Recomendacións de Paco Rego para o combate das enfermidades fúnxicas

Francisco Rego Martínez, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e con máis de 40 anos de experiencia no sector, fai unha análise de como afectaron as enfermidades fúnxicas durante estes meses e consellos para afrontalas mellor no futuro

Publicidade
Recomendacións de Paco Rego para o combate das enfermidades fúnxicas

Acio con mildeu. Foto: Estación do Areeiro

“Ano de herba…” Vello refrán para comezar este artigo sobre a incidencia do mildeu nesta primavera. Tal vez os gandeiros non opinen igual cando hai abundancia dela nas pradeiras, pero nas épocas en que aínda non se ensilaba e había que secala para ter feno no inverno, as choivas excesivas e inoportunas non creo que fosen tampouco do seu agrado.

Anos complicados hóuboos e vainos seguir habendo. Son inesperados, de cadencia irregular. Non se pode prever cal vai ser a climatoloxía dun ano, e moito menos dos seguintes. Coas “reviravoltas” do cambio climático, e coas variacións a nivel local as incertezas aumentan.

Desde logo quen trouxo para Europa, a finais do XIX, videiras americanas portadoras do mildeu, armouna boa. Dúas décadas antes outros fixeran a fazaña de traer outras americanas contaminadas co oidio, por iso nalgúns sitios da Ribeira Sacra lle chaman “a peste vella”. Pouco despois de chegar o mildeu repetiuse a historia coa introdución da philloxera e, para rematala, coa do black rot a principios do XX. Enfín, demostracións da intelixencia e racionalidade humanas.

¿Imaxinades una viticultura libre destas pestes americanas? Pois era o que había antes de que as trouxesen para Europa a partires do XIX. Aquí estaban a botryte e a antracnose, e algunha máis, que de cando en vez facían das súas, pero en absoluto era o mesmo.

Sen saírmos da viticultura, a circulación incontrolada de material trouxo, procedente doutros países europeos, a flavescencia dourada para Cataluña, e o que é peor para nós, para o Norte de Portugal, ás portas de Melgaço segundo as últimas informacións. Só lle falta pasar o río Miño, se é que non o fixo xa.

Virus, bacterias, fungos e insectos diversos teñen ido e vindo coa circulación dos materiais vexetais. Herbas invasoras nos estercos, etc. Por tanto, en canto a especie humana non evolucione (e esperemos que para mellor) estas cousas van seguir acontecendo.

Incidencia moi variable do mildeu en función dos estados fenólóxicos, zonas e castes

Voltando a esta campaña, a entrada en vexetación foi perturbada por unha climatoloxía adversa, de choivas frías primeiro. A consecuencia foi a aparición de manchas de botryte, principalmente en folla, e algunha que outra de black rot. Pero o peor veu despois, coa irrupción de choivas máis quentes, tan amigas do mildeu.

A marcha do ciclo vexetativo varía segundo as zonas e tamén segundo as castes. Foi decisivo o estado en que se atopaban os acios nos momentos en que se deron as circunstancias máis idóneas para os ataques. Así, houbo situacións en que o mildeu “avisou”, ou sexa que comezou por dar síntomas en folla. Pero tamén outras nas que, sendo escaso ou como moito moderado o ataque ás follas, por contra a afectación dos acios foi masiva. Ataques que en moitos sitios coincidiron cos estados previos ou na mesma purga, de grande sensibilidade. A purga en moitas zonas atrasouse e foi longa de máis.

Así pois, as variacións entre os estados fenolóxicos en que se atopaban os acios nas videiras, segundo que zonas e tamén segundo que castes, determinaron que a incidencia do mildeu sobre eles fose moi variable. Por suposto que os mesoclimas, que van cambiando desde a costa até as zonas interiores, son un factor decisivo. En viñas multivarietais non foi raro observar que o grao de ataque aos acios cambia bastante segundo as castes.

