Quinta do Buble, o godello de Monterrei que fala alemán

A adega de Oimbra comercializa no exterior arredor do 80 por cento da súa produción, co mercado xermano como primeiro destino. Centra o seu traballo nos viños brancos, aínda que elabora tamén unha pequena parte de mencía

Publicidade
Quinta do Buble, o godello de Monterrei que fala alemán

Adega Quinta do Buble, en Oimbra (Ourense).

O godello, unha uva autóctona que cobrou forza nos últimos anos en denominacións de orixe (DO) como Valdeorras e Monterrei, está a atopar boa aceptación nos mercados internacionais. No caso de Quinta do Buble, unha adega de Oimbra (Ourense) da DO Monterrei, o seu godello ten como primeiro destino Alemania, un país no que sorprendeu e no que conta xa cunha distribución consolidada.

A adega viu facilitada a súa entrada no país xermano polo feito de que parte dos seus socios residen alí, se ben outros tradicionais mercados do viño tampouco lle son alleos, caso de Xapón, Bélxica ou Irlanda. Arredor do 80% da produción de Quinta do Buble expórtase, en tanto o restante 20% consúmese en Galicia e na zona norte de España.

“Os nosos viñedos están en ladeira, co cal obtemos menos volume de produción que no val, pero logramos maiores aromas”

Elaboracións
O traballo de Quinta do Buble céntrase nos viños brancos, principalmente no godello, se ben tamén produce unha pequena parte de mencía. O seu viño branco de referencia leva o nome da adega, Quinta do Buble, un godello que se elabora a partir da produción das viñas máis antigas e que se macera antes do seu paso ós depósitos.

Viñedos de Quinta do Buble.

Viñedos de Quinta do Buble.

“É un viño que se caracteriza pola súa intensidade aromática. A maioría dos nosos viñedos están nunha zona de ladeira, co cal os volumes de produción son menores que no val, pero a uva mantén máis aroma e frescura”, valora Beatriz Casado, de Quinta do Buble.

Outro dos godellos da adega é Terra do Lobo, unha marca inicialmente deseñada para Estados Unidos, que pasa ó depósito despois de prensado, sen maceración previa. O capítulo de brancos péchase con O Roncal, un multivarietal que leva godello como variedade principal e arredor dun 10% de treixadura, outra variedade autóctona das consideradas ‘top’ en Galicia.

En canto ós tintos, Quinta do Buble ten comercializado en anos anteriores mencías de crianza, se ben agora estase a centrar na elaboración de viños xoves.

“Monterrei está a facer un bo traballo e a xerar interese. Tamén é importante o selo Galicia Calidade, que nos aporta prestixio de cara ó exterior”

Volumes
A produción total da adega ronda os 120.000 litros, aínda que ten capacidade para medrar. Na actualidade, Quinta do Buble abastécese da uva dos seus propios viñedos, que suman arredor de 22 hectáreas.

De cara a anos vindeiros, a adega prevé ampliar produción por medio do aluguer de viñedos da denominación. “A nosa idea é controlar todo o proceso de crecemento e maduración da uva para ter unha maior garantía de calidade”, sinala Beatriz Casado.

Na adega, amósanse satisfeitos do traballo que se está a facer na DO Monterrei, xa que consideran que está a abrir mercados e a xerar interese. Tamén botan man do selo Galicia Calidade para a súa promoción no exterior. “Levamos dous anos con Galicia Calidade porque é unha marca que nos dá prestixio de cara ó exterior. Todo o galego ten fóra unha imaxe de calidade”, destacan na adega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información