“Queremos que o viticultor no Ribeiro sexa máis profesional e poda vivir ben do seu traballo”

Entrevista a Juan Manuel Casares Gándara, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Márcase como prioridades lograr a acreditación de ENAC, crear a Oficina do Viticultor para avanzar na súa profesionalización, ou que se elabore un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento da comarca do Ribeiro.

Publicidade
“Queremos que o viticultor no Ribeiro sexa máis profesional e poda vivir ben do seu traballo”

Juan Manuel Casares Gándara, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

Juan Manuel Casares Gándara foi elixido a finais do mes de xullo como novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a DO máis antiga de Galicia, con 115 adegas inscritas, unhas 2.300 hectáreas de viñedo e máis de 5.000 viticultores inscritos no censo.

O novo presidente compatibilizará a presidencia coa dirección da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), unha responsabilidade que leva exercendo dende 2015 e que lle permite ter unha visión privilexiada de por onde pasa o futuro do sector. A súa elección contou co voto a favor de 7 vogais, con 3 abstencións e con ningún voto en contra.

¿Que obxectivos te marcas á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro?
Agardo que durante 2018 sexamos quen de lograr a acreditación ENAC para o Consello Regulador. É moi importante porque é unha obriga legal e, en segundo lugar, porque pola miña experiencia previa como director da Evega, a acreditación ENAC marca un antes e un despois. É un obxectivo fundamental para o Ribeiro, e que lle permitirá acadar a excelencia.

Por outra parte, un segundo reto é potenciar a atención ao viticultor como un axente clave dentro do Consello Regulador. Neste sentido, marco como obxectivo crear a Oficina do Viticultor, recoñecendo a súa figura e incidindo que o viño comeza na viña, non na adega. Esta oficina terá un carácter moi práctico, informándoo de axudas e resolvendo dúbidas, asesoramento a nivel administrativo e formación nas cuestións técnicas que precise. Dentro, iso si, das posibilidades técnicas do Consello Regulador.

“A creación dunha Oficina do Viticultor axudará a profesionalizar o sector”

Outro terceiro obxectivo é que o Consello siga sendo un vehículo de busca de novos mercados, e de novos produtos, pero sen perder as nosas referencias de territorio e das peculariedades dos viños do Ribeiro.

¿Cal é a valoración da colleita 2017?
Foi unha vendima atípica. Por unha parte, padecemos as consecuencias das xeadas, e posteriormente das saraibadas en agosto. A falta de precipitacións tamén favoreceu que a vendima se realizase con moita antelación con respecto a 2016, unhas dúas semanas antes. As xeadas tamén provocaron que a recollida de uva se tivese que desenvolver en tres etapas diferentes, abarcando o mes de agosto, setembro e outubro.

En canto aos datos de produción, falamos dunha colleita de case 9,5 millóns de quilos de uva, que supón un descenso do 18% respecto á colleita de 2016. Dende logo que non é para estar exultantes, pero danos a razón ao Consello Regulador no sentido de que ante as xeadas e as saraibas dixemos que había que ser prudentes, e que cumpría ser moderadamente optimistas. Dende algúns ámbitos considerábase que este ano o Ribeiro estaba morto debido a estas inclemencias, e a realidade é que está en pé.

En canto á calidade das uvas, entrou cun grao de maduración moi bo respecto a anos anteriores e polo tanto as previsións dos técnicos apuntan a que será unha anada excelente.

¿Que lle demandades á Consellería do Medio Rural?
Nunha reunión con Belén do Campo, directora xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias, trasladámoslle a necesidade de crear a Oficina do Viticultor.

Tamén trasladamos a importancia de realizar un estudo estratéxico socioeconómico para o Ribeiro. Estamos a falar dunha comarca onde o motor económico é a viticultura, con todas as posibilidades que leva consigo, como o enoturismo. Creo que nese plan deberíanse detectar as potencialidades deste territorio e as medidas para revitalizalo. O primeiro paso será analizar a viabilidade deste estudo e nunha segunda fase ver como podemos implicar ás distintas administracións para levar a cabo este estudo.

“Este ano baixou a colleita de uva pero a maduración do froito foi excelente”

Por outra parte, o Consello Regulador está a implicarse no plan de divulgación de seguros agrarios para o sector vitivinícola que está a impulsar a Consellería do Medio Rural. Neste sentido, vimos de celebrar este luns 13 de novembro unha charla informativa para os viticultores da DO.

¿Cal é a realidade a día de hoxe dos viticultores acollidos á Denominación de Orixe?
Hai un proceso de abandono por xubilación dos viticultores. O que temos que ver é se os procesos de incorporación de mozos están compensando ese perda de activos, sobre todo en canto a superficie vitícola cultivada.

É un proceso de reestruturación do sector agrario que se produce tamén no resto do agro español e mesmo a nivel europeo. O que si é certo é que hai unha realidade na vitivinicultura que se produciu xa noutros sectores: un redimensionamento das explotacións, de forma que quedan menos viticultores, pero con máis superficie e máis profesionais.

Do que se trata é de que a xente que queira vivir no rural do viño poda facelo e vivir ben. O sector vitivinícola é estratéxico para o Ribeiro e para Galicia e iso implica que temos que mirar cara a profesionalización. Iso non significa eliminar ou abandonar a viticultura a tempo parcial, pero estamos a falar dunha tendencia.

¿Onde vai concentrar o Consello Regulador as accións de promoción dos viños do Ribeiro?
Temos un Plan Estratéxico que, no apartado de promoción, debemos revisar e reformalo se así se acorda. A realidade é que os viños do Ribeiro véndense nun 70% en Galicia, arredor dun 20% no resto de España e un 10% das vendas son para a exportación.

Creo que debemos revisar o plan estratéxico buscando a prudencia e a eficiencia, de forma que os investimentos en promoción sexan o máis eficientes posibles. Debemos replantexar os investimentos en promoción, e a miña opinión particular é que debemos afianzar o mercado en Galicia, fortalecer un pouco o mercado nacional e facer pescudas de novos nichos na exportación.

“A nosa promoción debe centrarse en afianzar o mercado galego”

Estase a falar da necesidade de que as adegas diversifiquen a súa oferta de viño, con viños de garda, escumosos..etc….
Na última reforma do prego de condicións do Consello Regulador xa se introduciron as autorizacións para os viños de barrica, os escumantes, a parte do noso tradicional tostado.

O Consello Regulador debe ser un vehículo de innovación, pero sen perder as nosas peculariedades. Todo o que sexa abrir novos nichos de mercado, con novos produtos é interesante, pero sempre sen perder a nosa identidade como Ribeiro: que son os nosos viños brancos, coa Treixadura como variedade raíña, pero tamén os nosos tintos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información