Medidas de control contra o mildeu, oídio, botrite y blackrot

Estivemos a falar dos ataques, e agora imos tratar do control. Hai viñas arruinadas por este ataque e outras nas que a afectación de follas e acios, existindo, é mínima. Mesmo se pode apreciar este contraste en viñas colindantes. Trataremos de analisar os porqués.

Unha viña ben deseñada, cunha xeometria de plantación ben pensada, complementada con manexos axeitados, co obxectivo de que as plantas se desenvolvan cun vigor moderado, e por tanto, desenvolvan paredes foliares estreitas e pouco densas, non por isto vai ter patente de corso contra o mildeu e outras doenzas.

 “As plantacións con paredes foliares estreita e pouco densas son máis aptas para os tratamentos antifúnxicos”

O que si vai pasar – e mellor aínda se a viña está situada nunha encosta ben ventilada-, é que as plantacións de vigor contido, e por tanto con paredes foliares permeables ao aire, as humidades acumuladas por causa da choiva disiparanse antes unha vez que escampe. Por tanto, aplicar tratamentos será máis fácil, con maior garantía de que o caldo funxicida molle o cen por cen da vexetación. Por moi bon que sexa o equipo de pulverización, se as paredes foliares son moi anchas e espesas, vai ser difícil conseguir que o caldo cubra todo, especialmente a masa interior da sebe. Neste sentido, cómpre recalcar que, coas variacións debidas ás zonas e tamén aos ciclos de cada caste, a vexetación en xeral estaba bastante desenvolvida na altura dos ataques.

Por tanto, aínda que exista un bon deseño e se teña un bon plan de manexo, hai anos nos que a climatoloxía complica a atención ás viñas. Neste ano disparáronse a vexetación e a herba. E días tépedos e húmidos contribuíron ao tempo a que o ciclo do mildeu se acelerase. Neste sentido, as aceleracións da expansión vexetativa simultánea coa dos ciclos do mildeu obrigaron a acurtar os períodos entre tratamentos.

No relativo aos funxicidas, ben seguro que hai diferenzas de efectividade entre eles. Un que estivo entre os máis eficientes en anos atrás hoxe pode non selo por teren xurdido resistencias. E aos que están a funcionar mellor a día de hoxe é posible que lles vaia pasar o mesmo dentro duns anos.

Por outra banda, en condicións extremas nas que case que non para de chover, coa vexetación continuamente mollada, que eu saiba non existe ningún mildicida que consiga un índice de ataque cero.

Ademais, é imprescindible asesorarse sobre que combinados de materias activas actúan mellor en cada momento. Tan importante como o anterior é a loxística de cada explotación. Dito doutra maneira, con que medios humanos e materiais se conta para facer un plan de combate rápido e efectivo.

Xa comentei en ocasións anteriores que a viticultura, especialmente nas terras interiores, é sostida por vellos que fan o que poden, que xa é moito, pero que en condicións extremas como as deste ano precisarían de chamar a algún veciño ou xornaleiro para facer os tratamentos con rapidez. O que pasa é que os veciños teñen todos a mesma apurada e as empresas de servizos, se é que hai algunha na zona, non dan abasto cando xurde o problema. Os fillos, por residiren fóra ou por teren outros oficios, malamente poden botar una man como non sexa nas fins de semana, sempre que coincida cun escampe.

Unha explotación pode ser relativamente grande e ser ben atendida por dispor de persoal e de maquinaria suficientes como para tratar toda a superficie en moi poucas horas. Pode pasar tamén que sendo de menor superficie, teña xente suficiente para ila atendendo cando as circunstancias son normais, pero que non se veñen adversas, como no caso destes ataques de mildeu. Dependerá entón da axuda externa.

Poño un exemplo. Nun mesmo período de escampe, tratando cun tractor con atomizador incorporado cóbrese un determinado nº de m2/hora. Cunha manga de carretilla bastante menos e se hai que andar cunha máquina ás costas xa nin se compara. Calquera destes aparellos pode realizar un bo traballo, sempre que se dea feito. Cada quen terá que arranxarse como poida.

