegos:

A presidenta do Instituto Masters of Wine mostrou a súa confianza no potencial das variedades autóctonas galegas, pero expuxo unha serie de ameazas para a competencia dos viños galegos nun mercado global, competitivo e cambiante:

Falta de diversidade: “Hai moitos viños bos de Rías Baixas pero é necesaria máis diversidade porque ás veces saben un pouco iguais”.

Risco coa identidade do viño albariño: Lembrou que viños atlánticos con albariño xa se están elaborando noutros países. Neste sentido, animou ás adegas galegas aprópiense do termo “Atlantic Wines” ou Viños Atlánticos, unha definición ideada polo Instituto Galego do Viño. “Galicia ten que actuar rápido e de forma intelixente para apropiarse desta marca propia”, advertiu.

Calidade inconsistente: necesidade de seguir avanzando no perfeccionamento da calidade dos viños galegos.

Viños de novas e grandes plantacións que non teñen moito carácter e que prexudican a fama do Albariño. “É necesario non acomodarse porque, aínda que durante anos o Albariño foi considerado o mellor veu branco de España xa empeza a ter competencia de viños brancos tanto de Cataluña como doutra partes de España, con variedades como a Garnacha Branca”, asegurou Sarah Jane.

A presión dos baixos prezos empuxa a baixar a calidade: “Nesa batalla sempre se vai perder”, advertiu.

Necesidade de márketing: “Hai que traballar xuntos porque unha soa adega non pode loitar no mercado global, polo que importante é facer un labor de márketing en conxunto e vender os viños baixo a marca Galicia”. “En Australia e en Nova Zelandia fixérono e con bos resultados”, destacou Sarah Jane.

Fortalezas dos viños galegos para competir no mercado global:

-No caso de Rías Baixas é necesario desenvolver máis os viños tintos crocantes, lixeiros e frescos. Hai que seguir traballando cos brancos e apostar pola diversidade, coa utilización de lías, elaboración de viños de garda…etc

”Galicia ten que tomar posesión do concepto de Viños Atlánticos”

-Non é interesante elaborar viños espumosos con albariño para a exportación. “Fóra de España é moi difícil loitar contra Champaña ou contra Freixenet”, advertiu. Con todo, a directora do Instituto Masters of Wine se recoñeceu que “estes espumosos si que poden ter máis éxito dentro de España”.

-Importancia de contar as historias de cada viño. Cada adega ten que ter a súa historia e comunicala.

-Necesidade de falar do terruño, clima e solos de cada viño.

-”Galicia ten que tomar posesión do concepto de Viños Atlánticos”, subliñou.

– Seguir insistindo na relación entre os viños galegos e a gastronomía.

– Nunca vender viños a baixo prezo.

Algunhas iniciativas de éxito para promover os viños dunha rexión ou denominación:

Happy International Grenache Day: “Poderíase facer no exterior unha acción de promoción cunha semana de Albariño, ou un fin de semana de Godello”, destacou Sarah Jane.

Cata do Barrio de la Estación: unha iniciativa para promover os viños nun barrio concreto. “É unha iniciativa interesante, cun día de catas para profesionais e outro para o público en xeral”, asegurou.

Alvariños/Alvarinhos ao Mundo: organizada pola Unión Española de Catadores con viños albariños tanto galegos como portugueses. “O problema é que portugueses e españois non queren participar xuntos na mesma cata, pero para comunicar o bo dos viños atlánticos sería moi interesante participar porque é unha moi boa idea de márketing”.

-Organizar catas para profesionais especializados como a realizada o pasado ano por varias Denominacións de Orixe Galegas para o The Institute of Masters of Wine.

Situación do mercado do viño no Reino Unido:

Sarah Jave Evans tamén expuxo a situación do mercado do viño no Reino Unido, un dos principais destinos das exportacións vínicas galegas.

En concreto, informou de que “as vendas totais son duns 120 millóns de caixas de viño, das que 83 millóns véndense en supermercados e tendas, repartidas entre un 42% para viños tintos, 47% para brancos e 11% para viños rosados”.

As variedades tintas favoritas para os consumidores británicos son Merlot, Shiraz, Cabernet e Tempranillo, mentres que para os brancos son Sauvignon Branco, Pinot Grigio e Chardonnnay.

Os viños de Australia representan o 23,5% do volume total, e están a incrementar a súa presenza, á conta de Italia (15% do mercado), EEUU (12%, Francia (11%) e Sudáfrica (11%). Os viños españois representan o 10% do mercado, e cunha tendencia estable.

Os impostos ao viño son elevados no Reino Unido: 2 libras por botella de viño, e 2,7 de espumoso e 2,77 para viños tipo Porto. “Sempre vai ser difícil vender Albariño espumoso no Reino Unido porque o prezo vai ser bastante alto”, advertiu Sarah Jane.

Lembrou tamén que “desde a entrada do grupo alemán Aldi hai unha guerra de prezos nos supermercados, reducindo o número de marcas e o prezo, de forma que cada vez é máis xente de clase media vai comprar o viño de oferta a Aldi”.

 “En bares e restaurante ingleses hai máis sitio para os viños galegos”

Sarah Jane destacou que cada vez cobra máis importancia a venda de viño por internet. Neste sentido, salientou que para as pequenas e medianas adegas galegas podería resultar interesante vender os seus viños en plataformas como Naked Wines ou Majestic Wines.

O prezo medio da botella de viño ao consumidor no Reino Unido é de 5,38 libras, uns 6 euros. O 53% está por baixo de 5 libras; o 36% de 5 a 7 libras e o 9,5% de 8 a 10 libras. E só 1,5% das vendas están por encima de 10 libras.

Con todo, a media do prezo do gasto en viño en bares e restauración no Reino Unido é de 14,66 libras por botella e de 19 ,85 libras para os viños de España. “En bares e restaurante ingleses hai máis sitio para os viños galegos”, concluíu Sarah Jane.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información