¿Que coidados hai que facer na viña durante a próxima semana?

Publicidade
¿Que coidados hai que facer na viña durante a próxima semana?

Nas plantas máis adiantadas de albariño xa comezan a verse os primeiros acios visibles

A Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia-EVEGA, dependente da Consellería de Medio Rural, ven de publicar unha información sobre o estado do viñedo na Denominación de Orixe Rías Baixas e unhas recomendacións sobre os traballos que se deben facer nos próximos días.

Estado fenolóxico:

En canto ao estado fenolóxico no viñedo de referencia en Ribadumia é o seguinte nas distintas castes:

-B-C (xema inchada-punta verde): sousón.

-C-D (punta verde-folla incipientes): loureira, treixadura, godello, caíño branco, branca lexítima, torrontés, pedral, mencía, brancellao, castañal, loureiro tinto, mouratón e merenzao

-D-E (follas incipientes- follas estendidas): albariño. Nas plantas máis adiantadas de albariño xa comezan a verse os primeiros acios visibles.

As baixas temperaturas medias e mínimas continúan freando o desenvolvemento vexetativo do viñedo, ata o punto de poder diferenciar esta campaña como a máis atrasada dos últimos anos.

Ademais, comezan a detectarse síntomas claros de clorose en moitos viñedos debido a estas temperaturas baixas e ó exceso de humidade no solo. A persistencia destas condicións que estamos a ter durante todas estas semanas, poden provocar algún dano fisiolóxico susceptible de afectar parcialmente á fertilidade dos acios na floración.

Coidados culturais:

As precipitacións continuadas seguen dificultando as labores do terreo, que se deben realizar cun adecuado tempero. Unha vez se dean as condicións axeitadas é importante proceder á súa realización.

Incidencias fitosanitarias:

No abrocho e saída de follas as pragas e enfermidades ás que hai que facer un especial seguimento son:

Pedroulo (Cneorrhinus dispar Graells): Aliméntase dos gromos nalgunhas parcelas e en determinados rodais ou lindes do viñedo.

– Acariose: De momento non se están dando condicións para o seu desenvolvemento, pois as precipitacións continuadas diminúen a súa actividade potencial.

– Caracois: Os danos máis importantes deste gasterópodo son os que producen nas plantas novas, xa que se alimentan dos gromos. A humidade que se está a rexistrar está sendo moi favorable para o seu desenvolvemento.

– Excoriose: Nos estados fenolóxicos C-D-E, coa saída de follas no viñedo, se se producen precipitacións continuadas, como está a acontecer nesta campaña, danse as condicións para o desenvolvemento desta enfermidade. A sintomatoloxía detéctase especialmente na base dos gromos novos, con placas necrosadas, e esténdese ás follas e raquis dos acios que quedan afectados.

– Mildeu: Como se apuntaba no anterior boletín, a forte humidade que está a rexistrarse nesta primavera, é un factor que pode favorecer o adianto na aparición da primeira mancha de aceite en canto aumenten as temperaturas e alcance o viñedo un desenvolvemento da vexetación de máis de 10 cm, necesarios para a aparición da primeira mancha de aceite.

Recomendacións:

– Revisar os viñedos, con especial seguimento da posibilidade de detección de focos de pedroulo ou de caracois en plantacións novas. Se se detectase pedroulo, o insecticida aplicarase só nos focos e zonas afectadas. Coa persistencia de precipitacións non se recomenda a aplicación molusquicidas para o control dos caracois, xa que a auga de choiva os deteriora e perden a súa eficacia. A eliminación manual é, neste caso, o aconsellable. Nos viñedos con control ecolóxico, as aves soltas para o mantemento da herba supoñen unha importante axuda para o control dos caracois.

En canto pare de chover, recoméndase un tratamento preventivo da excoriose

– En canto rematen as precipitacións, recoméndase a aplicación dun tratamento fitosanitario para o control preventivo da Excoriose, especialmente nas parcelas con antecedentes de sintomatoloxía da enfermidade. As materias activas Mancoceb, Folpet, Metiram, Azoxistrobin+Folpet, Fluopicolida+propineb son as de posible emprego.

Este tratamento recoméndase realizalo con lanza manual, dirixindo a pulverización á vexetación incipiente, co obxecto de evitar a deriva do fitosanitario. Isto é especialmente importante no emparrado, xa que ten a vexetación menos localizada na liña de cultivo.

– Xunto co anterior tratamento, tamén se recomenda a aplicación de abono foliar a base de aminoácidos para reducir os efectos descritos polas baixas temperaturas e o exceso de humidade no solo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información