“A clave é que a cadencia dos tratamentos sexa máis curta que a dos ciclos do mildeu”

O que está claro é que no caso de xurdiren choivas tépedas e persistentes, hai que estar moi atentos ás predicións. Ante a dúbida, hai que acurtar a distancia entre tratamentos, que na práctica vai pasar por aproveitar os poucos escampes que aparezan. Se nestes intervalos secos non se consegue tratar todas as viñas e, como consecuencia, a cadencia de tratamentos vai máis separada que a dos ciclos do mildeu, entón a batalla pode estar perdida. Peor se ao mildeu lle dá por “enfilar” aos acios. É una das razón que explican o que comentei antes, nalgunhas viñas anexas e coas mesmas castes, unhas con ataques moderados e outras perdidas.

Os aparellos de aplicación deberán ter todos os seus compoñentes en perfecto estado para que os chorros saian homoxéneos e coa presión adecuada aos estadios vexetativos. Deberán testarse antes da entrada en vexetación.

Aínda así e con independencia de cal sexa a maquinaria de aplicación, tras cada tratamento compre revisar a vexetación para ver o grao e a uniformidade da distribución dos chorros de caldo. Por moi ben que se limpe o equipo, as obturacións poden xurdir en calquera momento. As follas deberán estar molladas polo dereito e polo revés. Humectación completa e uniforme pero sen exceso de goteo.

“Aínda que sexa un produto sistémico, cómpre mollar toda a vexetación da vide”

Non por utilizar un produto sistémico deixa de ser necesario mollar toda a vexetación. A maioría dos mildicidas combinan dúas e ás veces tres materias activas. Con accións diferentes, todas contribúen a controlar o mildeu. Por tanto compre mollar todo.

A algúns atomizadores de mochila pódenselle incorporar acoples na punta da tobera angulados para dirixir o chorro perpendicularmente á vexetación. Segundo como estean dispostas xeometricamente as viñas, pode ser conveniente ou non empregalos.

Neste momento os meteorólogos prognostican sol e bo tempo, falta facía. Estamos a comezos de xullo e estes días bos afastan o perigo do mildeu. Poderíase dicir que o mal que tiña que facer xa o fixo. Para quen puido facer una protección razoable é así.

Pasada a purga, se os acios están sans cada vez están máis lonxe de seren afectados por novos ataque de mildeu. Non pasa o mesmo cos que tendo algo de afectación, esta aparentemente se inhibiu pola acción dos funxicidas. Ou simplemente por cambiar o tempo a seco e soleado. Nestes casos o mildeu pode ficar larvado e volver activarse cando as condicións o propicien.

A importancia de estar atentos ao oídio

Estes días teño visto algún oídio en carballos, chícharos, ameixeiras e roseiras. Son oídios distintos ao da videira. Aínda así é bon estar atentos, comezando por vixiar as viñas menos ventiladas e as que teñan plantadas castes sensibles. Como nos tratamentos anti-mildeu se acostuma mesturar xofre mollable ou calquera outro anti-oídio, con tanta aplicación que se ten dado nas semanas pasadas non debería haber un gran problema. Pero coidado, é precisa moita observación e ao mínimo síntoma tratar.

Convén igualmente vixiar a evolución das manchas de black-rot en folla nas viñas en que ten aparecido. Se os mildicidas con acción anti black rot non foron quen de controlalo, hai que tratar, principalmente se hai risco de contaminación de acios.

As manchas de botryte aparecidas en folla polo xeral non tiveron maior incidencia. O problema é cando a botryte ataca aos acios. As viñas que sofren ataque de lobesia e outras volvoretas deberán ser tratadas ou non en función da magnitude. O tempo de pre-vendima non sabemos como vai ser, falta faría que fose máis compracente para compensar o desta primavera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información