Recollida de sinaturas para unha proposición non de lei polos danos das xeadas

Unións Agrarias inicia unha campaña para presentar no Parlamento unha iniciativa popular en demanda de axudas para os viticultores e produtores de castaña afectados

Publicidade
Recollida de sinaturas para unha proposición non de lei polos danos das xeadas

Acto de recollida de sinaturas hoxe en Ourense.

Os danos que provocaron as xeadas esta primavera nas denominacións de orixe galegas continúan sen solución. Viticultores e adegas dan por seguras perdas significativas, pero a demanda de axudas para paliar o problema caeu polo de agora en saco roto. Tras as mobilizacións masivas protagonizadas polo conxunto do sector semanas atrás, Unións Agrarias iniciou hoxe unha recollida de sinaturas para presentar no Parlamento unha proposición non de lei en demanda de apoios.

O comezo da recollida de sinaturas fíxose este mediodía en Ourense, nun acto a pé de calle no que participaron alcaldes das zonas con danos, viticultores e adegueiros afectados. Son precisas 2.500 sinaturas para que a proposición non de lei se poida presentar como de iniciativa popular. Desde Unións agardan un forte respaldo á campaña de sinaturas, pero dado que o periodo de sesións do Parlamento se interrumpe no mes de agosto, é probable que a proposta non se entregue e debata na cámara ata os primeiros días de setembro.

“Coa iniciativa popular, imos visibilizar un forte respaldo social. A Xunta deberá aclarar se esta é a lexislatura do rural con agricultores ou sen eles” (Roberto García)

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, defende a iniciativa popular como unha vía para rachar coa “pasividade de 2 meses que leva mantendo Medio Rural ante o problema”. “Houbo tempo para que valorasen os danos. Os viñedos non se recuperaron e semella que a única preocupación que teñen na Xunta é a de manter a imaxe de que vai haber colleita para que ás adegas lles cadren os números”, cuestiona.

Medidas
Como medidas principais, Unións pide axudas directas, “como as que houbo o ano pasado para os viticultores afectados pola saraiba na Ribeira Sacra”, e bonificacións sociais nas cotas da Seguridade Social. De cara ó futuro, tamén se pretende que se bonifiquen os seguros agrarios ata nun 65%, o tope permitido pola normativa.

“Son todas elas demandas cun amplo respaldo social, como se vai visibilizar na recollida de sinaturas, e o presidente da Xunta terá unha oportunidade no Parlamento para amosar se esta é a lexislatura do rural con agricultores ou gandeiros ou sen eles”, valora García.

Das medidas xa anunciadas pola Xunta polas xeadas, como créditos brandos ou bonificacións no Irpf, García considera que van dirixidas ás adegas. “A un viticultor que non vai ter ingresos, de nada lle valen as bonificacións no Irpf. Poden ser medidas necesarias e queremos que ás adegas lles vaia ben, pero tamén son precisos apoios para os viticultores”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información