¿Que cambios se prevén en España nas autorizacións para plantar viñedo?

Os actuais criterios de repartición que utiliza o Ministerio de Agricultura para autorizar novas plantacións de viñedo provocan malestar no sector, ao non adecuarse ás realidades de cada rexión. Informamos dos cambios que se prevén

Publicidade
¿Que cambios se prevén en España nas autorizacións para plantar viñedo?

Plantación de viñedo en Valdeorras

O Ministerio de Agricultura está a negociar desde hai meses unha reforma do sistema de autorizacións para realizar plantacións de viñedo en España. O actual sistema, regulado polo Real Decreto 772/2017, xerou un importante malestar no sector, fundamentalmente polas limitacións que se impoñen aos pequenos viticultores así como as as grandes adegas, e pola falta de adaptación ás realidades do sector vitivinícola en cada Comunidade Autónoma.

Na última rolda de negociacións, celebrada a finais de abril, entre representantes do Ministerio e do sector (Asaja, UPA, COAG, cooperativas, consellos reguladores e Federación Española del Vino) chegouse a un principio de acordo sobre os novos criterios para a repartición das autorizacións, que de ser aprobados este ano, entrarían en vigor en 2019.

Os principais cambios sobre os que se chegou a un acordo, segundo informan a Campo Galego fontes presentes nas negociacións, son os seguintes:

-Límite máximo de superficie admisible por solicitante:

O texto acordado e que propón o Ministerio é que “Na concesión de autorizacións de novas plantacións terase en conta un límite máximo de superficie admisible por solicitante a nivel nacional de 5 hectáreas. O devandito límite só será aplicado cando o total de superficie admisible solicitada supere a superficie dispoñible para autorizacións de novas plantacións”.

Porén, as posicións dentro do sector son dispares. Así, mentres ASAJA defende un limite máximo por solicitante fixado ano a ano na resolución e que este sexa de 10 hectáreas, a FEV pediu elevar o límite a 20 hectáreas. O resto do sector pide que o novo Real Decreto fixe un límite máximo de 5 hectáreas por solicitante.

Ademais, pediron o Ministerio que explorase a posibilidade de que permita ás Comunidades Autónomas ou aos Consellos Reguladores establecer ese límite máximo por solicitante en cada zona, algo ao que o Goberno Central de momento non se avén.

-Cambios nos criterios de prioridade:

Hai un consenso entre practicamente todas as organizacións sectoriais no sentido de que priorice na repartición de novas autorizacións de plantación de viñedo aos mozos que xa son viticultores por encima dos que novos viticultores.

Neste sentido, os cambios que se propoñen para o novo Real Decreto son:

A) Bo comportamento previo do novo viticultor:
Proponse que “o solicitante sexa unha persoa física que no ano da presentación da solicitude non cumpra máis de 40 anos e que non tivese plantacións de viñedo sen autorización. Ademais, deberase cumprir que a data de apertura do prazo de solicitudes non lle venceu ningunha autorización para nova plantación concedida anteriormente por non ser utilizada, non teña plantacións de viñedo abandonado no Rexistro Vitícola desde hai 8 anos ata a apertura do prazo de solicitudes….”.

B) Priorizar aos viticultores con pequena ou mediana explotación:

A proposta actual é unha das que máis receos suscita, sobre todo en Galicia, xa que prioriza na repartición ao pequeno viticultor, considerando como tal a aquel que ten máis de 0,5 hectáreas de viñedo. Con todo, o pequeno viticultor galego vese penalizado por este límite, xa que debido ao minifundio moitos deles non alcanzan esta superficie.

Neste sentido, os cambios propostos van na liña de considera o límite de 0,5 hectáreas para toda a superficie agrícola do solicitante, e non só a superficie de viñedo.

Se o solicitante cumpre co criterio de pequeno viticultor daralla unha puntuación segundo o tamaño, e que variará segundo a comunidade autónoma.

C) Outras modificacións:

-Aplicarase un novo criterio de admisibilidade: non ter plantacións de viñedo sen autorización nin ilegais.

– As restricións na concesión de solicitudes de autorizacións de replantación e de conversión nunha DOP só se poderán aplicar de forma total.

A proposta de puntuación é a seguinte:

REPARTO_VIÑEDO_PROPOSTA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información