Recomendacións á hora de plantar viñedo

Cando se debe realizar a plantación do viñedo? Que coidados se deben ter en caso de que se realice a plantación en pot? Artigo de Paco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA)

Publicidade
Recomendacións á hora de plantar viñedo

Encosta do Douro acondicionada para viña

É importante acertar na variedade adecuada á hora de plantar viñedo porque ata que nos deamos conta dos erros poden pasar bastantes anos. Por tanto, detalles como a adaptación da caste ao terroir, as combinacións cos bravos máis axeitados, a lonxitude apropiada da estaca, a sanidade (referida especialmente a non impactar con pestes que son alleas ao ecosistema receptor) e outros pormenores serán determinantes do futuro do cultivo.

Como principio xeral canto antes se plante mellor. As datas en que plantar oscilarán en función de como veña o inverno. En solos chairos e barrentos, que tras as choivas permanecen encharcados por máis tempo, haberá que agardar ata que entren en lentura. Pola contra, os areentos non teñen ese problema e pódense plantar antes. A igualdade doutros factores, un solo que foi ben acondicionado en fondura vai permitir que as raíces dos bacelos se espallen máis rápido e que por tanto se defendan mellor dos rigores do verán.

“Para o éxito da plantación é fundamental un bo acondicionamento do chan”

Teño observado a marcha posterior de plantacións feitas de varios modos, desde espichar o bacelo co pau ferro até colocalo co maior coidado, previa apertura de gavias. Na miña apreciación, máis que a maneira de plantar inflúe o ter acertado nos aspectos que antes mencionei, de entre os que un bo acondicionamento do chan é primordial. Por moi boa que sexa a planta, se a metemos en mal sitio é difícil que lle vaia ir ben.

 “Plantar en pot sen dispor de rega de auxilio é unha aventura”

Sobre as plantas en pot creo que xa falei anteriormente. Como habitualmente se poñen na viña a principios de verán, ante o que poida xurdir é necesario que teñan auga ao seu dispor cando a necesiten, para evitar shocks provocados por secas prolongadas e/ou por golpes de calor, que poden levar a plantación ao fracaso.

Plantar en pot sen dispor de rega de auxilio é unha aventura. Unha cuba de pulverización, unha cisterna gandeira, ou unha instalación provisional de mangueiras conducidas desde un manancial que naza a maior cota poden ser útiles, en función da superficie plantada e do tempo de que se dispoña para atender a plantación. Tal vez as viñas lentas, as de maior altitude ou as orientadas ao nacente teñan máis hipótese, pero ante as diversidades de estío que tivemos nestes anos o mellor é non aventurarse a plantar nestas datas se non é posible darlles rega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información